Libros, cine e televisión

Comentarios sobre o que vexo e leo

  • Agora estou a ler

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

  • Visitas

  • Arquivos

  • Categorías

“Noah Barleywater escapa da casa”, de John Boyne

Posted by romeroig o 23/05/2011

“Alí había cores que nunca antes vira; cores que nin sequera sabería nomear. Á man esquerda había un reloxo de madeira que estaba pintado non de verde exactamente, senón dunha cor que querería ser verde se tivese algunha imaxinación. E por alá, a carón do lapiseiro, había un xogo de taboleiro cuxa cor predominante non era vermella, senón outra cor que faría que o vermello tivese envexa e arroibase de vergonza ante o seu propio aspecto triste. E as letriñas de madeira, en fin, alguén diría que estaban pintadas de amarelo e azul, pero só o dirían sabendo que unhas palabras tan simples serían un horrible insulto para as cores daquelas letras”

Isto é un fragmento do libriño que vou comentar hoxe, un dos moitos que podería escoller pola súa orixinalidade á hora de xogar coas palabras, pola capacidade que ten para nunhas poucas letras transmitir tantas cousas, pola súa sensibilidade, por moitas cousas… Está extraido da última novela de John Boyne, “Noah Barleywater escapa da casa”, editada en galego por FaktoriaK como unha auténtica primicia, xa que aparece antes en galego que en castelán, unha nova felicitación para esta editorial galega sempre preocupada de ofertar produtos interesantes e atrainte para os lectores galegos. Por certo, traducida a esta lingua por Carlos Acevedo. É evidente que falamos dunha novidade de recente saída ao mercado editorial neste mesmo mes de maio.

John Boyne é un autor que xa apareceu por aquí en dúas ocasións, así que a recensión biográfica xa a fixen no primeiro deses comentarios, por iso non a vou repetir. No comentario de “O motín da Bounty” xa aparecía o título desta de hoxe, que ata o momento, é a súa última novela. Como sempre penso que ten unha sensibilidade especial á hora de escribir, unha forma de redactar que sabe transmitir sentimentos dun xeito moito mellor que outros moitos autores, provocando sempre no lector unha morea de sensacións de moi diversos tipos. Neste caso pasaremos por momentos de gran alegría, de profunda tristura, risas, caras de sorpresa…, moitas cousas contidas en pouco máis de duascentas páxinas, que non está nada mal. Outra cousa que me sorprende deste autor é a forma que ten de tratar aos nenos nos seus libros. Sempre recordo unha frase do famoso director de cine Alfred Hitchcok, creo, que dicía que negábase a traballar con nenos e animais, porque era a cousa máis complicada e imprevisible que había. Boyne converte a nenos en protagonistas das súas historias e consegue sempre reflectir nenos reais, sen caer en demasiados tópicos, sen facelos demasiado listos nin demasiado repipis nin parvos, non, son nenos case de verdade que falan como o faría un neno ao noso redor calquera día; tampouco son supernenos que son capaces de saír de calquera problema, e aínda meténdoos en mundos de fantasía como esta novela de hoxe, parecen sempre de carne e oso.

A historia é sinxela, pero non por iso pouco complexa. Noah Barleywater, o protagonista, é un neno de oito anos que decide escapar da casa. O seu obxectivo é ter algunha aventura e facer algo importante na súa vida. Así un día, moi de mañá, sae da casa, deixando atrás aos seus pais e emprende un camiño que vai estar cheo de sorpresas e algunhas dificultades. Pensa que nos seus oito anos de vida xa tería que ter feito algo máis, xa que fixo unha lista dos seus logros, que se reducen a cinco, o que lle parece moi pouco para “tantos anos”. Ao fin, leu catorce libros enteiros, gañou unha medalla de bronce nunha carreira de cincocentos metros, sabe cal é a capital de Portugal, é o sétimo máis listo da clase e é un fenómeno coa ortografía. Eses cinco puntos parécenlle demasiado pouco, así que esa mañá sae da casa en busca de aventuras, botando so unha pequena ollada cara atrás para ver por última vez a súa casa e a cheminea botando fume. Pero cando sae dese mundo “normal” e emprende o seu camiño vai entrar noutro mundo completamente distinto, onde todo cobra vida e nada é o que parece. A súa viaxe vai ter lugar por tres pobos, aínda que no que pasará máis tempo será no terceiro. Pero xa ao principio empezará a ver cousas que non teñen nada que ver coa súa realidade. Árbores que se moven sós, noticias que aparecen nos diarios ao momento de producirse, cans salchicha que falan ou burros cunha fame incontrolable. No terceiro pobo atopa unha xogueteira e nela a un velliño que será co que pase máis tempo. Noah contaralle algunhas das cousas da súa vida e da súa nai, o centro da súa vida, ao xogueteiro e o vello contaralle a Noah boa parte das que el pasou na súa longa vida. Este será o núcleo da historia, e non vou desvelar máis, teredes que lela.

A min encantoume a historia, tanto por como está contada (dun xeito fascinante) como polas cousas que conta e o que fará pensar ao lector. Non teño claro se é unha novela infantil, xuvenil ou para adultos ou se é as tres cousas ao tempo. Dependendo do lector teremos unha lectura distinta, axeitada, penso eu, para calquera dos tres grupos de idade. Un neno terá diante unha historia máxica onde todo cobra vida e ten algo que dicir. Os xoves poderán profundar un pouco máis en moitos aspectos e penso que poderá facelos reflexionar sobre varios temas e daralles máis dun consello e orientación para algunhas cousas da súa vida. Pero tamén penso que quen poderá sacarlle todo o contido á historia será un lector adulto, que non pasa nada por ler cousas fantásticas e aparentemente sinxelas, porque de sinxelo non ten case nada aínda que o pareza. Un lector de certa idade poderá comprender perfectamente a historia, con sorpresas que no quero nin debo desvelar, pero seguro que cando a rematedes un sorriso a medio camiño entre a sorpresa e a satisfacción quedará no rostro do lector. Ademais conseguirá que moitos dos lectores fagan unha viaxe á súa xuventude e ás lecturas que fixeron naquel momento. Con isto non quero dicir, teño que avisalo antes, que sexa unha copia de nada, senón que as sensacións e sentimentos que me provocou a lectura recordáronme a moitos dos que hai tempo que non tiña cun libro, aqueles que aparecían hai anos cando lía novelas de autores como Michael Ende, “Alicia no país das marabillas” e moitos dos contos da nosa infancia. Ten tanto deles como de orixinalidade, por iso digo que en ningún momento quero que se extraía deste comentario que falo de imitación ou inspiración nesas novelas de hai tantos anos, non, falo de sentimentos, das sensacións que tiña naquela época e que esta lectura de Boyne trouxo de novo a min, a verdade é que foi xenial.

Gocei moito desta lectura e queda entre os libros que volverei ler nalgún momento e dos que recomendarei a moita xente, tanto aos que teñan fillos e fillas como aos que non, creo que todo o que se considere un bo lector debería sacar un momentiño para ler esta novela, que ten moito máis contido que páxinas. Como moitos sabedes dedícome ao ensino dentro das materias de letras, cada ano chegan a nós as editoriais con novidades para que os nosos alumnos e alumnas lean. A maior parte delas, subxectivamente falando, non me gustan demasiado, son excesivamente sinxelas e simples, aínda que sempre hai algunha excepción, pero de verdade que en moitas ocasións é complicado elixir algo que realmente mereza a pena. Esta de hoxe podería ser das máis que recomendables para calquera dos grupos, case seguro que lles ía gustar a todos e daría pe para moitas reflexións, debates e conversas sobre a vida de Noah Barleywater e a súa fuxida da casa, as razóns que o van levar a facer isto teredes que descubrilas vós mesmos coa lectura das súas aventuras e desventuras.

Advertisement

Posted in Libros | 2 Comments »

17 de maio, Día das Letras Galegas

Posted by romeroig o 16/05/2011

O “Día das Letras Galegas” celébrase desde 1963, instituído pola Real Academia Galega para homenaxear a aquelas persoas que destacan pola súa creación literaria en idioma galego ou por defender esta lingua. Cada ano dedícase a un autor ou autora diferente. A elección desta data vén dada pola publicación nese mesmo día do ano 1863 en La Habana da obra “Cantares Galegos” da poetisa Rosalía de Castro, unha obra que marcou o principio do Rexurdimento, o renacemento cultural do galego.

Este ano está dedicado ao poeta Lois Pereiro, nado en Monforte de Lemos en 1958 e falecido en A Coruña en 1996. É o autor máis recente no tempo ao que se lle dedica este día, aínda que unha das condicións para tal dedicatoria é que pasaran máis de dez anos desde o seu falecemento. Un poeta considerado de culto dentro da literatura galega.

Déixovos uns poemas deste autor, espero que vos gusten.

XXV
Déixate devorar por quen te escolla
agora que es unha luz evadida
da escuridade que te tiña capturado.

Déixate devorar
e impide feramente
que te volva habitar e te contagie
a túa latente sombra irrevocable.”

“IF I DIE BEFORE I WAKE…

O pasado apodrece baixo terra
e o presente non flúe,
é un río morto.

Pero esta vez non haberá resurrección
e o futuro é por forza alleo a min.”

“Cuspídeme enriba cando pasedes
por diante do lugar onde eu repouse,
enviándome unha húmida mensaxe
de vida e de furia necesaria”.

Posted in Libros | Leave a Comment »

“El factor humano”, de John Carlin / “Invictus”

Posted by romeroig o 10/05/2011


A relación entre o cine e a literatura sempre foi e será moi estreita, moitas películas parten de novelas, con resultados desiguais en ocasións, pero moitas veces interesantes. Isto ven porque hoxe vou comentar un dous en un, unha película e unha novela na que se baseou a mesma, aínda que xa adianto que a película céntrase nos feitos que forman o núcleo da novela e non en toda ela, porque sería realmente complicado. A película é “Invictus”, sei que non é recente e aínda sendo un fan incondicional de Clint Eastwood, no seu momento non puiden vela no cine, así que a vimos hai pouco en casa, encantoume. A novela na que se basea é “O factor humano”, do periodista John Carlin, que acabo de ler recentemente, e que tamén me gustou moito. Tras estas dúas experiencias penso que se hoxe me fan a típica pregunta de a que personaxe famoso gustaríame coñecer non dubidaría na resposta, Nelson Mandela, ten que ser unha experiencia inesquecible e impactante, a verdade.

Non vou comparar en absoluto novela e película, penso que non é o mellor que se pode facer. A cinta parte dos feitos fundamentais da novela, pero esta é moito máis complexa e extensa, mentres que a película céntrase no tema do rugby e Mandela como forma de unir de novo a unha nación dividida e enfrontada por moitos sitios. A novela é unha crónica dunha época histórica realmente dura e nese sentido a historia de todo ese proceso que pasou Suráfrica durante a estancia no cárcere de Mandela e a súa posterior liberación e chegada ao poder é moito máis interesante e aclaratorio que a historia que escolleu Eastwod e a súa maneira de contala. Creo que nesta ocasión ambos productos merecen a pena e deberían lerse con pouca distancia no tempo, cada un que elixa o que prefire antes, a letra escrita ou a imaxe.

John Carlin é, fundamentalmente, periodista. Naceu en Londres en 1956, fillo de pai escocés e nai española. Estudiou na Universidade de Oxford Lingua e Literatura Inglesas, pero desde sempre amosou unha forte inclinación polo periodismo. A súa carreira como tal comezou en 1981 traballando para o “Buenos Aires Herald” e, posteriormente, foi corresponsal en países como México, O Salvador, Suráfrica e Estados Unidos; traballando para a BBC, “The Times”… Gañou o Premio Ortega e Gasset de periodismo no ano 2000. Entre as súas obras podemos destacar “Heroica tierra cruel” (2004) onde reúne crónicas e reportaxes realizados durante a súa estadía en Suráfrica ou “Los ángeles blancos” (sobre o Real Madrid de fútbol e os seus xogadores). Vive en España desde 1998, traballando para o diario “El País” e colabora habitualmente con “The Observer” ou “The New York Times”. “El factor humano”, publicada no ano 2008 en máis de quince países con gran éxito, tanto de crítica como de público, xa que permaneceu durante bastante tempo nas listas dos máis vendidos. Nela vai reflectir, entre outras cousas, todo o seu traballo nos anos que estivo de corresponsal en Suráfrica, entre o 1989 e 1995. Como curiosidade comentar que no ano 1997 escribiu un artigo titulado “Adeus ás armas” sobre a guerra da información e internet, que ía converterse un guión cinematográfico, suspendido tras o ataque ás Torres Xemelgas. Anos despois este artigo foi a base de “Jungla de Cristal 4”, a película da coñecida saga de acción protagonizada por Bruce Willis. De todos modos o propio Carlin recoñece so unha certa fidelidade ao seu artigo nesta cinta.

O título orixinal desta novela é “Playing the enemy: Nelson Mandela and the game that made a nation”, que viría a ser algo así como “Xogando co inimigo: Nelson Mandela e o xogo que construíu unha nación”, simplificado na súa edición española simplemente como “El factor humano”. Para escribilo partiu non so da súa experiencia como periodista nese país durante seis anos, senón tamén dunha serie de entrevistas que fixo entre o ano 2000 e o 2007 a case todos os protagonistas políticos e deportivos da historia neses anos. Así imos ter coñecemento de todo o que pasou antes, durante e despois da estadía no cárcere de Mandela. Todos os movementos políticos, sociais, militares e deportivos deses anos vistos desde todos os ángulos e perspectivas dos grupos da época. O apartheid en Suráfrica foi algo tremendo e que podería derivar nunha auténtica e cruenta guerra civil que podería ter durado ata hoxe, pero no medio apareceu a figura de Nelson Mandela, preocupado so por atopar vías de convivencia pacífica no seu país para rematar dunha ver por todas coas inxustizas. Veremos como, en 1985, Mandela sae do cárcere cunha idea central na cabeza, conquistar a todos na súa rede de perdón e de paz, de esquecemento, dun novo comezo sen ter en conta nada do sucedido antes. El era un dos moitos que podería ter na cabeza unha revolución violenta, unha guerra contra os que os oprimiran durante anos, maltratado, segregado e tratado como se foran auténticos animais. O problema é que non tiña que convencer so aos que se opoñían a el, senón aos seus propios compañeiros de raza, xa que moitos deles querían unha auténtica vinganza contra os brancos, unha vinganza contra anos de violencia, de asasinatos, de opresión brutal. O bo é que todos tiñan medo, foran brancos ou negros e Mandela tiña que convencelos a todos, cos moi distintos bandos que había en cada lado, de que tiñan que esquecelo todo e partir de cero. Unha das cousas que usou para conseguir ese obxectivo foi o rugby e o equipo nacional sudafricano, integrado case exclusivamente por brancos e que a poboación autóctona de Suráfrica non consideraba como nada seu. É máis, cando xogaban contra equipos doutros países animaban aos rivais e non ao equipo sudafricano. Pero esa foi outra das súas conquistas, con moita sabedoría, paciencia, control e perdón conseguiu algo que parecía imposible, unha transición pacífica cara a unha situación dunha certa convivencia tras anos e anos de enfrontamentos. Sabía que tiña que conseguir que se uniran buscando un elemento emocional e atopouno no deporte, conseguindo o seu obxectivo. De todos modos a novela de Carlin non está centrada nestes feitos, senón que aparecen moitos máis. Imos coñecer perfectamente a situación antes deste milagre, todo o que pasou mentres Mandela estaba no cárcere e os abusos e a violencia eran continuos e todo o que pasou tras a súa saída e o seu nomeamento como presidente.

Dicir que non é exactamente unha novela, é máis unha crónica narrada polo autor partindo das súas propias experiencias e das entrevistas que mantivo con moitos dos implicados nese momento histórico e en todo o que pasou. Desde ese punto de vista é unha narración, sen diálogos, un pouco seca e concisa a veces pero sempre interesante e apaixonante. A cantidade de personaxes é moi grande, porque moitos foron os que desde varios sitios, momentos e puntos de vista interviñeron en toda esa historia. Veremos como Mandela, dunha maneira ou doutra, foi conquistándoos a todos con seu magnetismo, a súa calma e capacidade para facer que a xente vira as cousas dunha maneira completamente distinta á que tiñan orixinalmente. A min pareceume un relato moi interesante, ameno en moitos momentos e moi emocionante noutros. A conclusión que podo sacar é que é unha pena que so haxa un Mandela, porque con algúns máis como el moitas situacións internacionais poderían rematar dunha maneira moito mellor para todos.

No que se refire á película de Clint Eastwood está centrada so na parte na que Mandela usa o rugby e o Campionato do Mundo como unha forma de conseguir o seu obxectivo, unir a todos. Nese sentido é moito máis simple que a novela de Carlin, xa que sería imposible abarcar todo o que o autor cóntanos. Pareceume unha película magnífica, con esa habitual calma e sensibilidade de Clint Eastwood, con esas tomas habituais nel e o piano soando de fondo en moitas escenas. A interpretación de Morgan Freeman é impresionante, cravando ao verdadeiro Mandela en todos os sentidos, un actor que sempre me pode sorprender e con tal cantidade de rexistros que fai del un dos imprescindibles. Matt Damon da vida ao capitán dos Springboks, François Pienaar, moi ben tamén nese papel dese home sobre o que recae a responsabilidade de levar ao equipo á vitoria, sabendo que eses partidos son moito máis que un mero xogo, xa que Mandela encárgase de facerlle saber o que pode conseguir. Pareceume unha película estupenda, cun montón de escenas que se te quedan gravadas, desas que logo dan para falar e falar sobre unha escena, unha frase ou un diálogo. De todos modos quédome cun par de escenas case ao final que resumen case todo con esa mestría e simplicidade das que neste momento so me parece capaz este director. Mentres se celebra o partido un rapaz negro ronda un coche con dous policías brancos mentres recolle botellas. Nun primeiro momento os policías bótano de malos modos, pero a medida que avanza o partido vaise achegando pouco a pouco a eles, son escenas duns segundos pero que marcan un momento, ata que ao final acaba sentado no capó do coche, escoitando o partido con eles e celebrándoo ao final, pareceume realmente xenial.

Podería estenderme máis, pero penso que xa foi bastante. Creo que co dito xa está claro que ambas, novela e película, son moi recomendables, eu case as cualificaría de imprescindibles para os que lle guste a novela, a historia, o cine… Penso que son a novela e película que mellor poden exemplificar o tema do perdón, un perdón incondicional cun obxectivo, a convivencia pacífica. Moito se podería aprender de todo isto.

Posted in Cine, Libros | 1 Comment »

“Thor”

Posted by romeroig o 04/05/2011


Sempre me gustou ler tebeos e cómics, cando era máis novo sempre tiña un a man, compartíndoo, iso si, con algún libro, que na variedade está o gusto. Chegado certo momento os meus gustos inclináronse polos superheroes, e creo que lía case todo o que saía do xénero, non vou listalos aquí porque sería demasiado longo, pero penso que dos que había naquel momento non houbo un que non lera. Agora os leo menos, a verdade, non por ningunha razón en concreto, sobre todo por unha cuestión de tempo, porque seguen a gustarme. Desde hai uns anos moitos destes personaxes xa clásicos están pasando ao cine, en xeral con adaptacións decentes, unhas mellores que outras, unhas máis entretidas, pero a verdade é que non deixo pasar ningunha. De momento gustáronme practicamente todas e algunha xa apareceu comentada por aquí. Ven esta introdución ao comentario de última película que vimos no cine, estreada recentemente, e á que lle tiña ganas, a verdade, e non me decepcionou en absoluto, “Thor”.

Cando fan estas adaptacións sempre me entra un pouco de medo. A razón é que moitos dos directores ou guionistas pretenden converter un xénero de entretemento nun cine profundo, serio, como se quixeran darlle transcendencia e importancia aos personaxes para facelos algo máis “serios”. Penso que neste tipo de cine debe primar o entretemento, a espectacularidade e a acción, aderezada con algúns momentos de humor leve, non nos esquezamos de que son cómics, nada máis e nada menos. Tamén é certo que os orixinais en papel nalgunhas ocasións tamén se converteron niso (na miña xuventude non eran así), con disquisicións morais sobre a responsabilidade do heroe, a súa alma torturada por non poder levar en moitas cousas unha vida normal e todo ese tipo de elementos case filosóficos. Esta liña xa non me gusta tanto, pero que lle imos facer. Claro que o personaxe desta cinta, Thor, ten case implícito un carácter serio, non deixa de ser o fillo do deus Odín e non un mutante calquera. A verdade é que non era un dos meus favoritos, quizais porque era demasiado serio e formal, pero tamén era dos que lía bastante. Ademais naquel momento unha das cousas que máis quería neste mundo eran ou o escudo do Capitán América ou Mjolnir, o martelo de Thor, que os dous eran unha pasada…

Creo que é dos poucos superheroes que eu considero clásicos que faltaban na gran pantalla (xunto co Capitán América, pero creo que esta ten xa estrea en salas en breve). Cando lin que a película ía dirixila Kenneth Branagh a verdade é que me entrou un pouco de medo. É un actor e director que me gusta moito, aínda que hai un tempo que non sabía demasiado del. Especializado desde os seus principios en interpretar ou dirixir adaptacións de Shakespeare, sempre con moi bos resultados. Non tiña ningunha dúbida da súa capacidade, pero o que me daba medo está relacionado co que comentaba un pouco máis arriba, coa idea de que quixera convertela en algo demasiado serio e transcendental. Está claro que ter ideas preconcibidas é malo, porque neste caso equivoqueime. A verdade é que, dentro do xénero, pareceume unha das mellores adaptación que teño visto ata o momento, sobre todo porque conxuga perfectamente a seriedade da historia dos deuses e todos iso con certos momentos cómicos (case todos esperables dentro da historia pero que resultan divertidos e rompen un pouco coa seriedade da historia) ben introducidos. Nótase a súa man e nunha entrevista que lin hai pouco preguntábanlle se non pensaba que dirixir unha película deste xénero non era como rebaixarse un pouco, ao que el contestaba que por suposto que non (tamén, que ía dicir, que si…), que ata nunha historia como esta había elementos que podían recordar os dramas e as obras de Shakespeare que tanto lle gustan, e é certo, ata ten un certo ton de obra clásica en moitos momentos.

A historia non é nada complicada, por suposto. Como en todos os casos, esta primeira (porque se supón que haberá máis, aínda que so sexa a aparición do personaxe na película de “Os vingadores”) é unha especie de presentación do personaxe de Thor, das súas capacidades, carácter e de como chega á Terra, porque é fillo dun deus; neste caso non é un heroe resultado dunha mutación, dunha explosión de raios solares ou raios gamma ou calquera das explicacións habituais dos cómics. Thor e Loki son os dous fillos de Odín e viven en Asgard, un dos sete reinos que están baixo o seu mando e protección, entre os que tamén se atopa a Terra. Os xigantes do xeo son os grandes inimigos do reino, cos que agora están en paz, pero cos que loitaron encarnizadamente hai tempo. Odín xa está algo maior e Thor será o seu sucesor, pero en plena coroación deste como rei aparecen varios xigantes do xeo para tentar roubar a reliquia que lles da o seu maior poder. Os invasores son eliminados, pero a coroación interrómpese. Thor é un home con forte carácter, sempre con ganas de loitar e sobre todo de acabar con eses inimigos o máis pronto posible. Odín pensa todo o contrario e o seu obxectivo é manter a paz, polo que se ve obrigado a frear ao seu fillo na súa sede de vinganza e loita. Pero Thor non lle fai caso e viaxa a través da Ponte do Arco da Vella ao reino dos xigantes para pedir explicacións por esa invasión imprevista acompañado de catros dos seus mellores amigos e do seu irmán, Loki. A batalla comeza, pero aparece Odín e interrompe a loita. Xa en Asgard Thor é condenado ao desterro por desobedecer unha orde directa so seu pai, e por iso é enviado á Terra sen poderes divinos e sen Mjolni, o martelo forxado a partir dunha estrela caída e que acrecenta o seu poder. Terá que quedarse nela ata que sexa digno de empuñar de novo o martelo e ser perdoado polo seu pai. Na Terra atoparase cunha serie de personaxes que o axudarán, sobre todo coa investigadora Jane Foster e os seus amigos.

No esquezamos o tipo de cine que estou a comentar. Desde este punto de vista pareceume unha boa película, moi ben feita, moi entretida e moi espectacular. As case dúas horas que dura pasáronseme con bastante rapidez, o que sempre é bo sinal, pero xa aclarei que son fan incondicional deste tipo de cine. A historia transcorre en dous mundos, unha parte en Asgard e a outra na Terra. A parte terrestre é máis suave, entretida e lixeira en todos os sentidos e cumpre perfectamente ese papel. A que transcorre en Asgard é espectacular, o deseño de case todo é impresionante e xa sei que agora coa tecnoloxía dixital poden facerse marabillas, pero non deixa de asombrarme e sorprenderme. Ten momentos realmente bos e incluso orixinais tendo en conta todo o que levamos visto noutras películas. Queda moi clara a diferencia entre o mundo dos deuses e o dos homes, dous mundos completamente distintos. No dos deuses prima a formalidade e a imaxinación, ata as formas de falar e de comportarse son diferentes con respecto á Terra. Mentres o reino dos xigantes do xeo é un lugar frío, escuro e tenebroso, non en van son os personaxes malvados da historia.

En canto aos actores, fronte a outras adaptacións, neste caso para o papel protagonista elixiron a un actor practicamente descoñecido, pero que penso que recrea perfectamente ao personaxe. Mantén bastante ben a idea de seriedade do fillo dun deus cando está en Asgard e ese aire de estar como un polbo nun garaxe cando se atopa na Terra, cun físico deses que impresionan. Co traxe, a capa vermella e o martelo nas súas mans parecíame estar a ver a portada de infinidade de cómics que pasaron polas miñas mans. Chámase Chris Hemsworth, e en plan cotilleo é a actual parella de Elsa Pataky. Ademais deste soen sempre aparecer neste tipo de películas unha serie de actores máis coñecidos, quizais para darlle tamén un certo aire de produción seria. Neste caso temos á última gañadora do Óscar á mellor actriz por “Cisne negro”, Natalie Portman, interpretando a Jane Foster, a investigadora que se atopará sen querelo con Thor e todo o que el trae consigo. O papel de Odín déronllo a Anthony Hopkins, un dos meus actores favoritos e que aquí mantén a imaxe de todopoderoso, de pai férreo e duro, pero que ao mesmo tempo sabe que está a facer o mellor polo seu fillo. E xunto a eles outros actores máis ou menos coñecidos, pero todos están bastante ben.

Cine de entretemento puro e duro, pero moi ben feito, por riba de moitas outras producións que buscan estes mesmos obxectivos. Gustoume moito, recoñézoo, pero tamén que son un fan case incondicional deste tipo de personaxes e de cine. Para os afeccionados aos superheroes é imprescindible, non penso que ningún a deixe pasar e estou case seguro de que lles vai gustar. Non é necesario coñecer ao personaxe ou ser afeccionado a estes heroes para poder disfrutar da historia, estou case seguro de que se ides vela poderedes pasar un bo rato, moito mellor que con outras cousas que andan pola carteleira ultimamente. Recomendable e creo que engadiría que debe verse no cine, porque na pantalla do televisor vanse perder moitas escenas espectaculares, por mencionar so unha por exemplo, a cabalgada pola Ponte do Arco da Vella, pero podería mencionar varias máis. Impresionante a imaxe do personaxe de Heimdall, o garda da Ponte. E esta fin de semana queredes ir ao cine, pasar un bo rato e non tedes claro por que optar podedes ir ver esta, creo que non vos vai decepcionar.

Nota: e se ides non marchedes da sala ata rematar todos os títulos de crédito, como en todas estas deixan para despois unha pequena escena final como un adianto do que vai vir na seguinte ou seguintes películas. Faise un pouco pesado porque é unha boa espera, pero os que foron ver as anteriores xa saben que isto pasa sempre.

Posted in Cine | Leave a Comment »

“Código fuente”

Posted by romeroig o 30/04/2011


Hai tempo que non imos ao cine, pero esta última fin de semana, en plenas vacacións de Semana Santa, parecía que apetecía. O problema o de case sempre, atopar algo axeitado para todos os gustos familiares, o que non sempre é sinxelo. Ademais a carteleira da nosa cidade neses días era para dar algo de pena, as alternativas eran poucas, por non dicir case inexistentes, salvo algunha produción animada que non era do gusto de todos. Tras mirar nos distintos cines que temos por aquí, varias multisalas nas que poñen máis ou menos o mesmo coa única diferencia das horas das sesións e por acordo case unánime fomos ver a única que parecía convencernos a todos, “Código fuente”.

Non vou dicir que nos decepcionara, hai que ser sempre consciente de que un vai ver, saber que pode esperar máis ou menos, e neste caso o único que pretendíamos atopar era unha produción de ciencia ficción cunha pinta decente. Pois iso é o que é, unha historia bastante ben levada, o suficientemente curta como para non facerse pesada tendo en conta a historia e cunha resolución final imos dicir que aceptable, aínda que tamén algo previsible. Non está mal e da o que promete, hora e media xustiña de entretemento, pero penso que lle falta un puntiño, fáltalle algo que podería facer dela unha historia algo máis decente, con algunha sorpresa e so con iso pasaría de ser unha película de gama media a pasar a un lugar un pouco máis alto.

Orixinalidade non é precisamente o seu punto forte, é a típica historia de viaxes no tempo ou na memoria mellor dito. Se alguén recorda “Atrapado por su pasado” verá que ten moito que ver, cambian o ton de comedia polo de acción, algo parecido pero buscando algo máis de transcendencia e seriedade. O protagonista é Colter Stevens, un militar que se atopa algo perdido nun tren xunto a unha muller, Christina Warren, que parece coñecelo pero a que el non coñece. Ademais canto contempla por primeira vez a súa imaxe nun espello ve unha cara que non é a súa. ¿Que está a pasar? Algo perdido mira o que pasa ao seu redor, ata que oito minutos despois o tren explota, acabando con todos os pasaxeiros, incluído el. Pero de repente atópase noutro lugar, unha especie de cabina e falando a través dunha pantalla cunha militar, a oficial Colleen Goodwin. Esta fala con el e de novo vaise atopar no tren. Ao final consegue entender que é parte dun programa experimental que lle permite introducirse nos recordos dunha persoa para intervir soamente durante os oito minutos finais da súa vida. Así que non estamos a falar exactamente dunha viaxe no tempo, senón dunha especie de viaxe na memoria. ¿O obxectivo? Descubrir quen puxo esa bomba no tren para poder evitar un atentado aínda maior na cidade de Chicago. Isto é o que terá que conseguir e para iso a cinta se convertera nunha continua sucesión deses oito minutos, que nunca serán iguais porque cada vez el ten máis información. A cuestión é saber que está a pasar en realidade e se o conseguirá…

Tendo en conta o repetitivo da situación ten a duración xusta para non cansar ao espectador. En cada “viaxe” tanto no tren como na base da que parte descubriremos algo novo, algo distinto e algo que provocará unha certa curiosidade no espectador e ao mesmo tempo tamén interese. Quizais a cuestión da viaxe no tempo, a memoria ou nun mundo informático de bits e códigos fonte non estea demasiado clara. Quizais sexa aquí onde falla un pouco a cousa, fáltalle como dicía algo máis arriba un punto de intelixencia, de desenvolvemento, de explicación que faría que fora moito mellor do que o é, quedándose simplemente un produto entretido e ameno pero que non recordaremos durante moito tempo e ao que tampouco lle daremos demasiadas voltas. Ideal para unha tarde ou noite de cine en casa. Sabe manter a tensión e iso xoga ao seu favor, algunha sorpresa de vez en cando e un desenvolvemento decente da historia. Un thriller aceptable que me gustou, pero que non destacaría por riba de outros moitos do mesmo estilo e factura. Aínda así penso que hai cousas que non están demasiado ben explicadas nin claras, pero non vou dicir cales para non desvelar demasiado.

En canto aos actores imos dicir que se basea nos dous protagonistas e na militar que fala con el a través da pantalla e é a encargada do experimento, coa que chegará a manter unha estreita relación tendo en conta o tempo que están xuntos. El é o actor Jake Gyllenhaal, que me gustou bastante, sabe transmitir o agobio, a tensión, a celeridade da súa misión. Tampouco é que sexa algo fóra de serie, pero está ben. A militar é a actriz Vera Farmiga, tamén bastante convincente. E deixo para o final á protagonista feminina porque non teño claro quen debería ir antes, se o personaxe feminino anterior ou esta, xa que me parece máis importante para o desenvolvemento da historia Colleen Goodwin que Christina Warren, a súa parella no tren. Esta está interpretada por Michelle Monaghan, que para o que ten que facer, que é pouco a verdade, tampouco está demasiado mal, cumpre pero nada máis.
O director é Duncan Jones e esta é a súa segunda película, antes dirixiu “Moon”, unha cinta estraña e interesante, unha desas que é mellor non deixar pasar porque ten algo que fai que mereza a pena. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante David Bowie.

Pois aí queda a recomendación. Sen ser unha marabilla cumpre bastante ben a súa función de entreter e ten elementos suficientes para manter a atención do espectador. A pesar da repetición entre cada viaxe introduce elementos novos que farán pensar ao que a ve que consecuencias poderán traer e mantén unha certa intriga. Quizais teña algún fallo argumental e algún elemento levemente previsible que fai que perda algún punto, pero tendo en conta a marabilla de carteleira que temos ultimamente pode destacar un pouco por riba da media.

Posted in Cine | 1 Comment »

“Mar de fuego”, de Chufo Lloréns

Posted by romeroig o 21/04/2011


“Isto é o que, en certa medida, pretende tamén a novela histórica: xuntar o rigor da historia coa ficción novelesca. Como novela a súa principal obriga é entreter, pero como relato histórico non pode deixar de lado criterios como o rigor e a veracidade. Isto é o que, humildemente, tentei nestas páxinas que agora se someten á benevolencia dos lectores” Este fragmento sae das notas finais da última novela de Chufo Lloréns, “Mar de fuego”, que será a que vou comentar hoxe.

No ano 2008 chegou ás miñas mans unha novela dun autor descoñecido naquel momento para min. Era una historia que transcorría na Barcelona de principios do século XI que me resultou das máis entretidas e apaixonantes que lin ata o día de hoxe, “Te daré la tierra”. Despois dediqueime a buscar outras novelas do autor e conseguín unha anterior que me gustou tanto ou máis que a primeira, “La saga de los malditos”. Desde ese momento figura como un dos principais autores de novela histórica dentro das miñas preferencias, por diante de outros máis coñecidos ou máis internacionais. Estas dúas novelas xa as comentei nun dos primeiros post deste blog, así que a recensión biográfica vouma aforrar esta vez. Tras ler “Mar de fuego” reafírmome no dito unhas liñas atrás, Chufo Lloréns é un dos meus autores favoritos tanto do xénero histórico como dentro da narrativa, porque gustoume moito e duroume bastante menos do que me gustaría, se ata podo dicir que se me fixo curta.

Cando vin esta novela, de publicación moi recente, non creo que leve nas librerías máis dun mes máis ou menos, díxenme que a por ela e a lela pronto, que xa tiña case a idea preconcibida de que me ía gustar, e esta vez non me equivoquei. Cando a collín para ler a contraportada descubrín un nome que me soaba e entón as miñas ganas foron aínda maiores, Martí Barbany era o nome do protagonista, o mesmo personaxe central de “Te daré la tierra”, así que aínda pintaba mellor. Era unha continuación desta, co cal a primeira idea era a ver que tal estaría, porque moitas veces estas continuacións non son máis que recursos que aproveitan o tirón da primeira para vender máis exemplares, e moitas veces tamén a calidade da continuación non está á altura do esperado. Neste caso non foi así. Tras ler as primeiras páxinas tiña unha sensación interesante, era como se o tempo non pasara e estivera aínda lendo a primeira porque transcorre case nun momento so lixeiramente posterior ao final da mesma. Isto pode ser malo a veces, pero neste caso non o foi, atrapoume desde o principio e custábame deixar a lectura máis dunha vez, pero o cansazo e o sono gañaban a partida algunha vez. Xa hai tres anos que lin “Te daré la tierra” e moitas novelas pasaron desde entón, pero tiña un recordo claro de todo o que pasara, dos personaxes, das situacións, dos momentos pasados, un bo sinal do que me gustara porque moitas das cousas que pasaron nela volveron á miña cabeza cando estaba a ler esta. Non foi necesario estar pensando en quen era tal personaxe, que fixera ou que pasara, estaba case todo tan fresco como se a tivera lido pouco antes. E todos modos para os que non recorden tan ben o autor manexa á perfección ese pequeno problema. Con poucas palabras, momentos puntuais e algunhas situacións nas que algún personaxe recorda o pasado consegue que o lector poida recordar ou entender perfectamente o que está a pasar e a súa relación co pasado, porque iso si, moitas das cousas que van pasar están relacionadas con el. Así que o primeiro que teño que recomendar se non listes a primeira é que o fagades antes, porque están directamente relacionadas e, aínda que non é imprescindible, si é moi necesario para entender o conxunto da historia.

Empezamos a historia con Martí Barbany e a súa muller, a xudía Ruth a punto de dar a luz ao seu segundo fillo. Teñen xa unha filla, Marta, que será unha das protagonistas centrais de moitas das cousas que van pasar. Pero as cousas non saen como todos esperaban, o parto complícase e nai e fillo morren durante o mesmo. Martí, tras todas as penalidades pasadas no seu mundo afectivo decide que nunca máis volverá namorarse ou ter unha relación seria cunha muller. Unha das constantes da súa vida foi sempre a mala sorte nas relacións amorosas, acompañada dunha enorme sorte nos negocios. Agora xa é un cidadán de Barcelona, recoñecido por todos como unha das persoas que máis fixeron pola cidade e o Condado, recibindo sempre o agradecemento tanto dos Condes de Barcelona como dos seus cidadáns. Ao seu lado o sacerdote Eduald Llobet, un elemento central e fundamental da vida de Martí desde os seus inicios e que o seguirá sendo agora. Ao fronte da corte da cidade continúan Ramón Berenguer, Conde de Barcelona, e a súa dona, Almodís de la Marca, pola que tivo que enfrontarse a case todo o mundo pero que ao final conseguiu. Ela é o seu apoio fundamental, tanto a nivel persoal como no goberno, nela delega moitas das cousas e moitas decisións, que parece tomar el, pero ela case sempre está detrás. Con eles Pedro Ramón, o primeiro fillo do Conde e sucesor do mesmo e os xemelgos que coñeciamos da novela anterior, Ramón Berenguer e Berenguer Ramón. Xa se vía que o carácter de ambos os dous ía ser moi distinto e traería consecuencias que agora van ser realidade. Almodís quere conseguir que o sucesor do seu marido sexa o seu propio fillo, Ramón Berenguer, ao que todos queren, un home xusto e nobre que pouco ten que ver con Pedro Ramón, o verdadeiro sucesor por lei. Mentres, o outro xemelgo, Berenguer Ramón, é un home vil, perverso e cheo de maldade e rancor. Isto traerá consigo unha boa cantidade de intrigas, xogos, enganos e situacións que iremos descubrindo pouco a pouco. Tamén estará Delfín, o anano medio bufón da Condesa e, ao mesmo tempo, a voz que lle di as cousas de verdade, aquelas que ninguén se atreve a dicirlle e que continúa con esas estrañas visións premonitorias, case sempre de desgracias. Moitos dos personaxes da anterior novela volverán a esta historia, os capitáns dos barcos de Martí, que agora posúe unha enorme flota, Rachid al-Malik, o árabe que lle descubriu, entre outras cousas, o secreto do temido fogo grego a Barbany, os seus criados… E todo protagonista ten un antagonista, neste caso un misterioso personaxe chamado Bernabé Mainar que quere acabar con Martí Barbany e Eduald Llobet como sexa.

Para min foi como continuar case sen que pasara o tempo, retomar a vida dunha boa cantidade de personaxes que tiña na miña memoria bastante gardados, máis do que pensaba, a verdade, o que penso que é un bo sinal. Lloréns ten unha forma de escribir bastante sinxela para o lector, directa, sen demasiadas voltas nin complicacións, centrado sobre todo na historia e nas situacións e menos nas descricións. Isto non quere dicir que non as haxa, pero consegue que o lector imaxine con bastante perfección case todo sen cansalo con longos parágrafos descritivos. A acción é continua, non para desde o principio ata o final. Quizais esta sexa algo menos complexa que a anterior, máis plana e lineal, pero isto non lle quita mérito. Hai varias liñas de acción que se entrecruzan sempre dun modo claro para o lector. A maior parte da acción transcorre na cidade de Barcelona, un personaxe máis da historia, pero tamén teremos algunha viaxe, por exemplo, a Sicilia. Os personaxes van relacionándose entre eles dun modo sinxelo e crible, aínda que como alguén me comentou, quizais un defecto sexa que poden estar un pouco estereotipados en canto ao comportamento, é dicir, os bos son moi bos e os malos son moi malos, pero aínda baixo esta perspectiva o autor consegue que aparezan ante o lector como persoas reais, polo menos a min pareceume así. E como sempre na súa liña, capítulos curtos que van alternando as distintas tramas, co que atrapa máis ao lector, que sempre quererá saber que pasa a continuación para chegar a momentos nos que todas teñen que ver.

Paréceme que é evidente que, dentro do xénero, gustoume moito a novela. Entretívome moitísimo e como dixen ao principio, duroume menos do que me gustaría, pero tiña que seguir a ler, outro mérito máis do autor, que o lector siga e siga e estea desexando saber que vai pasar a continuación. Non quixen desvelar case nada do argumento, o mellor e poñerse con ela e ir descubríndoo pouco a pouco a medida que un vai lendo, pero a sucesión de acontecementos, de sorpresas, de altos e baixos é continua, sempre está a pasar algo. Desde o meu punto de vista máis que recomendable e imprescindible para aqueles que leran “Te daré la tierra”.

Posted in Libros | 1 Comment »

“El ángel perdido”, de Javier Sierra

Posted by romeroig o 13/04/2011


A novela de hoxe figura nas listas das máis vendidas neste momento no noso país. É a primeira que lin deste autor e, a verdade, é que, dentro do xénero ao que pertence, esperaba algo máis, algo que xustificara toda a expectación e ventas que trae consigo. Xa de entrada vou dicir que non me gustou demasiado, cumpriu lixeiramente coa súa función de entreter nalgúns momentos, pero tras rematala quedei coa sensación de que non me aportou demasiado, posiblemente tendo en conta as ventas tanto desta como das anteriores esperaba algo máis. Non sei se as outras que ten diranme algo máis, pero non teño claro que lles vaia dar unha oportunidade, máis que nada porque teño neste momento máis lecturas pendentes que me chaman máis a atención. O autor é Javier Sierra e a novela titúlase “El ángel perdido”.

A verdade é que non me dera conta de quen era o autor. Hai tempo era afeccionado aos temas que trata habitualmente, e cando lin a biografía dinme conta de que xa o tiña visto, escoitado e lido antes nas súas intervencións en radio, televisión e nalgunhas revistas nas que participou. Naceu en Teruel en 1971 e estudou Periodismo na Universidade Complutense de Madrid. É periodista, escritor e investigador de temas que podemos considerar científicos pero sempre cun tratamento algo especial. Colabora na revista “Más allá de la ciencia” e en varios programas de radio e televisión como “Milenio 3” da SER ou “Cuarto Milenio” en Cuatro. Desde hai uns anos dedícase a viaxar e investigar enigmas do pasado e supostos misterios históricos que considera que non quedaron demasiado claros tras as investigacións máis ortodoxas. Un deses misterios é o que lle serve para boa parte da redacción das súas novelas, como por exemplo, esta última que estou a comentar. Aos dezaoito anos foi un dos fundadores da revista “Año Cero” e sempre estivo relacionado con estes temas que algúns poden considerar científicos e outros non tanto. Varias polémicas circulan ao redor das súas investigacións e as conclusións ás que chega, quizais unha das máis sonadas foi aquela na que defendeu a veracidade do caso Rosswell, aínda que pouco despois demostrouse que a filmación que Sierra consideraba como verdadeira non fora máis que unha falsificación e unha montaxe. Foi o primeiro autor español que entrou na lista dos dez máis vendidos en Estados Unidos, no número 6 en “The New York Times” en marzo de 2006 coa obra “La cena secreta”, editada en máis de 42 países e que leva vendidos máis de tres millóns de exemplares. Así é o segundo escritor español contemporáneo máis traducido tras Carlos Ruiz Zafón. Tamén se di que varias produtoras estadounidenses están interesadas en levar esta novela ao cine. A súa primeira obra narrativa foi “La dama azul” (1998) e desde ese ano publica case unha nova novela cada dous anos. Destacan “La cena secreta” (2004) ou unha versión ampliada e corrixida de “La dama azul” publicada no ano 2008, que recibiu o Premio á mellor novela histórica publicada en inglés nos “International Latino Awards” en Estados Unidos. “El ángel perdido” é, ata o momento a súa última novela, neste mesmo ano 2011.

Julia Álvarez traballa para a Fundación Barrié na restauración do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, buscando explicación a certos deterioros ao mesmo tempo que participa na súa reparación. Durante a madrugada do día de Todos os Santos vai desencadearse a acción, que a levará a participar nunha aventura perigosa e chea de acción. Cando está dentro da Catedral é atacada por un misterioso home, do que so vai poder escapar cando un axente secreto americano entra no templo e fai que o intruso escape. Antes diso sabemos que o marido de Julia, Martin Faber, foi secuestrado por un grupo terrorista islámico, que deixa unha mensaxe dirixida á súa muller, unha mensaxe que en teoría so ela poderá interpretar. O axente que a salva da agresión, Nicholas Allen, será o que lle comunique a noticia do secuestro e tamén vai axudala a interpretar as misteriosas palabras finais do seu home, unha interpretación que se relaciona con certos misterios e unhas raras pedras que eles posúen e que teñen uns poderes fortes e moi importantes para o futuro da humanidade. Tras o tiroteo na Catedral e poñer a salvo á protagonista tamén teremos a un par de policías da cidade e un fabuloso helicóptero que parece que tamén anda na busca da pobre Julia, que vai verse metida entre dous fogos sen saber moi ben a quen crer. Para ela todo é case un misterio incomprensible que vai ir tomando forma pouco a pouco, sen saber ata o final en quen pode ou non confiar, xa que terá que sobrepoñerse a máis dunha sorpresa. De repente temos un impresionante helicóptero capaz de sobrevoar a cidade sen que ninguén o note, nel virán outros homes que tamén buscan a Julia por razóns parecidas, asasinos que acaban con todo o que se lles poña por diante case sen pestanexar e unha poderosa arma que acaba con calquera tipo de aparello electrónico, forma na que conseguen facerse con Julia. De Santiago a Noia e dalí ao monte Ararat nunha viaxe que non a vai deixar nin respirar, cheo de sorpresas e violencia.

Con esta historia entraremos nun mundo relacionado cos anxos, pedras con misteriosos poderes, mitoloxías e lendas de varios e diversos países, o Diluvio Universal visto desde varias tradicións, anxos caidos, Gilgamesh, Noé e o Arca, o monte Ararat, o cristianismo e varias cousas máis que non vou mencionar directamente para non desvelar demasiado da trama. Realmente é unha mistura de moitas cousas, quizais demasiadas, que fan que por momentos o lector poida andar un pouco perdido. Perdido non so por todo isto, senón tamén por un certo baile de personaxes, de identidades, de persoas que non son o que din ou parecen ser, por proxectos secretos do goberno dos Estados Unidos, ata o presidente deste país é un dos personaxes da trama. FBI, CIA, NSA e varias axencias máis coñecidas e descoñecidas aparecen intervindo na historia. E de fondo todo ese tipo de temas ocultos e esotéricos que tanto lle gustan ao autor. No seu traballo de investigación incluso chegou a viaxar ao monte Ararat para poder ver directamente o que se coñece como a “anomalía do Ararat” que é un dos elementos centrais da historia.

A verdade é que me decepcionou a novela, que en certos momentos ata me pareceu caótica no seu desenvolvemento, tanto que pode facer que o lector ande algo perdido entre toda esa morea de acción, personaxes e información de tantas fontes distintas e tradicións distintas aínda que relacionadas. Como non lin ningunha das anteriores non sei se é mellor ou peor, pero certo é que levantou gran expectación e teño claro que o márketing, con presentacións en varias cidades españolas, firmas de libros e actos dese tipo funcionou moi ben para convertela neste momento nunha das máis vendidas por estes lares. Esperaba algo máis, por non dicir moito máis, que aportara algo a un xénero no que hai algunhas cousas que destacan por riba da media. Penso que non aporta demasiado e é case unha mistura de elementos que podemos atopar noutros autores. Pode lerse case como un cómic, unha historia de aventuras fantásticas que pode chegar a entreter a lectores non demasiado esixentes. Coñezo a máis dunha persoa que comparte opinións parecidas á miña, incluso varios que a deixaron sen rematar, cousa que eu de momento non fago, pero estiven preto de facelo. Ademais incluso podería atopar algún problema de carácter xeográfico no desenvolvemento da acción no que se refire á cidade de Santiago ou a Noia. Os personaxes, quizais sacando á protagonista, parecéronme demasiado tópicos, e os que máis os que aparecen en Galicia, tanto os policías como os dous sacerdotes que aparecen relacionados coa Catedral. Creo que aínda lle darei outra oportunidade e nalgún momento collerei “La dama azul” para poder comparar esta de hoxe con algunha das anteriores que tanto éxito tiveron, pero tamén teño que recoñecer que será unha lectura mediatizada por esta de hoxe. Penso que neste caso non a recomendaría, sobre todo porque hai moitas cousas máis interesantes e apetecibles que ler, a verdade, pero evidentemente esta é unha opinión completamente persoal, e non todos pensamos o mesmo.

Posted in Libros | 2 Comments »

“Fundación Libélula”, de Yashmina Shawki

Posted by romeroig o 07/04/2011

nullnull

Hoxe vou escribir algo dunha novela editada recentemente en galego e que non sei se aparecerá en castelán, aínda que penso que é probable, xa que a súa autora ten publicadas obras en ambos os dous idiomas. Por outro lado é a primeira vez que teño a oportunidade de comentar unha novela dunha persoa á que coñezo, ou máis ben, coñecín alá polos tempos da adolescencia e xuventude e da que hai tempo que non sei nada de xeito persoal, cousas da vida que te levan por camiños distintos. A autora é Yashmina Shawki e a novela titúlase “Fundación Libélula”, editada hai pouco por Xerais.

Yashmina Shawki naceu en Vigo, de nai galega e pai kurdo. Os seus estudos alternaron entre a súa cidade de nacemento e a cidade de Baghdad, onde pasou unha temporada nesa etapa da súa vida. Logo volveu a Vigo e licenciouse na Universidade de Santiago de Compostela en Dereito en 1992 e ao ano seguinte en Historia Contemporánea. Despois dedicouse a dar conferencias e escribir artigos periodísticos, sobre todo centrados en temas relacionados con Oriente Medio, ademais de colaborar en varias revistas. Tamén publica un artigo de opinión de xeito semanal nas páxinas de “La voz de Galicia” e colabora no programa radiofónico “Al final del día” de Radio Voz. De momento a súa produción literaria ten tanto obras en castelán como en galego. En castelán “Kurdos, destino libertad” (2007), en galego “Contos ao carón da lareira” (2007) e a novela obxecto deste comentario. Nunha entrevista feita a raíz deste libro di que está preparando dúas novelas máis, unha en castelán e outra en galego.

“Fundación Libélula” é unha novela curta, de pouco menos de cen páxinas que tanto por extensión, contido e forma de desenvolverse non sei se falar dela como novela, relato ou como un conto, xa que moitas veces a fronteira entre estes xeitos de narrar é difusa e complicada.

Vainos contar a historia de catro mulleres que establecerán unha certa relación, tres delas terán á outra como nexo de unión. Unha historia que transcorre na cidade de Vigo, mencionando en varias ocasións lugares que o residente nela poderá recoñecer, imprimíndolle máis realidade á historia que nos vai contar. O nexo de unión é unha avogada, María Xosé Muradas, unha muller decidida, valente e que é capaz de enfrontarse con case todo. Ten unha vida acomodada, aínda que ao longo da historia veremos como hai cousas contra as que non se pode loitar moitas veces, queira un ou non. Unha das cousas que máis lle preocupan e contra a que está disposta a loitar de todos os xeitos posibles é a violencia de xénero, en calquera das súas manifestacións, que será o que a leve a crear esa “Fundación Libélula” que da título á novela. Ao redor dela e da súa vida aparecerán tres casos de mulleres en situacións precarias e cada unha cunha historia distinta, pero todas elas duras, tristes e complicadas. Ela será a que tente axudalas para saír, ao igual que fixo antes con outras, desas vidas que as oprimen e que poden acabar con elas. Preséntasenos a Gladys, unha inmigrante ilegal enganada para traballar como prostituta nun club, sen documentación, somerxida nun mundo de explotación sexual e violencia. Helena é unha rapaza nova que ten que facerse cargo dos seus irmáns, xa que a súa nai é unha muller violenta, drogadicta e alcohólica, unha situación coa que terá que loitar día a día con máis escuridade que luz e que ademais é moi consciente de que ten que facer algunha cousa, estuda e quere conseguir algo que a faga escapar, tanto a ela como aos seus irmáns, desa situación. E logo está a Laura, casada, con fillos, cun marido lacazán e que non fai nada, ademais de que ten que vivir co seu cuñado e os seus sogros, cunha sogra que a martiriza, aínda que ela sexa case o sostén da familia. Todas elas, en certo momento, entrarán en contacto con María Xosé que recorrerá a todo para botarlles unha man, tres historias que a levarán a remover ceo e terra para axudalas a saír da vida na que están e tamén a esa “Fundación Libélula” que terá como obxectivo axudar a mulleres en situacións precarias sexan do tipo que sexan. Axudalas a escapar desas vidas que levan e ter outras moito máis dignas e salvadoras, porque o merecen.

A novela gustoume bastante, aínda que penso que a súa brevidade por un lado é un pequeno defecto e por outro unha virtude. Ao principio dicía que non tiña claro se falar dela como unha novela, un relato ou un conto. Por un lado a súa extensión réstalle complexidade, unha complexidade que ao mellor a autora tampouco considerou necesaria para reflectir aquilo que pretendía. Cando se tratan estes temas, ademais, é sinxelo caer nunha sucesión de tópicos e lugares coñecidos por outras vías, tanto da literatura como do cine ou a televisión, ou simplemente das noticias, por desgraza, case diarias, que tocan este tipo de temas. Tamén pensaba nun conto porque todo transcorre demasiado rápido, transitando dunha situación a outra case sen unha continuidade no relato e cunha resolución das cousas ao mellor algo idílica por momentos. As duras historias das catro mulleres quedan ben narradas con poucas palabras, centradas en catro ou cinco situacións case puntuais que fan que o lector poida supoñer o conxunto desas terribles vidas que levan. Penso que Yashmina quixo que o lector tamén puxese algo da súa parte e non darlle todo, que imaxine, que pense e reflexione sobre a vida desas mulleres que representan a moitas outras, reais, que levan vidas iguais ou peores en case todos os recantos do mundo, pero tamén ao noso lado, nos mesmos edificios nos que nós levamos as nosas. Por outro lado, aínda que sabemos que non o é, a historia transcorre con demasiada rapidez, as cousas parecéronme quizais demasiado sinxelas na súa resolución, ao mellor tamén porque non está nada mal un pouco de optimismo nestes temas, sempre tratados dun modo duro, escuro e cuns finais case sempre tráxicos e violentos. Ao mellor esta é outra virtude, dar un pouco de esperanza, de facer pensar que as cousas non sempre van mal ou a peor, que é posible con algo de vontade, traballo e sorte que moitas destas mulleres poidan rematar esa vida que non o é para poder comezar, ter un novo principio de vida digna e con eses momentos de felicidade da que todos gozamos ao longo das nosas vidas.

Creo que é unha novela recomendable e pensando como docente, podería ser un bo libro para a súa lectura en certos niveis dos nosos centros de ensino, pois pensando nese tipo de lectores e lectoras a súa brevidade xa xoga, e moito, ao seu favor (que lle imos facer, cando pos un libro para que lean o primeiro que preguntan é cantas páxinas ten, e como teña máis de duascentas podes ver caras de auténtico pánico). Por outro lado penso que é unha historia que lles pode interesar, que pode ensinarlles algo e facerlles reflexionar, sobre todo porque creo que unha boa maneira de rematar con este tipo de situacións é a educación. De todos modos e como dixen ao principio eu recomendaría esta novela dunha autora quizais non demasiado coñecida que tenta facerse un oco no panorama literario galego, e sempre está ben que aparezan estas novas novelas, pensadas e escritas en galego.

Posted in Libros | 1 Comment »

“The Defenders”

Posted by romeroig o 02/04/2011


Hoxe imos con algo de televisión que xa van varios libros seguidos e hai que alternar un pouco. Se fixeramos un ranking de sectores profesionais reflectidos nas series de televisión penso que os tres primeiros postos, e non me atrevo a darlles unha orde determinada, serían para os policías e forenses (de moda ultimamente), os profesionais da medicina e os avogados. Supoño que serán os que máis xogo dan para este medio, pero a verdade é que é complicado atopar unha serie que non teña como centro a algunha destas profesións. Así que para non variar esta de hoxe está dentro do mundo dos avogados, e chámase “The Defenders” (“Os defensores”), de recente estrea nas canles de pago, concretamente emitida os xoves pola noite antes de “The good wife” en Fox.

Esta estaría dentro das series nada máis que entretidas, sen moitas máis pretensións que esa, que como teño dito, se o consegue, xa é bastante. Non é como outras que saíron xa por aquí dentro da mesma temática. Non estamos a falar dun gran bufete de avogados con todos os medios posibles e enfrontándose ás grandes corporacións, ás empresas de todo tipo ou a casos que vaian rematar no Tribunal Supremo. É algo moito máis cotián e case pedestre, con casos pequenos e delitos que non van rematar saíndo nos periódicos. E tampouco temos a unha morea de avogados e avogadas pululando por aí, axudando a gañar o caso; tampouco temos a intelixentes e espabilados investigadores que atopan sempre a solución ao caso para que o avogado gañe e o seu cliente saia libre. Non, estamos simplemente ante dous avogados dun pequeno bufete, axudados por unha avogada nova e novata e unha secretaria, digamos, algo especial. Os casos serán, normalmente, pequenos delitos, roubos (nun dos últimos que vin alguén roubaba os zapatos de gamuza azul de Elvis), estafas de rango medio, débedas económicas, algún asasinato…, todos casos cos que se pode atopar un avogado normal, porque iso é o que son. Son normais, non buscan a fama aínda que si o diñeiro, claro, que lles é necesario para vivir. Anúncianse en grandes letreiros da cidade, buscan clientes nos xulgados e de vez en cando aparece un bo cliente que lles vai deixar algo de diñeiro para soster o despacho. Este quizais sexa un dos aspectos que fai que sexa distinta, a forma de tratar a temática legal, dun xeito moito máis simple, real e cotián que a maior parte das demais, sempre moito máis grandilocuentes e espectaculares no tratamento dos casos legais. Quizais este sexa un dos aspectos polos que me gusta e me entretén.

Os dous protagonistas son, ademais, ben distintos no seu carácter, forma de comportarse e de facer as cousas, tamén na forma de ver a vida. Un é máis serio, formal e preocupado polo seu divorcio e o seu fillo, e o outro, que é máis novo, é máis golfo, ligón, xogador e gastador. O maior dos dous é Nick Morelli, case o fundador do bufete, traballando para soster o negocio e a súa familia, divorciado da súa muller (aínda que non contento coa situación) e cun fillo ao que ve algo menos do que desexaría. O novo é Pete Kaczmarec, atractivo, con elegancia e estilo, preocupado dos seus clientes, pero tamén de gozar da vida o máis posible; xoga, bebe, sae e ata nalgunha ocasión é capaz de liarse con algunha clienta. E traballando con eles a novata Lisa Tyler, unha rapaza nova á que contratan para que lles bote unha man; traballaba como bailarina de striptease nun club para pagarse a carreira e eles, tendo en conta o seu pasado, foron os únicos que lle deron traballo. Zoey Waters é a secretaria, sempre ben maquillada e pendente de case todo o que pasa, tendo que intervir máis dunha vez nos casos e nas investigacións. Estes catro levan o peso dos argumentos, xa que o resto, en xeral, cambian en cada episodio.

E a cidade na que transcorre a acción e outra das protagonistas. Se fixeramos de novo unha clasificación das cidades americanas que máis saen no cine e na televisión sen dúbida a primeira sería Nueva York, e tamén sen dubidalo a segunda, e moi preto da anterior, sería Las Vegas. Así é, son dous avogados que teñen os seu despacho nesta espectacular cidade, que funciona como un personaxe máis xa que é a que provoca a maior parte dos casos que teñen que defender. Moitos deles relacionados con estafas a casinos, débedas de xogo, casos de prostitución, detencións ilegais, algún asasinato (claro, non podían faltar), divorcios…; como dicía hai unhas liñas as cousas que deben de pasar nesta cidade a todas horas e todos os días, a cidade que nunca dorme é o que ten, que da pe para moitas cousas.

No que se refire aos actores os dous protagonistas son ben coñecidos, cunha boa cantidade de cine e televisión no seu currículum, algunhas destacables e moitas non tanto, pero sempre gardando unha certa liña no sentido de entretemento e comedia. Nick Morelli é un actor moi coñecido, James Belushi, un veterano nestas lides que empezou na televisión a finais dos anos setenta, dela pasou ao cine durante unha boa temporada con películas bastante coñecidas e tras unha época algo escura volveu á televisión, na que parece terse instalado definitivamente, aínda que tamén con altibaixos. Antes participou no programa de comedia máis famoso da televisión americana, “Saturday night live”, unha auténtica fábrica de actores cómicos. A min paréceme un bo actor para este tipo de cousas e aquí está bastante ben, a verdade é que para min é o que leva o peso de case todo o que pasa e é o centro da maior parte das historias. Pete Kaczmarec é o actor Jerry O´Connell, tamén moi coñecido de cara que pasou moito tanto polo cine como pola televisión. Curiosamente buscando datos dinme conta de que era un dos protagonistas dunha das películas que teño entre as miñas favoritas, “Cuenta conmigo”, cambiou tanto que non o recoñecera, que a película esta é do ano 1986. Tamén está bastante ben nese papel de golfo simpático que lle da un pouco o contrapunto ao seu socio, que ten que sacalo máis dunha vez dos problemas nos que se mete. O resto son actores moito máis descoñecidos.

A serie como dixen ao principio non está mal, non podemos incluíla dentro das destacables e con calidade pero ten bos momentos e fai que un estea entretenido e sorría máis dunha vez ao longo de cada capítulo. Algunhas situacións poden ser algo ridículas, pero están tratadas tentando darlle un certo aire de realidade e verosimilitude. Os casos, ao mellor por ser distintos aos da maioría das series, son amenos e interesantes, case sempre con algunha sorpresa no seu desenvolvemento e facendo que ambos avogados teñan que ser inxeniosos e áxiles para conseguir a liberdade dos seus clientes. Polo medio temos as cousas deles, os problemas familiares e persoais de Nick e os líos nos que se mete Pete, que lle dan tamén algo máis de interese á serie. Capítulos de corenta minutos nos que prima, como dixen, o entretemento sobre as cuestións legais, un pequeno xiro para tentar facer algo distinto que convenza ao espectador. Ten bos momentos e sabe conseguir a atención, así que é recomendable para alternar con esas outras que ao mellor son máis serias, máis dramáticas ou teñen máis calidade. Un postre saboroso para rematar unha boa comida, por exemplo; ou algo para picar cando un non ten demasiada fame. Espero que vos resulte, polo menos, tan entretida e divertida como a min, xa me diredes.
Non atopei vídeo en castelán, así que queda en inglés, ademais deste outro que é un anuncio dos avogados reais nos que, máis ou menos, basease a serie.

Posted in Televisión | Leave a Comment »

“Huérfanos del mal”, de Nicolás D´Estienne D´Orves

Posted by romeroig o 27/03/2011

nullnull Moitas son as novelas que aproveitan feitos históricos para desenvolver a partir deles relatos que misturan a realidade e a ficción. Esta fórmula pode darnos novelas realmente entretidas e outras que non o son tanto, algo que sempre depende da mestría do autor para cativarnos coa historia que nos está a relatar e cos seus personaxes. Moitas son tamén as que aproveitan certas épocas que, aínda que bastante ben coñecidas, deixaron moitos feitos, datos ou momentos ideais para que o autor deixe voar a súa imaxinación e a dos seus lectores. E unha das épocas que podemos dicir que máis aproveitan isto que estou a dicir é a Segunda Guerra Mundial e todo o que ten que ver cos nazis, as súas ideas, comportamentos, experimentos, etc. De todas as que hai, que son moitas, penso que poucas son as que realmente merecen a pena e destacan por riba da media. Unha das que máis recordo é “Os nenos do Brasil”, que deu lugar tamén a unha desacougante película; menciono esta porque podemos dicir que está moi relacionada coa que vou comentar hoxe, aínda que penso que non está para nada á mesma altura. É evidente que todo o que ten que ver con este tema pode dar lugar a novelas de ficción, algunhas máis preto da realidade que outras, pero é un mundo moi fértil para a literatura. Aínda así creo que me quedo con aquelas que teñen máis de histórico que de ficticio, aínda que estas segundas non están mal para pasar un bo rato. A novela de hoxe é “Huérfanos del mal”, de Nicolas D´Estienne D´Orves e xa digo que, en varias cousas, recordoume moito á que mencionei antes, aínda que esta comentada hoxe cae nalgúns momentos, para min, en aspectos demasiado fantásticos que penso que estropean algo unha novela que non está mal de todo.

O autor é francés, nacido en 1974. Licenciado en Filosofía e Letras pola Sorbona e especializado en literatura moderna. Pasouse ao mundo do periodismo, colaborando en varias revistas e diarios do seu país. No ano 2001 comezou a súa carreira como escritor. No 2002 gañou o premio “Roger-Nimier” pola súa novela “Othon ou l´Aurore immobile” e no 2003 o premio Jacques Bergier con “Fin de race”. Ten publicadas oito novelas de ficción e tres ensaios. Unha das súas grandes afeccións é a música, sobre todo a clásica e a ópera, algúns ensaios tratan sobre este tema e ten un blog centrado no mundo da música. “Huérfanos del mal” é o resultado de dous anos de investigación sobre o tema, foi unha das novelas máis vendidas en Francia no ano da súa publicación, o 2007 e tamén tivo boas ventas nos demais países nos que se publicou.

A historia transcorre en tres épocas distintas, alternando entre elas pero evidentemente todas relacionadas por algo. Parte dunha idea real do militar nazi Himmler, os “Lebensborn”, unha especie de clínicas onde buscaban os nacementos de alemáns de pura raza aria, usando homes e mulleres de raza “pura” para conseguir aos homes e mulleres que dominarían o mundo cando o III Reich triunfara. Así temos unha serie de personaxes que desenvolven a súa historia a partires de 1938, outros ao redor de 1987 e a historia actual, que transcorre no 2005. Nesa época actual temos á protagonista da novela, Anaïs Chouday, unha rapaza nova que traballa como periodista e novelista para outras persoas a través dunha editorial. Un día recibe a chamada do seu xefe para comentarlle que ten para ela un encargo moi lucrativo, unha cantidade que non vai poder rexeitar. Todo para escribir un libro sobre eses “Lebensborn” por encargo dunha persoa algo misteriosa. Así coñece a Vidkun Venner, un holandés fascinado pola Alemaña nazi, comprador de todo o que teña que ver con ela, coleccionista e millonario. A súa casa é un auténtico museo de cousas do nazismo e o seu comportamento está cheo de preguntas sen resposta. En realidade o que quere é que Anaïs o axude a investigar catro misteriosos suicidios que sucederon en Alemaña, todos o mesmo día e da mesma maneira e que teñen que estar relacionados. Ademais as autoridades silenciaron todo o asunto, outra cousa que molesta ao señor Venner, que recibiu unha caixa con catro mans cortadas que parecen pertencer a esas catro persoas. Nun principio dubida de meterse nese asunto, que ademais a medida que avanzan os días, parece máis perigoso, pero pouco a pouco a súa curiosidade e a fascinación que exerce sobre ela este personaxe farán que se vexa inmersa nunha historia que supera calquera cousa que puidera imaxinar. Comezarán unha viaxe por varias zonas de Francia e Alemaña que parecen ter relación con estas catro persoas e descubrirán outros misteriosos asasinatos sucedidos no pasado que tamén parecen estar relacionados con eses suicidios. A isto sumamos as desaparicións tamén en Alemaña de varios nenos diminuídos psíquicos que traen á policía de cabeza. Pouco a pouco irán aparecendo na súa investigación moitos dos elementos máis importantes do nazismo da Segunda Guerra Mundial, relacionados directamente con todo o que van a descubrir, poñendo máis dunha vez a súa vida en perigo. Cada paso que dan achégaos máis á verdade, unha verdade aterradora. A todo isto lle podemos sumar que Anaïs ten unha moi mala relación co seu pai, a intervención de Clément, un medio noivo que ten e a atracción que cada vez é máis forte polo señor Venner, que esconde máis do que parece, algunhas cousas sabidas e outras non tanto.

A novela é entretida e non está mal. Consegue que o lector queira saber cada vez máis que é o que está a pasar. Vai alternando entre as tres épocas e historias para ir tecendo un pano de horror e experimentos con seres humanos. Personaxes misteriosos que pouco a pouco van desvelando os seus misterios, cambios de identidade, fuxidas e bastante movemento. Os dous protagonistas, Anaïs e Vidkun son bastante interesantes e están ben deseñados. A intriga está ben montada e iremos pouco a pouco descubrindo cousas, algunhas esperadas e outras non tanto, que algunha sorpresa ten. Nalgún momento hai que prestar atención ao baile de personaxes entre as tres épocas, máis que nada para non perderse entre algúns cambios de nome e cousas parecidas. Os personaxes históricos, que son varios, todos eles relacionados directamente co nazismo, tamén están ben metidos dentro da trama e, se temos en conta que di que estivo dous anos investigando, responden bastante á realidade que podemos coñecer doutras novelas ou da propia historia. E o resto dos de ficción son todos bastante bos e teñen parte importante na historia. Aínda así hai algúns dos principais que non terminaron de convencerme completamente, como se lles faltara algo, como se a súa forma de comportarse ou actuar non estivera clara de todo para o lector, pero non vou dicir cales, por suposto.

A novela non está mal, aínda que non deixa de ser unha máis das moitas que hai sobre o mesmo tema. Eu diría que estaría nun termo medio, con algunhas cousas destacables e outras non tanto. Para os afeccionados a ese tipo de tramas ou época histórica pode ser máis atractiva e interesante pero creo que non aporta demasiado. Ademais para min ten un gran problema, dito desde a miña perspectiva e gustos, e é o final. Durante todo o desenvolvemento da novela asistimos a unha historia máis ou menos crible, coas súas cousas claro, pero podemos dicir que verosímil. Pero as últimas páxinas decepcionáronme un pouco, non vou comentar nada directamente, pero non era a explicación final que esperaba para as cousas que pasaron ata chegar a ese momento. As veces teño a sensación de que hai autores aos que os finais, a resolución, se lle escapan algo das mans e non saben moi ben como dar unha explicación a todo o que pasou (algo que as veces tampouco é imprescindible) e optan por solucións algo “peregrinas”. Pois algo así me pasou con esta, foi un final decepcionante e unha explicación da trama que penso que non se corresponde co desenvolvemento, pero iso é algo que teredes que descubrir vós mesmos, ademais de ver se coincidides comigo ou non. ¿Recomendable? Ben, so a medias, para pasar un rato entretido, algo intrigado e tentando xuntar as pezas dun puzzle bastante ben feito. Espero as vosas opinións.

Posted in Libros | Leave a Comment »