Libros, cine e televisión

Comentarios sobre o que vexo e leo

  • Agora estou a ler

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

  • Visitas

  • Arquivos

  • Categorías

Un tipo listo, de Xosé Monteagudo

Posted by romeroig o 24/03/2010

“Desde había anos sempre me parecera que as persoas que falecían en agosto eran mortos a destempo, dobremente sós e continxentes no seu instante derradeiro. A maioría dos seus coñecidos e amigos, incluso os parentes menos achegados, encóntranse entón de vacacións, despreocupados dos traballos e pesadumes e a mala nova do pasamento estoura na súa rutina como unha interrupción molesta que os obriga a cumprir uns poucos ritos doutra realidade que enseguida fica esquecida, coma se nunca existise”.
Cando un le un libro, as veces, atopa frases que lle quedan retidas na cabeza e que lle fan pensar en cousas que ao mellor nunca se lle pasaron pola cabeza, ou polo menos non dese xeito. Hai autores que son auténticos especialistas en facer pensar e reflexionar ao lector sobre a realidade cotiá, sobre cousas de todos os días e que conseguen que un as vexa como algo non tan cotián. Conseguir iso non é algo fácil, ao revés, e cando un atopa máis dunha frase dese estilo considera que está a ler algo que merece a pena, non so por isto, claro, ademais ten que ter unha historia que te atrape e te atraia, que interese ou, polo menos entreteña.
Isto é o que pasou cunha novela que me deixou un amigo hai uns días e que me durou pouco tempo, porque é curtiña, demasiado pouco para o que me gustaba, a verdade.
Titúlase “Un tipo listo”, escrita orixinalmente en galego por Xosé Monteagudo e publicada a finais do ano pasado na Editorial Galaxia, gañadora ademais do Premio García Barros do ano 2009, convocado polo concello de A Estrada.
Xosé Monteagudo é un autor nacido o 1 de xaneiro de 1965 nunha aldea da provincia de Pontevedra, Santa Xusta de Moraña. Nela pasou a súa infancia, adicando a maior parte do tempo a ler e escribir, como el mesmo di, relatando en secreto os pequenos feitos que pasaban ao seu redor. Aos 12 anos marchou interno ao colexio San Narciso, en Marín, onde estudou o bacharelato. En 1983 foi a estudar Dereito en Santiago, licenciándose en 1988. Preparou oposicións ao corpo de Xestión de Facenda, aprobándoas en 1990. Durante eses anos viviu un tempo en Madrid. O seu primeiro destino foi na Delegación de Facenda de Pontevedra, en 1991, traballo que segue desenvolvendo. Está casado é ten unha filla. Sempre foi un gran lector, de autores tanto clásicos como modernos, el mesmo destaca a autores como Poe, Dickens, Faulkner, case todos os hispanoamericanos, Antonio Tabucci ou Paul Auster entre outros moitos. Polo momento é autor de tres novelas, “As voces da noticia” (Premio Blanco Amor, 2002), “Esta historia” (2006) e a que lin eu, “Un tipo listo”. Nelas sempre trata de atrapar ao lector desde o principio e seguen un esquema similar, normalmente algún tipo de investigación sobre un feito ou un personaxe que soe ter unha vida oculta e insospeitada, que os seus achegados non coñecen.
Nesta novela cóntanos a historia de Manolo Cortizo, viúvo, pai de dous fillos, Ricardo e Darío; que é o que realmente conta todo o que vai acontecendo; e director dunha sucursal de banco na cidade de Vigo. Trala súa morte descúbrese un desfalco de moito diñeiro no banco no que Manolo traballaba e os seus fillos vense implicados no mesmo como principais sospeitosos. Darío empeza a ver cousas na vida do seu pai, a primeira o desfalco de millóns que parece que fixo, e que o levan a descubrir a un completo descoñecido. As relacións entre os irmáns nunca foron boas, a tampouco a que tiñan co pai, iso é algo que sabemos case desde o principio. Pero a medida que imos lendo, descubrimos, xunto con Darío, que a persoa que el pensaba que coñecía non ten nada que ver coa realidade, sumíndose nun profundo pozo de descubrimentos que o sorprenden cada vez máis. Ao mesmo tempo imos vendo tamén como era e como é a relación que ten coa súa muller e as súas fillas xemelgas e cun irmán co que sempre falou o mínimo esixible. A trama vai desenvolvéndose como se o lector fora acompañando a Darío, descubrindo o mesmo que el, sorprendéndose tanto coma el nunha trama perfectamente urdida para atrapar ao lector.
Na novela vai tocar temas tan distantes como a Guerra Civil, a prostitución, as relacións persoais, o matrimonio, as infidelidades, as inxustizas, a morte, a satisfacción persoal, o traballo…, todo isto provocado polo diñeiro, a ambición de telo, pola ambición dunha sociedade onde o éxito soe ser o resultado de negocios escuros.
A trama está perfectamente resolta, incluso as partes nas que o autor explica as complicadas manobras practicadas por Manuel Cortizo para quedarse con grandes cantidades de diñeiro están ben resoltas, aínda que nun principio poida parecer complicado entendelo as explicacións dadas polo autor a través dos avogados e dos protagonistas fan que vexamos o “sinxelo” que é quedarse cun diñeiro que non e seu e xogar con el a moitos niveis.
Unha das conclusións que se plasman no libro é que o que rouba un millón é un ladrón, pero o que rouba miles de millóns é “Un tipo listo”.
Recoméndovos esta lectura para pasar un bo rato, para entreterse con moita facilidade e para seguir unha historia chea de sorpresas, de xiros e situacións que vos van atrapar, seguro.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

 
A %d blogueros les gusta esto: