Libros, cine e televisión

Comentarios sobre o que vexo e leo

  • Agora estou a ler

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

  • Visitas

  • Arquivos

  • Categorías

Estamos de mudanza outra vez

Posted by romeroig o 02/09/2011

Por diversas razóns decidín hai uns días volver a cambiar a dirección deste blog, esperando que sexa a última vez que isto pase. Por un lado o servidor de nireblog desapareceu e so me daba a opción de mover todo a este de wordpress, pero agora volvo cambiar. Este permanecerá durante un tempo, pero todos os artigos novos irán ao outro xa, así que os meus seguidores xa poden anotar a nova dirección porque será o que funcione a partir deste momento. No novo está todo e as cousas que poña a partir de hoxe, así que se o tedes entre os favoritos cambiade a: www.lerevergalego.blogspot.com

Posted in Sen clasificar | Leave a Comment »

“Super 8”

Posted by romeroig o 24/08/2011

Hoxe vai outra de cine. Hai anos o do cine en verán era un pouco triste, as estreas mais comerciais quedaban reservadas para outras épocas do ano e non era nada fácil ver algo de cine máis ou menos decente nesta época. Desde hai un tempo esta dinámica cambiou un pouco e as grandes compañías do cine americano deixan unha boa parte das súas películas máis comerciais para esta época. Se a iso lle sumamos que por estes lares estamos a ter un verán máis ben frouxo imos máis ao cine nesta época que noutras, á vista está porque xa pasaron por aquí varias cintas recentes. Nesta semana dúas veces, así que vou deixar este comentario da máis recente e a outra para dentro duns días. Hoxe toca “Súper 8”, cinta que recomendo a todos os afeccionados ao xénero de ficción e aventuras, a nós gustounos moito.

Cando lin que un dos, para min, mellores guionistas de series de televisión relacionadas coa ciencia ficción e as aventuras pasábase ao cine pensei en que outros moitos fracasaron neste paso, aínda que parecidos son mundos distintos. Na televisión, por ser series longas, podes traballar máis as cousas, ser menos directo e darlle máis voltas; no cine tes que tentar concentrar as cousas en pouco máis de dúas horas de proxección e iso, para unha persoa acostumada as temporadas das series televisivas pode non ser sinxelo. Por outro lado falamos dunha persoa que ata certo punto revolucionou algo este mundo das series. Falo de J. J. Abrams, ao que moitos coñecerán sobre todo por dúas producións televisivas con gran cantidade de seguidores en todo o mundo, “Perdidos”, e “Fringe”, ambas entre as miñas favoritas (de paso recomendo encarecidamente a terceira temporada desta segunda que menciono, realmente boa, chea de sorpresas e xiros inesperados). Creo que podemos consideralo un dos renovadores da ficción en terras americanas e cunha forma de facer as cousas bastante persoal e recoñecible en moitos aspectos. A súa primeira incursión no cine como director foi “Misión Imposible 3”, para min unha película fallida e que no tiña moitas cousas que destacar. Pero a estrea da nova versión de “Star Trek” no 2009 creo que foi moito máis atinada, renovando un clásico e dándolle un aire novo. Esta nova película como director conta ademais cun guión escrito por el mesmo (non como nos casos anteriores) e nótase a súa man e a súa mente en moitos dos aspectos da película, ten ese aire Abrams que como digo pode verse nas súas series. Conta ademais coa colaboración na produción dun dos directores que penso que máis fixeron polo cine de ficción e entretemento e que hai tempo que non nos deixa nada novo, falo de Steven Spielberg. Nada malo podía saír desta unión entre un director que podemos considerar xa case como un clásico do cine moderno e outro que pode recoller a testemuña pero poñendo algo propio no que fai.

A historia é bastante simple. Joe é un rapaz cuxa nai acaba de falecer nun accidente na fundición na que traballaba, ademais o seu pai é un dos policías do pobo. Ten un grupo de amigos moi afeccionados ao cine, sobre todo Charles, que soña con ser director. Por esa razón os cinco amigos están metidos na dirección dunha película de zombis para participar nun concurso de cine para directores novos. Eles encárganse de todo, dirixir, actuar, maquillaxe…, coa súa pequena cámara de super 8. A todo isto a acción transcorre no ano 1979, perfectamente ambientada non so polos lugares onde transcorre, senón tamén por unha banda sonora de temas da época moi coñecidos, de aí tamén que non usen tecnoloxía dixital nin nada moderno, a época marcará a forma de facer as cousas e o título da mesma. A primeira cinta que gravan terá que ser vista varios días despois, o que tardan en revelala nunha tenda de fotografía (algúns aínda recordarán isto). Convencen a unha rapaza, Alice, para que se encargue de darlle o toque feminino á produción. Unha noite saen a gravar algunhas escenas a unha estación de tren, e chegada de un será o marco ideal para desenvolver a escena, pero nese momento unha camioneta impacta contra o ferrocarril e desátase un tremendo accidente (as imaxes do mesmo son realmente espectaculares) que traerá consigo o fío central da historia. Algo viaxa nese tren, non sabemos que é, pero si que empezarán a pasar cousas estrañas e misteriosas, desaparicións e a intervención, como non, dos militares tentando esconder algo. Durante o accidente a cámara cae ao chan, pero a filmación seguirá e parte do que pasa quedará recollido nesa cinta. Se queredes saber que é teredes que ir vela, eu non penso contalo.

A historia non é nada orixinal. Do mesmo modo advirto que xoga con moitos tópicos e lugares comúns do cine deste tipo. Podemos atopar momentos relacionados con películas clásicas como “ET”, “Encuentros en la tercera fase” e a historia do neno que queda orfo de nai cun pai que queda pechado en si mesmo e non se preocupa demasiado do seu fillo é outro elemento máis que visto. Nalgunhas críticas lin, antes de vela, que moita xente falaba dela como unha posta ao día dunha cinta que moitos recordarán, “Los Goonies”, un clásico do cine de aventuras protagonizado por grupos de amigos adolescentes. En certo modo podemos vela así, pero so en canto á idea do grupo de protagonistas e as aventuras, esta de hoxe paréceme algo máis seria, cando “Los Goonies” tiña máis un aire simpático e divertido con algúns momentos de tensión. Non quero que se vexa isto como un aspecto negativo da cinta, porque para min non o é. Certo que quizais se bote en falta algo máis de orixinalidade e as veces ten un a sensación de ver cousas que xa viu antes varias veces, pero o mérito é que esa mistura quede máis como unha homenaxe que como unha imitación. Aínda así o desenvolvemento da mesma, a historia, o plantexamento e a dirección danlle un aire o suficientemente decente como para que mereza a pena.

Quizais o mellor da historia, ademais da dirección, sexan os actores. É desas cintas nas que os actores non son case coñecidos, pode soarnos algunha cara, pero non hai grandes nomes. Todos os personaxes que encarnan ao grupo de adolescentes protagonistas parecéronme realmente bos, a pesar de que nalgún momento deume a impresión de que a dobraxe ao castelán estragaba algunha escena soando algo forzado e pouco natural, pero so en certos momentos. Os dous personaxes centrais, Joe e Alice, gustáronme moito, moi naturais e expresivos e convencendo realmente ao espectador do que están a facer. Tampouco podía faltar neste tipo de grupos o chico “excéntrico”, neste caso afeccionado ao lume e ás detonacións, Cary, que é o encargado de relaxar os momentos de tensión ou perigo coas súas ocorrencias e saídas. O resto, fóra deste grupiño, tamén cumpre perfectamente, demostrando que non hai que ter actores de renome para facer algo decente e ben interpretado. Outra cousa que destacaría é que ten un aire de película dos anos oitenta, con efectos especiais simples, nada demasiado espectacular, axudando así aínda máis a darlle credibilidade ao desenvolvemento da trama. Ese aspecto de película de hai anos gustoume moito tamén e penso que tiña que destacalo.

A min, aínda que me recoñezo seguidor deste tipo de cine, pareceume unha película destacable, interesante, entretida e recomendable. Avalada por Abrams e Spielberg, como dixen ao principio, non podíamos esperar algo malo ou aburrido. É cine de entretemento pero cunha certa calidade, con algúns momentos orixinais a pesar de manexar, como dixen, moitos momentos comúns do cine de aventuras. Non creo que lle sobre nada e tampouco que lle falte, cumpre co que promete sen pretender pasar á historia do cine, deixando un bo sabor de boca no espectador. Agora teredes que ir vela, a ver se vos convence tanto como a min, xa mo diredes.

Posted in Cine | Leave a Comment »

“El jinete del silencio”, de Gonzalo Giner

Posted by romeroig o 18/08/2011

En maio do ano pasado, aos poucos meses de poñer a andar este blog, comentei unha novela do mesmo autor que a de hoxe. Gustárame bastante porque, como comentaba, era unha novela que podíamos encadrar dentro do xénero histórico, pero tiña unha serie de elementos que a facían atractiva e algo distinta, refírome a “El sanador de caballos”, de Gonzalo Giner. Hai uns meses no escaparate dunha librería vin que publicara unha nova novela e tendo en conta que a anterior resultárame moi atractiva esta novidade quedou anotada entre as lecturas a facer en breve. Hai pouco que a rematei e xa de entrada vou dicir que me gustou moito, quizais algo máis que a anterior. É unha novela recentemente editada co título de “El jinete del silencio” e ten tantos elementos ou máis que a outra para facela tamén algo distinta ao habitual no xénero. Aínda que tamén está moi relacionada co tema dos cabalos neste caso está plantexada desde un punto de vista distinto, desde outra óptica. Outro elemento diferenciador que fai que sexa tamén atractiva é que non transcorre na Idade Media, como a maior parte das do xénero, agora nos trasladamos aos principios do século XVI, o Renacemento, unha época onde o principal xa non son as guerras, os enfrontamentos por cuestión de relixión ou este tipo de situacións. Polo distinto paréceme unha época histórica moi atrainte e interesante, chea de movementos novos, de formas novas de ver a vida, menos escura e quizais máis optimista. So é unha casualidade que a última novela que me gustou do xénero e comentei aquí transcorrera máis ou menos pola mesma época; falo de “Prométeme que serás libre”, pero son dúas historias completamente distintas, merecen moito a pena as dúas e ambas teñen moitas cousas para facelas interesantes.

 Non vou de novo a facer unha recensión biográfica, non pasou tempo suficiente como para engadir novos datos, así que o que teña curiosidade e non lese o comentario anterior que vaia un pouco atrás no historial para facelo.

 A novela comeza a principios do século XVI en Xerez da Fronteira, Isabel é unha rapaza que traballa como criada na casa duns ricos comerciantes, Luis Espinosa e a súa muller Laura. Don Luis é un home cobizoso de diñeiro e poder que manterá unha relación con Isabel, que terá como resultado un embaraza. Ela esconde ese estado a todos os da casa, menos a unha amiga, e dara a luz case a escondidas a un neno que parece non reaccionar ao nacer, crendo que está morto, ata que un cabalo lame a súa cara e comeza a chorar, case como nunha resurrección, este é Iago, ao que podemos considerar o protagonista da novela. Este nacemento gracias, digamos, ao animal, será o principio dunha especial, marabillosa, distinta e estraña asociación deste rapaz con estes animais, cos que sempre establecerá unha relación que poucos alcanzarán a entender. Isabel vese obrigada, para manter o segredo, a levarlle ao neno á súa irmá Aurelia, que vive en Sanlúcar. Esta ten unha tenda de viños e non acolle de moi bo grado o traballo de coidar ao fillo da súa irmá, aparte de polas súas conviccións relixiosas porque esta tampouco quere dicirlle o nome do pai. O traslado complícase, Isabel non poderá volver a ver ao seu fillo porque é encerrada no soto da casa, don Luis saberá que é o pai e decide soterrala viva para que non comprometa máis a súa situación con dona Laura, a súa muller (por se acaso engado que non estou a contar nada que non pase nas primeiras páxinas da historia). A partir de aquí a vida de Iago complícase moito máis do que calquera podería imaxinar. É un neno especial, distinto, cun trastorno que na época podería ser considerado como loucura ou incluso como unha posesión demoníaca, e ese problema será o que lle provoque os primeiros atrancos coa súa nai adoptiva, que case non quere nin pode velo diante. Parece o síndrome de Asperger, unha variante do autismo que evidentemente nesa época era completamente descoñecido, e habería que esperar varios séculos ata que fora, polo menos, catalogado. Desde pequeno é incapaz de comunicarse cos demais, ten arranques de furia, non pode mostrar os seus sentimentos e calquera cousa o descoloca, se a isto lle unimos os seus movementos rítmicos, constantes e continuos podemos deducir facilmente o que a xente que lle rodea ao principio da súa vida é incapaz de saber que lle pasa. A partir de aquí sufrirá moitos problemas, moitas situacións ás que non saberá enfrontarse e moitos momentos de gran e profunda tristeza, soidade e dor. Pero tamén terá bos momentos, que sobre todo ao principio, durarán pouco e serán sempre seguidos de profundos baixóns. Xunto a el, ao longo da historia, varios personaxes serán moi importantes e irán aparecendo pouco a pouco na súa vida. A maior parte deles preocuparanse del, tentarán axudalo e sacar todo o bo que ten dentro; outros o contrario, faranlle pagar de múltiples formas as súas diferencias e a falta de comprensión e cariño. Destacan entre os que están ao seu lado o cartuxo Camilo, un home namorado da música e dos cabalos, ou Volker Wortmann e Carmen Bartelli. Tamén será unha constante a presencia do seu pai, don Luis Espinosa, que será outro dos personaxes centrais, ou o guardián da Saca Fabián Mandrago. Estes que mencionei son, quizais, o núcleo central dunha historia na que destaca Iago, pero que ten outros fíos argumentais que converten a estes tamén en protagonistas da narración, dándolle máis variedade e interese. E xunto a eles os cabalos son o elemento central da historia, vistos con gran cariño e converténdoos tamén en protagonistas do desenvolvemento da acción. Desde España a Xamaica ou Italia, estes tres lugares serán os sitios por onde discorrerá a vida de todos estes personaxes.

 Creo que non podemos considerala nun sentido estricto unha novela histórica, eu véxoa máis como unha novela de aventuras que se desenvolve nun marco histórico, pero que non é o centro da acción. O Renacemento funciona como a época perfecta para desenvolvela, con todos os seus cambios e novas formas de ver a vida, onde a relixión xa non é o centro do mundo e hai xa outras cousas nas que centrarse. Hai unha serie de personaxes históricos que aparecen na mesma, Iago incluso chegará a coñecer a Miguel Ángel nunha visita a Roma, pero non son a parte fundamental da historia. O máis importante da novela son os personaxes ficticios, todos eles moi ben deseñados, presentados e desenvolvidos sen caer en ningún momento en describilos en exceso, imos coñecelos sobre todo polos seus actos e pola súa intervención na historia. Destaca evidentemente por riba de todos Iago, non son moitas as novelas protagonizadas por personaxes con este tipo de trastornos e penso que o autor soubo reflectir moi ben todo o que pode pasar pola súa cabeza, está tratado cun gran cariño e incluso penso que non lle tivo que ser demasiado sinxelo interpretar o que pasa pola súa mente e os seus sentimentos. Destacaría tamén o epílogo final da novela escrito polo autor dando algunhas explicacións sobre o tema do libro, que lle levou a deseñar a este personaxe como protagonista e os estudios e libros cos que tomou contacto para poder achegarse un pouco á mente de alguén que non é capaz de expresarse con facilidade. Tamén en relación con este tema comenta algo sobre as novas terapias realizadas con autistas poñéndoos en relación cos cabalos, unha relación que parece estar a dar resultados positivos. Estes son os outros personaxes principais, os cabalos. Eran tamén un dos temas da súa anterior novela, pero nesta están tratados aínda con máis cariño e aprecio, esa relación que establecen con Iago, tan especial e que a moitos dos personaxes resúltalles incomprensible, aparece para o lector como un vínculo especial, perfectamente plasmado e desenvolvido. O tema os cabalos, as razas, os cruces para melloralas está metido dentro da historia con total perfección, sen resultar en absoluto pesado nin aburrido, aparece en conversacións como un elemento máis da historia, o que lle da máis realidade e presencia.

 Gustoume bastante e é moi recomendable, porque non creo que vaia decepcionar a ninguén. Creo que a elección do protagonista é acertadísima e o seu desenvolvemento moi ben conseguido, algo que non me parece demasiado sinxelo tendo en conta as súas especiais características. Certo é que a cantidade de desgracias que lle pasan poden resultar esgotadoras, pero un sempre está esperando a que esa liña cambie e a vida de Iago poida mellorar dunha vez. Son tan intensos os momentos de decepción e dor como os de alegría e optimismo, unha intensidade que o autor conseguiu levar ao lector con total perfección. A novela lese con moito agrado e facilidade, ten un estilo sinxelo e fácil (algo que se consegue con moito traballo) e o lector sufrirá e se alegrará coas aventuras e desventuras deste grupo de personaxes, non so do xa mencionado. Quizais para min este sexa un dos seus maiores méritos, que non se centra soamente nun, senón que cada un ten a súa historia, relacionadas entre si, claro está, e todos eles serán protagonistas nalgún momento da trama, facendo que todo resulte máis atractivo e crible. Xa digo, tedes que lela, non creo que vos decepcione.

Posted in Libros | Leave a Comment »

Uns días de descanso

Posted by romeroig o 27/07/2011

Para todos e todas os que me len avisar que non o deixo, so me vou tomar uns días de asueto e descanso, que hai que atender a outras moitas cousas, respirar, descansar e tomarse uns días de vacacións. Quero avisalo para que ninguén pense que xa non vou continuar con estes comentarios, seguirei con eles en breve.

Posted in Sen clasificar | 1 Comment »

“Son un gato”, de Natsume Söseki

Posted by romeroig o 18/07/2011

Hai uns meses un amigo que sabe que son un bo lector díxome se lle podía buscar unha novela da que lle falaran moi ben. Claro que el so sabía que era dun autor xaponés e que era algo dun gato; non eran demasiados datos, pero buscando por internet en pouco tempo conseguín descubrir de que se trataba. Hai pouco me acordei dela e decidín lela, entre outras cousas porque de paso que investigaba vin que todos os comentarios que había sobre ela eran moi bos, e tamén que falaban de que era un dos autores máis recoñecidos do seu país. A verdade é que me gustou bastante, algo distinto ao habitual, pero curiosa, entretida e con moito contido. La novela é “Son un gato” e o autor Natsume Söseki.

 Natsume Kinnosuke é o nome real deste autor, nacido en Tokio en 1867 e falecido na mesma cidade en 1916. Os seus pais eran funcionarios públicos e aos dous anos de idade entregárono en adopción a un dos seus criados. En 1884 matriculouse para estudar Arquitectura na Universidade Imperial de Tokio, aínda que acabou estudando Lingua Inglesa. Dous anos despois coñeceu ao poeta Masaoka Shiki, que o introduciu na composición de “haikus” (tipo de composición poética tradicional xaponesa, son poemas moi breves normalmente con temas relacionados coa natureza) e neste momento cambia o seu apelido literario polo de Söseki. Unha vez licenciado traballou como profesor de inglés, ao principio na súa cidade natal e logo na Illa de Shikoku, destino que algún dos seus amigos considerou como case un desterro polo lonxe e abandonada que estaba esa zona. Aí estivo dous anos e varias das súas experiencias co alumnado aparecen reflectidas nunha das súas obras máis coñecidas, “Botchan” (1906). Logo recibiu unha beca da Universidade de Tokio para estudar inglés en Londres, onde pasou tres anos, sobrevivindo a duras penas á falta de diñeiro e a soidade, aínda que lle valeu para tomar contacto con obras de moitos escritores ingleses. Á volta traballou catro anos na cátedra de Filoloxía Inglesa da Universidade Imperial, traballo que non lle satisfacía e ocupando todo o seu tempo libre en escribir. A súa obra literaria comezou con relatos breves de carácter cómico e satírico por entregas que se publicaron en algunhas revistas literarias; estas deron lugar en 1905 á súa publicación nun so volume co título de “Son un gato”. En 1906 escribiu “Botchan”, que se considerou a súa primeira novela, con gran éxito de crítica; nela conta de forma case biográfica as experiencias dun profesor de Tokio que ten que ir traballar a provincias. A partir de aquí escribe case unha obra por no, case sempre co tema do enfrontamento e a mistura entre os costumes orientais e os occidentais que se producía en Xapón; en todas elas domina o ton sarcástico e crítico. En 1908 aparece outra das súas novelas máis importantes, “Sanshiro”. Aos 40 anos empeza a escribir artigos e críticas literarias no diario máis importante do seu país. Neste mesmo periódico publicouse por entregas entre 1912 e 1913 “O camiñante”, unha obra máis madura e cun forte compoñente psicolóxico nos seus personaxes. De 1914 é “Kokoro”, que se considera a súa obra máis importante e unha das claves da literatura xaponesa. É un dos escritores máis importantes de Xapón, de obrigado estudio nas escolas.

 “Son un gato, aínda que non teño nome. Non sei onde nacín. O primeiro que recordo é que estaba nun lugar sombrío e húmido, onde me pasaba o día mallando sen parar. Foi nese escuro lugar onde por primeira vez tiven ocasión de poñer os meus ollos sobre un espécime da raza humana. Segundo puiden saber máis tarde, tratábase dun exemplar do máis perverso, un shoshei, un deses estudantes que soen realizar pequenas tarefas nas casas a cambio de comida e aloxamento […] Unha vez que me acostumei a esta novidosa perspectiva, tiven ocasión de estudar tranquilamente o seu rostro. O sentimento de estrañeza aínda permanece en min hoxe en día. En primeiro lugar falarei da súa cara: polo que eu sabía, as caras de todo bicho vivinte soen estar cubertas de pelo. Sen embargo, a súa estaba lisa e pulida como a superficie dunha teteira […] O centro do seu rostro estaba ocupado por unha enorme protuberancia con dous buratos no medio polos que, de cando en vez, emanaban pequenos penachos de fume; algo que considerei certamente abafante e amolador…”

 Este é un extracto do principio da novela. O gato é o protagonista, que rematara vivindo de casualidade cun grupo de xente do máis curioso e estraño. Chegará a unha casa dunha familia de clase media xaponesa formada por un profesor, a súa muller e as súas tres fillas. Aí, case como un moble ao que case ninguén ten en conta, convivirá con eles e será unha testemuña muda, para eles, pero non para o lector, da vida diaria deste grupo, unha vida que o gato entende a duras penas e incluso critica en máis dunha ocasión. É un animal tan prescindible para a familia que non terá nome en ningún momento da súa vida, ao contrario que algúns dos gatos e gatas que viven nas casas que están preto. A novela transcorre na súa maior parte dentro da casa, onde o gato vainos contar o día a día dos seus habitantes e dos amigos e coñecidos que os visitan, tan estraños como eles. Nalgún momento sae da súa casa e explorar a zona, pero pouco, e tomará contacto con outros gatos, como Kuro, o gato do carreteiro, con moita máis agresividade e confianza que o noso protagonista, que nin sequera é capaz de cazar un mísero rato. A familia está presidida polo mestre Kushami, un profesor de inglés hipocondríaco e feble, sempre con problemas médicos e empezando cousas que nunca rematará, compoñendo poemas que le aos seus amigos e sempre cheo de proxectos que rematan fracasando case antes de comezar. Ao seu lado a súa muller, as súas tres fillas pequenas e a criada da casa serán o centro das observacións e críticas do noso gato. Xunto con eles dous personaxes principais máis. Meitei, o mellor amigo do profesor, que se planta na súa casa cando lle apetece case como se vivira alí, un personaxe irritante que sempre ten algo que dicir, veña ou non a conto e que sempre tenta quedar por riba de todo o mundo e levar as conversas por onde el quere. Outro dos habituais é Kangetsu, un rapaz discípulo do dono da casa, inmerso en investigacións ridículas, tentando rematar unha eterna tese que lle dea o doutorado que desexa. Ademais temos á familia Kaneda, uns veciños ricos cunha filla en idade casadeira que parece ter unha relación dalgún tipo con Kangetsu. Este é o núcleo central, poucos personaxes máis hai e a maior parte do relato discorre ao redor das conversas destes personaxes dentro da casa do mestre.

 Narrador e protagonista ao mesmo tempo e case filósofo o gato funciona como unha testemuña que nos vai contar todo o que ve, opinando ademais sobre todas esas cousas e cuestionando boa cantidade delas, sobre todo de comportamentos que lle parecen ridículos, esaxerados, fóra de lugar ou, en algunhas ocasións, simplemente incomprensibles. Un humor entre negro e sarcástico domina todo o relato, centrado nunha sociedade que vive en plena influencia dos costumes occidentais dentro da pechada sociedade xaponesa, unha sociedade que está a cambiar cara a outros camiños distintos aos ancestrais que mantiñan. O relato está cheo dun humor fino nalgunhas ocasións e groso noutras, pero é imposible non manter un sorriso durante a lectura. Os comentarios do gato sobre estas situacións son directos, case como puñaladas contra moitas situacións e comportamentos. Veremos como sempre as cousas comezan cunha conversa entre varios dos personaxe que parece que vai aportar algo serio pero sempre deriva cara as palabras e opinións máis ridículas e histriónicas que poidamos imaxinar; e nalgúns casos ao lector resultaralle inimaxinable o lugar a onde van esas charlas nas que todos teñen algo que dicir, aportar ou opinar, aínda que non valga para nada, non aporte nada ou non teña nada que ver co que se empezou a falar o co que se está a dicir nese momento.

 Pareceume un bo relato, entretido e curioso, quizais nalgún momento poida derivar a situacións demasiado ridículas, pero está sempre dentro da intención dun autor que pretende ser moi crítico coa sociedade na que vive. Unha boa novela, distinta a moitas das miñas lecturas habituais pero que me gustou bastante, o suficiente para ler algunha das súas outras novelas, que penso que seguen esa mesma liña entre crítica e sarcástica. Recomendable desde o meu punto de vista, sobre todo nese sentido de tomar contacto con outras literaturas que teñen bastante que dicir.

Posted in Libros | Leave a Comment »

“Transformers 3. El lado oscuro de la luna”

Posted by romeroig o 08/07/2011

 

Outra de cine. Cando era máis novo e so había unha cadea e media de televisión a oferta cinematográfica para público xuvenil eran as películas de vaqueiros, piratas e as de espadachíns, as que máis me gustaban. Era basicamente cine de aventuras entretido e para nós espectacular. Hoxe teñen o equivalente a aqueles xéneros en outros con moito máis uso dos efectos especiais e quizais con argumentos algo máis simples, aínda que se somos sinceros e as comparamos tampouco é que os de aquelas de antes foran demasiado complicados. Cando queremos ir ao cine todos os de casa sempre dependemos do gusto dos meus fillos, claro, que son os que ao final teñen a decisión máis ou menos. De vez en cando eliximos nós con intención de que vexan algunhas cousas distintas, pero o normal é buscar algo entretido que máis ou menos poida gustar a todos. Isto pasou esta última fin de semana, tendo en conta que o tempo non era demasiado veraniego tocou cine. Estamos en verán e a carteleira está chea de películas “familiares” que buscan entreter sen demasiadas pretensións máis, pero como dixen máis dunha vez, creo que esa é unha das funcións principais deste espectáculo. Así que fomos ver “Transformers 3”, subtitulada como “O lado escuro da lúa”.

 

 É a terceira entrega baseada nos coñecidos xoguetes, eses que se transforman de coches en robots con características humanas e que hai que recoñecer que teñen o seu encanto, menos canto toca coller o robot e cambialo a coche, algo que moitos pais recoñecerán como algo realmente complicado, porque ademais o folleto que os acompaña parece feito por enxeñeiros da NASA en lugar de para nenos. Vin as dúas anteriores e non estaban mal, sen ser nada doutro mundo estaban entretidas e tiñan unha certa calidade dentro do xénero, pero cumprían. Creo que neste caso foi mellorando lixeiramente co tempo e non cumpren a premisa de que a medida que collen números van sendo peores. Esta terceira foi a que máis me gustou, igual que aos meus fillos, tendo sempre en conta o tipo de cine do que estamos a falar. Penso que dentro deste está algo por riba da media, un bo medidor é dicir que dura algo máis de dúas horas e media e non se nos fixo nada longa a ningún, esgotadora, iso si, pero non longa.

 

 Os personaxes son os xa coñecidos nese eterno enfrontamento entre o ben e o mal. Por un lado temos aos bos, os Autobots, que axudan aos humanos na súa loita contra os malos, os Decepticons. Como sempre ata pola súa imaxe son facilmente distinguibles, uns de cores vivas, atraentes e os outros moito máis escuros e sinistros. Nesta partimos da base de que a guerra espacial entre americanos e rusos dos anos 60 ven motivada pola aterraxe forzosa dunha nave espacial na cara oculta da lúa. É unha nave que escapou do planeta dos Transformers durante a guerra mantida entre ambos bandos polo dominio do mesmo e que motivou a súa destrución. Nela levan, ademais de a un novo personaxe, algo que lles permitiría transportar todo tipo de cousas desde o seu planeta de orixe a onde queiran. Isto vai provocar de novo un enfrontamento entre os dous grupos de Transformers, un liderado por Optimus Prime e o outro por Megatrón, acompañados dos robots habituais e algún novo. Por suposto Sam Witwicky, o humano que tomou contacto con eles na primeira, é outro dos personaxes centrais e que terá unha importante intervención no desenvolvemento da historia. A partires de aquí empezará unha espiral de acción, disparos, loitas e escenas espectaculares que xa non parará ata o final.

 

 Evidentemente non é unha película na que destaquen os actores nin o argumento. Prima a acción e os efectos especiais sobre calquera outra cousa, pero aínda así é sorprendente a nómina de actores que aparecen nela e que supoño que coa súa intervención tentan darlle un aire algo máis serio á historia, aínda que tampouco é que o consigan demasiado, pero fai gracia. Digo isto porque os fundamentais son os mesmos que nas anteriores, incluído o papel de Simmons, interpretado por John Turturro, que pasa de axente estatal a traballar pola súa conta como un ser algo lunático e especial, pero sempre simpático. Pero un non pode evitar poñer unha certa cara de sorpresa cando ve aparecer a John Malkovich nun papel secundario que tamén ten a súa gracia; a Frances McDormand como axente de enlace cos Autobots tamén cunha actuación que ten a súa gracia polo histriónica ou a Patrick Dempsey como o multimillonario para o que traballa a noiva do protagonista. Pero unha das maiores sorpresas é a aparición de Buzz Aldrin, o astronauta, interpretándose a si mesmo. Xa digo, moitos actores coñecidos que quizais tentan darlle algo máis de empaque e atracción a unha cinta que non busca máis que o puro e duro entretemento, sen demasiadas pretensións máis.

 

 O director é Michael Bay, especializado neste tipo de producións de acción, director que se deu a coñecer con películas como “Armaggedon” ou “Pearl Harbour”. Creo que é un bo director de escenas de acción, capaz de mover gran cantidade de elementos, pero que as veces cae na esaxeración, en pasar un pouco el límite e mover tal cantidade de cousas que poden facer que o espectador pérdase nalgún momento. Aínda así penso que está algo por riba doutros directores deste tipo de cine, así que as súas películas, aínda que non pasarán á historia do cine, sempre teñen un mínimo de calidade que fan que non decepcione e non aburra.

 

 Para os que vimos como foron evolucionando os efectos especiais en todos estes anos segue a ser sorprendente o que poden conseguir. Non deixa de chamarme a atención todo o que se pode facer neste momento nese campo. Certo é que en moitos casos eses efectos dominan sobre outras cousas máis importantes, como pode ser o argumento, pero neste caso estamos ante unha verdadeira marabilla visual, xa non sei que máis se pode facer, pero cada vez que vexo unha película deste tipo observo unha evolución que non sei a onde chegará. A presencia dos Transformers nestas tres historias vai sendo cada vez maior e as escenas nas que interveñen cada vez de máis duración e con moito máis detalle. Pouco ten que ver o que aparecía na primeira co que pasa nesta. As transformacións cada vez son máis rápidas e espectaculares e coidando cada vez máis o detalle. A súa presencia dentro da cidade e interactuando cos humanos é cada vez maior e resulta completamente crible. Os enfrontamentos que hai entre varios deles parecéronme alucinantes, a verdade. As escenas de acción, usando cada vez máis a cámara lenta, son moi boas e as veces un dubida de que o que está a ver non é máis que unha animación dixital, moi ben feita. Neste sentido é do mellor que teño visto nos últimos anos.

 

 Cine de verán, de acción, de palomitas e espectáculo. Pareceume bastante entretida e sobre todo espectacular, visualmente impresionante e con algúns momentos realmente bos. Resulta esgotadora en canto á cantidade de movemento e acción que ten, porque como xa dixen a historia é simple. Recomendable para pasar un bo rato en familia, polo menos a nós gustounos bastante a todos. Iso si, é para ver no cine, esta si que perde moito se a deixamos para a pequena pantalla da televisión. Non sei como resultará en 3D, non somos demasiado afeccionados á velas así e preferimos o formato de sempre. Se o verán non vai demasiado ben en canto ao tempo non é unha mala alternativa para unha tarde na que non se teña demasiado claro que facer.

 

Posted in Cine | Leave a Comment »

“Un cuento chino”

Posted by romeroig o 30/06/2011

 

En Vigo a oferta cinematográfica podemos dicir que non é escasa, aínda que tampouco é para tirar foguetes. Como na maior parte dos sitios o 90% de carteleira dedícase ao cine americano, ao que por este blog é evidente que son afeccionado, non o vou negar. Pero é complicado ver outro tipo de cine, outro estilo e sobre todo de outras nacionalidades. Soamente nos queda un pequeno cine que se sostén a medias onde se poden ver outras cousas. De todos modos hai cinematografías e actores que conseguen que as súas películas poidan verse dentro dos circuítos máis habituais, aínda que as veces poidan quedar eclipsadas por esas grandes producións e a espectacularidade que case pecha outras posibilidades. É o caso da película que fomos ver esta última fin de semana, que penso que sería unha pena que quedase oculta entre estas outras. Cando digo que hai actores que conseguen facerse un oco conto ao protagonista desta de hoxe, o arxentino Ricardo Darín, un deses actores que me gustan sempre e que alterna películas digamos máis “serias” con outras un pouco máis suaves, pero que non decepciona nunca, e nesta en concreto non o fixo en absoluto, xenial coma sempre. A película é unha estrea recente, espero que podades vela antes de que desapareza da carteleira, na sala na que estivemos eramos pouco máis de vinte persoas e iso ao día seguinte da estrea, unha pena, titúlase “Un cuento chino”.

A historia é simple. Roberto é un home que ten unha pequena ferretería das de toda a vida, lonxe das grandes cadeas, un negocio familiar que atende persoalmente. É un home huraño, protestón, que vive so porque quere e así o decidiu, maniático e moi metódico (apaga a luz todos os días ás once en punto da noite, nin un minuto antes nin un despois). A súa vida redúcese ao seu traballo e aos poucos clientes que van mercar catro cousas á tenda. Perdeu a súa nai cando naceu el (pero nunca a esqueceu, cada día polo seu cumpreanos ponlle unha pequena figura de cristal na vitrina na que tamén ten unha foto dela) e era moi afeccionada a coleccionar cousas, costume que el tamén ten. Entre xente que tenta ser a súa amiga pero á que rexeita; Mari, unha rapaza que é evidente que está namorada del pero á que tenta manter a unha certa distancia e os clientes “pelotudos” desenvolve o seu día a día. Pasa os días contando os parafusos ou as puntas das caixas dos provedores e reclamando, porque nunca veñen os que teñen que vir, todos son iguais, levantarse, almorzar sempre o mesmo, atender a tenda e pouco máis. Cada día tráenlle os xornais de varios sitios, o alimento da súa maior afección ata o momento, recortar noticias ridículas, esaxeradas, curiosas, incribles e poñelas nunha serie de álbums. Outro dos seus entretementos é ir no seu coche e aparcar ao lado das pistas do aeroporto, ver aterrar e despegar os avións…; pero un día algo vai pasar, algo que cambiará por completo a súa vida, a súa rutina, as súas relacións e a súa forma de ver a vida. Un taxi deixa a un chino tirado un pouco máis adiante de onde está el. Cando o ve é incapaz de non facer nada, pero o problema é que o chino non ten nin idea de castelán e, claro, Roberto non sabe unha soa palabra de chino. Terá que esforzarse por facerse entender, con moitas dificultades, claro. E así, a base de xestos, desesperación, enfados e situacións ridículas vai nacer unha relación entre eles que fará que moitas cousas cambien para Roberto e o seu entorno. Como noutros casos non quero contar moito máis, é mellor ir vela e ver por onde van os camiños de dúas persoas distintas, que case non se entenden e como acabará a historia.

O director é Sebastián Borenzstein, con algunha película máis anterior e producións para televisión, é a primeira película súa que vexo, pero mantén esa liña de cine arxentino tranquilo, delicado, suave, pausado e cun certo compoñente crítico que aparece en varios momentos, igual que ese humor negro que se está a facer tan característico das producións dese país e que penso que por aquí entendemos moi ben.

No que se refire aos actores non imos agora descubrir a Ricardo Darín, un actor xenial e que lle da un aire de calidade a calquera cousa na que aparece. Aquí está moi ben, na súa liña, recreando perfectamente a ese ferreteiro solitario, con mala uva, que vive metido en si mesmo e con medo a abrirse, saír do seu mundo, namorarse, pechado a calquera cousa que altere a súa vida diaria. Ten momentos realmente bos, como no que se enfronta á policía que non quere facer demasiado polo pobre chino e tamén todos aqueles nos que aparece un cliente “pelotudo” na súa tenda, ou cando vai ao Consulado Chino xa desesperado porque ninguén lle bota unha man. É un actor que so cos ollos nun segundo transmite máis sensacións que outros en hora e media de película, así que sempre merece a pena. Pero Ignacio Huang, o actor que fai do chino que aparece na vida de Roberto foi todo un descubrimento encarnando a Jun, non di unha soa palabra en castelán en toda a película, pero chega un momento no que case entendes á perfección o que quere dicir. Ten unha cara enormemente expresiva e transmite en todo momento con mestría as situacións de agobio, tristeza, de alegría perfectas en cada escena. O mellor da cinta son as situacións nas que están os dous xuntos, que compoñen a maior parte da película, a comunicación ou falta de comunicación sobre todo ao principio, vai quedando pouco a pouco compensada polos esforzos que fan, sobre todo Roberto, para chegar a un bo final. E logo temos a Muriel Santa Ana, que fai o papel de Mari, unha muller que está namorada de Roberto e que non está disposta a renderse ante o medo de este ao compromiso, a manter unha relación con alguén, a ter unha vida algo máis feliz e chea que a que ten. Claro que el ten as súas razóns, a súa vida marcou moitas cousas e iso é algo que teredes que descubrir ante a pantalla.

Non é unha marabilla, non é a mellor película que se pode ver neste momento e non quedará entre as grandes producións de Darín, pero si que é unha cinta que merece a pena ver, xa sexa no cine ou en DVD na casa dentro duns meses. Garante que estaredes toda a metraxe cun sorriso, a veces de moderada tristeza e outras de alegría, e que sairedes do cine con ese leve aire de contento co que un sae cando ve algo que lle di algunhas cousas e no fondo merece a pena. A súa estrea en Arxentina non esperaba o éxito que tivo, era case unha película menor que foi crecendo gracias ao público. Creo que neste maremagnum de cine espectacular e falto de argumento merece a pena sentarse un rato a ver algo distinto, máis calmado, máis suave pero moi entretido e con momentos realmente bos. Non da máis nin menos do que promete, é unha película lenta pero que non cansa nin aburre en ningún momento, para gozar de varias actuacións moi destacables e sobre todo convincentes e dun argumento con máis dun momento orixinal e inesperado. Eu recomendaríaa, sobre todo para escapar dese outro tipo de cine que, aínda que tamén me gusta, as veces cansa un pouco; para ver algo distinto. Non creo que vos decepcione.

Posted in Cine | 2 Comments »

“Tardes con Margueritte”, de Marie-Sabine Roger

Posted by romeroig o 15/06/2011

“Decidín adoptar a Margueritte. Pronto celebrará os seus oitenta e seis anos, máis vale non agardar demasiado. Os vellos teñen unha lixeira tendencia a morrer.

Así, se lle pasa algo, non sei: caer ao chan na rúa ou que lle rouben o bolso dándolle un empuxón -aí estarei. Podería chegar enseguida e separar á xente do medio e dicirlle:

– Vale!, veña, xa está, agora liscade de aquí!, xa me encargo eu: é a miña avoa.”

A finais de agosto do ano pasado comentei neste blog unha película que me gustara moito por varias razóns. Cando saín do cine tiña na cabeza facerme coa novela na que se baseaba, pero a verdade é que non a atopei e logo foi algo que quedou algo esquecido. Recentemente chegou as miñas mans e non perdín a oportunidade de lela e, sobre todo, de gozar con esta lectura. Aínda que a adaptación cinematográfica é excelente, cousa que non soe ocorrer demasiadas veces, a lectura do libro foi toda unha experiencia e, aínda coñecendo a historia, non deixou de sorprenderme, emocionarme, sorrir e ata reprimir pequenas vágoas. Nun comentario que alguén me deixou da película dicía que “sensible” era a palabra que mellor a definía, é certo, pero a cantidade de sensacións que poden chegar a conseguir as palabras que nos contan a historia non se poden comprimir nunha soa, calquera que elixamos quedaríase curta. Falo dunha novidade recente por parte da Editorial Galaxia na súa colección Costa Oeste, “Tardes con Margueritte”, de Marie-Sabine Roger. Tamén podedes atopala en castelán en Duomo Editorial, do ano 2009.

 Curiosamente custoume bastante atopar datos biográficos sobre esta autora, moi coñecida no seu país, pero parece que algo menos fóra del. É unha muller nacida en Burdeos (Francia) en 1957. Comeza a escribir a finais dos anos 90, deixando o seu traballo ata ese momento como profesora de educación infantil. A maior parte da súa produción son relatos curtos e libros ilustrados para nenos, neste apartado podemos falar case de cen obras, todas elas pensadas para este público. A novela que comento hoxe publicouna no ano 2009, co título orixinal de “La tête en friche”, que viría a ser algo así como “A cabeza en barbeito”, que reflicte perfectamente a historia que nos vai contar, logo me explicarei algo máis. Practicamente é a súa primeira obra pensada para uns lectores algo máis adultos, logo publicou dúas máis pensadas para este tipo de lectores que espero que aparezan nalgún momento por aquí, gustaríame lelas.

É a historia de Germaine Chazes e a muller que vai cambiar a súa vida, Margueritte. É un home que vive nun pobo francés, non é demasiado intelixente ou iso parece, pero o que realmente lle falta é cariño, amor, sentimentos, vivencias que por unha serie de razóns non tivo e que vai ter a raíz do seu encontro con esta entrañable velliña que lle vai ensinar tal cantidade de cousas que nunca llo poderá agradecer como merece. En ningún momento da súa vida tivo a alguén que realmente se encargara del, que o dirixira, que lle ensinara todas as cousas que son necesarias para vivir como unha persoa chea. A súa nai, como el di, naceu sen instinto maternal e a súa relación con ela sempre foi complicada, por dicir algo, case podemos dicir que foi unha relación inexistente. Non coñece ao seu pai, é froito dunha relación dunha noite, cousa que ela recordaralle sempre. Nunca foi moi espabilado, no colexio tampouco ninguén tivo a paciencia suficiente para lle ensinar algo. Vive traballando no que pode, sendo branco de bromas por parte dos seus amigos, sobre todo por esa falta de intelixencia que ten, pero o que máis lle falta é intelixencia para captar e desenvolver as súas emocións. Vai ao bar e charla con Marco, Julien ou Landremont…, pero iso non é vida. A súa nai está na casa familiar, mentres el vive nunha caravana que un antigo noivo dela deixou alí, incapaz de convivir con ela baixo o mesmo teito. Ten o costume de ir ao parque e sentarse nun banco a contar pombas, ás que ata lles pon nome para poder identificalas e distinguilas. Pero un día, no seu banco, atopa unha muller maior e ponse a falar con ela, é Margueritte; é entón cando vai descubrir todo o que ata ese momento perdera, sobre todo porque ninguén quixo encargarse de ensinarllo. A súa vida vai cambiar, a súa forma de ver as cousas tamén, vai descubrir non so os libros e as palabras, o dicionario…; o maior descubrimento de todos serán os sentimentos, o amor con maiúsculas e unha serie de cousas que farán que a súa vida e sobre todo a forma de ver as cousas que o rodean cambie radicalmente. Gracias a ela vai pensar en cousas que antes nin se lle pasaran pola cabeza, incluso a relación que mantén con Anette, unha moza do pobo coa que se ve de vez en cando cambiará de tal xeito que pasará case de ser un pobre home a medias a un home completo.

 O título do orixinal francés paréceme perfecto, Germaine non é un parvo, non é unha persoa moi intelixente, pero a falta de atención e cariño durante toda a súa vida fai que sexa un pouco máis lento que os demais e sobre todo máis directo, menos delicado, cunha forma de ver a vida un tanto especial. A súa cabeza e o seu corazón están descansando, esperando, repousando ata que alguén poña a semente para que xermine nun terreo perfecto para facelo. Cando Margueritte pon esas cosas na cabeza e no corazón de Germaine todo crece e se desenvolve tan rapidamente que todos os que están ao seu redor non poden crer o que ven, o gran cambio que se produce nel e non so a un nivel cultural, senón sobre todo desde un punto de vista persoal, comportándose dun xeito que descoñecen e facendo cousas que moitos non crían que puidera facer, pensar ou dicir.

 Xa dixen no seu momento que a película pareceume espléndida, chea de sentimento e sensibilidade sen caer para min en ningún momento en tópicos nin en tentar conseguir a vágoa fácil. Agora que lin a novela creo que é unha máis que boa adaptación do texto escrito, a idea central está presente na cinta e o desenvolvemento da mesma segue bastante ben a historia que lemos. So lle vou atopar un par de carencias, que non defectos, porque sempre temos que ter claro, polo menos eu, que unha cousa é a novela, a palabra escrita e outra a película, o visual; non é sinxelo moitas veces levar as palabras á imaxe. A novela reflicte perfectamente como Germaine descobre as palabras e o seu significado, que é o que máis chama a atención na película, pero é marabilloso ler os significados no papel das palabras que Germaine descoñece e que vai metendo nos seus diálogos diarios. Unha das primeiras cousas que Margueritte regálalle é un dicionario, así no texto cando aparece unha palabra que non coñecía, imos ler tamén a súa definición, como deixando claro que a partires dese momento vai saber usala. Na cinta parece que todo o proceso de cambio de Germaine é gracias ás palabras e á lectura, e outras cousas quedan un pouco máis diluídas no argumento. Na novela isto tamén é fundamental, pero o cambio do protagonista ven sobre todo por como o trata Margueritte, por como fala con el, pola paciencia que ten. O fundamental é iso, que fala con el, tenta entendelo, comprendelo e ensinarlle cousas que ata ese momento non coñecía. Descúbrelle o mundo dos sentimentos pola xente, polas cousas, polos actos, por todo o que está ao seu redor e, sobre todo, que el tamén é unha persoa como as demais, que pode facer o mesmo e que pode ser incluso mellor que moitos dos que o rodean. Non vai facer del unha boa persoa, porque iso é algo que xa estaba nel, pero ela saberá como sacar todo o que Germaine ten dentro, que é moito. O mellor da novela e ir lendo como sa vai producindo ese cambio, porque ademais é algo perceptible a medida que un le, a forma de redactar, de falar, de pensar do protagonista vai cambiando a medida que avanza o texto, xenial.

 Nótase que é unha autora que escribiu moito para nenos. A forma de plasmar todos eses sentimentos e sensacións é fantástica. Hai liñas e liñas que merecen a pena, que quedarán gravadas na mente do lector e recordara máis adiante. O xeito de falar e de comportarse de Germaine vai cambiando e o lector asiste a ese proceso de cambio, de xerminación, case de nacemento dun home que pasou de pasmar polo mundo a formar parte activa del. Está escrito cunha delicadeza case maxistral, cunha linguaxe e unhas imaxes que chaman a atención e que farán que máis dunha vez un sorriso asome aos nosos beizos, e noutras ocasións a emoción será tamén moi grande, facendo que unha pequena bagoa, normalmente de felicidade, apareza tamén. Os dous personaxes centrais teñen tantas cousas dentro de si mesmos que é imposible que o lector non se sinta a gusto con eles e desexe que todo saia ben para ambos.

 Non quero facer unha comparación, nada máis lonxe da miña intención e direi que ambas merecen moito a pena, é máis, se un xa viu a película debería ler a novela, e viceversa. E se non fixeches ningunha das dúas cousas animádevos, estou seguro de que non vos vai decepcionar e incluso ides aprender algunhas cousas sobre vós e os que vos rodean, igual que Germaine. E penso tamén que non é so recomendable para lectores adultos, queda anotada como unha posibilidade de lectura para o curso seguinte, penso que algún dos meus grupos vai lela.

Posted in Libros | Leave a Comment »

“X-Men: Primera Generación” – “Piratas del Caribe 4: En mareas misteriosas”

Posted by romeroig o 10/06/2011

Hoxe vou comentar dúas películas polo prezo dunha. É que estas dúas últimas fins de semana tocou cine, a da semana pasada despistóuseme pero vai agora. Tamén é certo que non me gustou demasiado, así que primeiro comento algo da que si me gustou e a outra queda para o final.

Outra de superheroes, xúntanse as estreas e xa dixen que estas non as deixo pasar. Neste caso é unha estrea do último venres, así que seguramente cando leades este comentario aínda estará en carteleira, por se vos apetece vela. Falo de “X-Men: Primeira Xeración”. É a cuarta entrega que circula ao redor do mesmo grupo de personaxes, para min unha das mellores series do cómic que hai neste terreo e á que sempre fun moi afeccionado, quizais a que máis. Claro que na miña época eran coñecidos como a “Patrulla X”, pero agora coa moda de poñer as cousas en inglés pasaron a ser os “X-Men”. As dúas primeiras foron dirixidas por Bryan Singer, que neste cede a testemuña a Matthew Vaughn, que curiosamente ata agora é máis produtor que diretor, intercambiando papeis, xa que nesta o primeiro é o produtor. As de Singer parecéronme moi decentes e entretidas, máis a primeira que a segunda, pero en xeral respondían bastante ben á idea que os seguidores do cómic podían ter, os personaxes estaban moi ben elixidos e os argumentos, tendo en conta do que estamos a falar, non estaban mal. Máis decepcionante para min foi a dedicada a un dos integrantes deste equipo que máis me gusta, Lobezno, pareceume frouxa en moitos sentidos, tanto de guión como de entretemento. Así que cando vin que estaban preparando esta digamos que tiven algúns reparos, a ver se o declive iniciado coa anterior seguía ou decidían facer algo cun pouco máis de calidade. Pois penso que acertaron, porque se fago un listado de películas deste xénero esta quedaría entre o segundo e o terceiro posto. O primeiro é, inevitablemente, para a última versión de Batman, “O Cabaleiro Escuro”, que me pareceu unha película redonda en todos os sentidos, creo que realmente boa. Agora recordo que é a quinta entrega, pero no medio quedábame a terceira entrega de “X-Men”, queda claro que non me gustou demasiado porque case nin a recordaba.

Non nos imos atopar aquí co grupo dos heroes máis coñecidos deste equipo, polo que pasaron gran cantidade de personaxes. Quero dicir que aviso que aquí non imos ter a Lobezno, Cíclope, Tormenta… Os dous únicos que repiten son Magneto e o profesor Charles Xavier, case o antagonista e o protagonista da coñecida saga. A acción transcorre nos anos sesenta, inmersos na guerra fría entre Estados Unidos e Rusia e a crise dos mísiles, que neste caso ten como instigador a un mutante, o “malo” da película. Xavier é un científico centrado no mundo das mutacións xenéticas; mentres Erik Lehnsherr é un neno xudeu que ve como os seus pais son levados a un campo de concentración, momento no cal se manifestará a súa mutación, será o futuro Magneto. Adestrado por un científico alemán, Sebastian Shaw, conseguirá desenvolver eses poderes. Nunha investigación a CIA descobre algo raro e encarga ao profesor Xavier que investigue e localice a mutantes por todo o mundo así imos asistir ao nacemento do grupo que coñeceremos despois como “X-Men” e veremos tamén de onde xurden e que razóns de ser teñen moitas das cousas que vimos nas películas anteriores e nos cómics. Tamén ten como tema central a idea dos mutantes como xente distinta aos demais e as sensacións, problemas e situacións que iso lles provoca; céntrase bastante neste tema, pero está tratado de tal maneira que non fai que a cinta sexa nada pesada, ao revés, as algo máis de dúas horas que dura pasáronseme nun suspiro, o que é un bo sinal. Saberemos moitas cousas e darannos algunhas explicacións, por exemplo o porqué da relación que vimos entre Magneto e o Profesor X, amigos e inimigos a un tempo. Non quero contar máis, é mellor que a disfrutedes, porque desde o meu punto de vista é bastante recomendable, e imprescindible para os afeccionados a o xénero.

 No que se refire aos actores, desde o meu punto de vista, hai dous que destacan por riba dos demais. Os malos destas historias soen ser moi atraentes e neste caso o papel de Sebastian Shaw está interpretado por un actor que sempre me gustou bastante e ao que hai tempo que non vía nun cine, Kevin Bacon, creo que está estupendo e é un dos elementos centrais da historia. O outro que destaco é o actor que fai o papel de Magneto, Michael Fassbender, creo que promete (aínda que tamén e da a impresión de que pode ser un deses casos nos que sempre lle dean o mesmo tipo de papeis). Posiblemente sea a mellor actuación da historia, porque tamén é o personaxe que ten máis que mostrar, máis torturado, vingativo e contraditorio nalgunhas ocasións, gustoume moito. Algo por debaixo estarían, aínda que tampouco quero dicir que estean mal, porque en xeral todos me gustaron moito. James McAvoy interpretando ao profesor Charles Xavier e moitas caras coñecidas do cine e a televisión que igual de nome non soan, pero si as súas caras. Entre as máis coñecidas, January Jones no papel da seria e imperturbable Emma Frost; se polo nome non vos soa direivos que é a esposa de Don Draper na magnífica serie “Mad Men”, paseando o seu porte e convertíndose nunha muller de diamante puro, fría como o aceiro en todo momento. En plan curiosidade ata temos a un actor español entre os mutantes do grupo dos malos, Álex González, interpretando a Riptide, aínda que se non recordo mal non ten unha soa liña de diálogo, pero aínda así chama a atención nalgúns momentos. A pesar de que destaco a dous actores algo por riba do resto unha das mellores cousas é o reparto en xeral, a media é alta en todos eles e non hai un so dos personaxes que rebaixe esa idea, están todos perfectamente conxuntados e penso que bastante ben dirixidos.

 Outra das cousas que destacaría e que, a pesar de ser unha cinta de superheroes mutantes con poderes, non se converte nun delirio visual de efectos especiais en plan enorme espectáculo. Ten momentos espectaculares, pero penso que se centra máis na historia e nos personaxes e estes efectos son so un aderezo necesario para o desenvolvemento do argumento e as relacións entre os personaxes. Quero dicir que, tendo en conta o dito, mantense dentro dunha liña de verosimilitude, case de realidade que resulta bastante convincente.

 Así que é moi recomendable para os afeccionados e para os demais penso que poderían vela tranquilamente, van pasar un rato moi entretido e con momentos realmente bos.

 

A semana anterior fun con moitas ganas, e algo de medo tendo en conta a liña que estaba a tomar, a ver a cuarta entrega de “Piratas del Caribe”, subtitulada “En mareas misteriosas”. Xa digo de entrada que non me gustou demasiado, esperaba algo máis e a decepción foi bastante grande. A primeira é unha desas películas que chamou moito a atención, tiña unha boa historia, era moi entretida, moi divertida e con momentos realmente xeniais, falando sempre desde o punto de vista do cine como un mero entretemento, penso que cumpría con creces esa idea. A segunda e a terceira tiñan os seus momentos, aínda sendo algo máis irregulares. Claro que non contaban xa coa capacidade de sorpresa da primeira, moitas das cousas eran xa esperables e aínda así me gustaron bastante, pero en orde descendente, é dicir, cada vez me convencían menos. Claro que a presencia de Johnny Deep compensaba moitas cousas, creo que o capitán Jack Sparrow é un deses personaxes xa clásicos dentro da historia do cine, sempre e cando non acaben con el nalgunha película máis, porque como non cambien de director e guionistas acabará por ser unha caricatura de si mesmo, e iso que o personaxe xa é unha caricatura completa.

 Quero dicir que me aburrín véndoa, que creo que é o peor que se pode dicir dunha película que o que busca é entreter e divertir ao espectador. Pareceume lenta, falta de ritmo, con escenas metidas a golpes e incluso sen demasiado sentido, repetindo case as mesmas gracias dalgunhas das anteriores e sen demasiada orixinalidade. Falta de emoción, cun guión collido polos pelos e con personaxes metidos dentro da historia non se sabe moi ben con que intención. Creo que sorrín un par de veces, pero so leves sorrisos, e penso que non fun o único na sala ao que lle pasou o mesmo. Se lle quitamos a Johnny Deep perdería o pouco interese que ten e incluso con el non ten demasiado, non se pode vivir de enganar ao espectador dándolle máis do mesmo e, se se fai, debería ter algo máis para poder mantelo. Non sei se haberá algunha máis, aínda que a recadación desta parece que non é tan mala como penso que merece, pero como dixen antes se queren convencer á xente terán que facer algo máis. Nada comparable á que comento antes, que ten suficientes elementos novos e distintos como para manter á xente pendente e esperar a ver se hai outra máis despois para ver que pasa cos personaxes.

 Incluso actores que son deses que sempre gustan, como é o caso de Geoffrey Rush quedan aquí case como actores do montón, porque non ten un so momento no que chame a atención. O papel feminino da historia é interpretado por Penélope Cruz, soada intervención desta actriz nunha cinta americana de alto presuposto. Vou dicir que non está mal, aínda que tampouco é que sexa un papel para lucirse, pero o problema é que aparece como unha antiga noiva do capitán Sparrow, e a forma de plantexar esta relación tampouco me resultou nada crible, a verdade. O único actor que me chamou a atención foi Ian McShane, que interpreta ao pirata Barbanegra, é o único de case todo o plantel que enche a pantalla nalgúns momentos, chegando a eclipsar a todos os demais.

 Se a anterior queda entre as destacadas deste ano, polo momento, esta non, é mais, non a recomendo case nin para os incondicionais. Ata saín algo enfadado, esta moda de esgotar ata a saciedade certos personaxes ata que non dean un duro en taquilla e queden marcados por esa liña descendente de calidade e entretemento está chegando a un extremo dificilmente sostible. En lugar de buscar novos argumentos, personaxes ou situacións estanse limitando en moitos casos a levar o que funcionou ben ao límite, primando o diñeiro sobre a imaxinación. O cine era unha fábrica de soños, será que non soñan nada novo xa, porque entre versións de outras anteriores e secuelas están enchendo as salas. Algunha excepción hai, pero cada vez menos. Eu recomendaría aos afeccionados a esta serie que a vexan en casa cando a poñan na televisión ou en DVD, mellor gastar o diñeiro en cousas que merezan algo máis a pena.

Posted in Cine | Leave a Comment »

“Prométeme que serás libre”, de Jorge Molist

Posted by romeroig o 02/06/2011

Moi grata sorpresa a novela que vou comentar hoxe. Primeiro porque é dun autor que non coñecía e do que non tiña lido antes, aínda que non é a súa primeira novela, xa que ten cinco anteriores a esta que pasarán á lista de lecturas futuras, tendo en conta que esta que lin deixoume moi bo sabor de boca. En segundo lugar porque é unha novela de xénero histórico, xa dixen máis dunha vez que é un dos meus preferidos, que penso que aporta algo ao xénero, que ten unhas cantas cousas que fan que sexa algo distinta ás demais e porque non transcorre exactamente na época da Idade Media, como a maior parte delas. Esta desenvólvese a partires de 1484, a principios do Renacemento, iso si, na zona de Barcelona que debe de ser a que máis funciona como marco das historias dos autores españois deste xénero. O título “Prométeme que serás libre”, e o autor é Jorge Molist.

 É un autor nado en Barcelona en 1951. Pasou a súa infancia no barrio do Raval, onde descubriu a súa paixón pola lectura e a escritura na biblioteca municipal. Aos catorce anos comezou a traballar como aprendiz nunha imprenta (isto nótase na novela que comento) e logo tivo outros traballos que simultaneaba co bacharelato nocturno. Estudou Inxenieiría Industrial na Universidade Politécnica de Barcelona, ao mesmo tempo que compaxinaba estes estudios con varios e diversos traballos. Empezou a traballar para unha importante multinacional, realizando ademais un Máster en Empresariais centrado na dirección de empresas. O seu traballo fixo que residira e desenvolvera a súa actividade profesional en varios lugares de Estados Unidos e de España. De volta a Europa establécese en Madrid e será executivo de varias compañías. No ano 1996 decide retomar a súa paixón pola escritura, empeza a redacción da súa primeira novela, “Los muros de Jericó”, publicada no ano 2000, que foi reeditada no ano 2005 co título de “El retorno cátaro”. No ano 2002 publica a segunda, “Presagio”, baseada en feitos reais, ao redor do tema do enfrontamento entre a espiritualidade mexicana e a cultura americana. A terceira, “El anillo”, apareceu en 2004, finalista do Premio de Novela Histórica Alfonso X o Sabio; trata sobre a búsqueda dun tesouro templario e tivo un gran éxito tanto de público como de crítica, traducida a case todas as linguas europeas e algunha asiática. No ano 2007 aparece “La reina oculta”, gañadora do Premio de Novela Histórica Alfonso X o Sabio, a historia dunha dama, dous cabaleiros e tres enigmas que farán que o autor recree varios dos mitos da Idade Media. A que é obxecto de comentario hoxe é, ata o de agora, a súa última novela, “Prométeme que serás libre”, editada neste mesmo ano 2011.

 Vainos contar a historia de Joan Serra de Llafranc, polo menos boa parte dela, as súas aventuras e desventuras, os seus amores e desamores, acompañado nalgúns momentos do seu irmán Gabriel. Vive coa súa familia no pobo que acompaña ao seu nome, na costa de Cataluña. Alí o seu pai, Ramón Serra, é un home libre que traballa como pescador e ten a súa propia barca, “A gaivota”, que será un símbolo desa liberdade que Ramón quere para el e toda a súa familia, que ningún dos seus teña que depender dun señor en ningún momento da súa vida. A vida é tranquila e boa para todos, pero esa tranquilidade vaise ver destruída en moi pouco tempo. Un día, nada máis comezar a historia, unha galera pirata achégase ao pobo, van atacalo, asasinando e secuestrando, sobre todo ás mulleres. O pai de Joan cae abatido por un disparo de mosquete, un arma case descoñecida para os atacados e que lles provoca un profundo temor. Os piratas matan a gran parte dos homes, que non están preparados para facerlles fronte, non teñen armas nin preparación. Joan ten que ver como a súa nai Eulalia e a súa irmán María son secuestradas polos piratas e levadas ao barco, sentindo unha gran impotencia por non poder facer absolutamente nada. O pai morre nos seus brazos, facéndolle prometer a Joan que fará todo o posible por ser un home libre e traer de volta con el a súa familia, custe o que custe, promesa que Joan fará e que será un dos núcleos centrais da historia, aínda que en moitos momentos nada sairá como el quere. Da familia queda el, o seu irmán pequeno Gabriel e unha irmá aínda máis pequena, un bebé, que morrerá ao pouco tempo. Ademais entre as que se levan os piratas está a súa mellor amiga, Elisenda, á que tamén quererá buscar cando saia do seu pobo. Ao principio tentará mobilizar á xente poderosa da súa zona para que lles axuden, pero ninguén quererá facer nada, nin os nobres nin a igrexa, o que lle vai provocar algúns problemas. Tantos que terá que marchar, e aparece nese momento un comerciante catalán afincado en Barcelona, Bartomeu, que será o que colla aos irmáns e os leve con el para entregalos a un mosteiro barcelonés, no que terán que quedar a vivir. Bartomeu será unha figura fundamental na vida de Joan, un mercador, entre outras moitas cousas, de libros, con negocios importantes en todos os portos do Mediterráneo. Cando chegan a Barcelona verán que a vida alí e moi distinta e ademais non son demasiado ben recibidos polos monxes, polo menos polos que mandan, envoltos sempre en conflitos polo poder e o diñeiro. Terán que poñerse a traballar se queren que a igrexa os manteña, pero a vida que levan alí a Joan non lle gusta nada. Gracias a Bartomeu comezará a traballar como aprendiz na librería da familia Corró, un mundo novo vaise abrir ante el, o mundo dos libros, das copias, da imprenta, das letras que descoñece e que van ser un descubrimento marabilloso que marcará boa parte do seu camiño… Non quero contar máis, isto é o que pasa nos primeiros capítulos, pero o mellor é acompañar a Joan en todas as cousas que lle van pasar, que van ser moitas; coñecer a gran cantidade de personaxes que van actuar con el, uns bos e outros malos, como ten que ser para manter o interese do lector, entre eles a figura da pequena Anna, que vai fascinalo desde un principio.

 Son moitas as cousas que van pasar na súa vida e para min foi moi entretida a lectura de todas elas, non perdendo o interese en ningún momento. Unha das cousas que máis me gustou e que, polo que vin, destacan neste autor, é a forma de escribir, de contarnos todo. Ten un estilo moi áxil, sempre está a pasar algo e case non hai nada anecdótico nin de sobra, unha forma de contar que te engancha desde un principio. Ademais non segue, como outras, unha mesma liña, vanlle pasar moitas cousas e non todas esperables nin do mesmo tipo. Vai pasar por moitas situacións e vicisitudes, dándolle á historia uns cambios as veces sorprendentes, pero moi ben desenvolvidos. Por outro lado a temática dos libros, a paixón pola lectura ou a escritura, a imprenta, as copias e todo o que ten que ver co mundo do libro está tratado cun cariño fascinante, facendo que tomemos contacto cunha época, o Renacemento, que foi fundamental para cambiar a forma de ver a vida e a sociedade da Idade Media. Os personaxes están perfectamente definidos, son moitos e moi variados, e sempre teñen un papel importante dentro da historia. Ademais tamén hai que dicir que non é unha historia de excesivos personaxes como pasa noutras deste xénero, hai un núcleo central de dez u doce e poucos máis interveñen nos acontecementos. Por outro lado tamén é destacable que o personaxe central, Joan, non é o como case todos os protagonistas deste tipo de novelas. Quero dicir que non é un home a imitar, non é un conxunto de características positivas, non é sempre bo e actuando dun xeito , digamos, adecuado. Vai ter momentos nos que haxa unha loita entre o que ten que facer e o que cre que está ben ou non, e non sempre vai gañar o ben neses momentos. Quero dicir con isto que está máis cerca de ser un home real, con bos e malos momentos, con loitas internas ante certas situacións, torturado en moitas ocasións polas súas decisións. Non é tan plano neste sentido como outros protagonistas deste tipo de novelas. E moitos dos restantes tampouco, a maior parte deles non son nin moi bos nin moi malos, teñen os seus momentos, pero sempre actúan seguindo unha serie de razóns, xa sea para ben ou para mal.

 Unha das cousas que máis me gustaron é a variedade de situacións, de momentos e de personaxes que interveñen na acción e nos acontecementos. Non ten unha liña marcada desde o principio e hai unha serie de cousas que posiblemente sorprendan ao lector, o que non está nada mal. Quizais esta sexa unha das razóns para que me gustara tanto e me entretivera algo máis que outras parecidas, porque precisamente ten unha serie de elementos que fan que sexa lixeiramente distinta, creo que é o seu maior mérito. Non vou contar nada máis do que dixen, porque penso que o mellor é tomar contacto con ela, ler e ir pouco a pouco vendo por onde vai o camiño de Joan Serra de Llafranc en busca da súa familia, da súa liberdade e dun camiño propio na súa vida. Cativoume por como fala dos libros, da súa redacción, da súa fabricación e o cariño co que o autor trata o tema, nótase que coñece o mundo da imprenta de primeira man. Pero non foi so iso o que me atrapou, senón que foi todo. Quizais unha cousa que non me gustou demasiado é que céntrase tanto no personaxe de Joan que botei algo de menos saber algo máis do irmán pequeno, Gabriel, que queda un pouco diluído na historia, sendo tamén un personaxe que creo que podería intervir algo máis, pero claro, é unha cuestión persoal, as súas razóns terá o autor para facelo así.

 Creo que queda claro que é moi recomendable, sobre todo para os afeccionados ao xénero histórico. Para min foi unha verdadeira sorpresa e penso que temos en España unha serie de autores do xénero tan bos ou máis que moitos outros que veñen do estranxeiro e venden moreas de libros, tanto este de hoxe como Chufo Lloréns, Ildefonso Falcones e outros máis teñen méritos suficientes para estar entre os grandes autores de novela histórica, non so aquí, senón tamén fóra das nosas fronteiras. Así que tanto se vos gusta o xénero como se tedes dúbidas creo que deberiades lela, non creo que vos vaia decepcionar.

 

Posted in Libros | Leave a Comment »

 
Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.