Libros, cine e televisión

Comentarios sobre o que vexo e leo

  • Agora estou a ler

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

  • Visitas

  • Arquivos

  • Categorías

Archive for the ‘Televisión’ Category

“The Defenders”

Posted by romeroig o 02/04/2011


Hoxe imos con algo de televisión que xa van varios libros seguidos e hai que alternar un pouco. Se fixeramos un ranking de sectores profesionais reflectidos nas series de televisión penso que os tres primeiros postos, e non me atrevo a darlles unha orde determinada, serían para os policías e forenses (de moda ultimamente), os profesionais da medicina e os avogados. Supoño que serán os que máis xogo dan para este medio, pero a verdade é que é complicado atopar unha serie que non teña como centro a algunha destas profesións. Así que para non variar esta de hoxe está dentro do mundo dos avogados, e chámase “The Defenders” (“Os defensores”), de recente estrea nas canles de pago, concretamente emitida os xoves pola noite antes de “The good wife” en Fox.

Esta estaría dentro das series nada máis que entretidas, sen moitas máis pretensións que esa, que como teño dito, se o consegue, xa é bastante. Non é como outras que saíron xa por aquí dentro da mesma temática. Non estamos a falar dun gran bufete de avogados con todos os medios posibles e enfrontándose ás grandes corporacións, ás empresas de todo tipo ou a casos que vaian rematar no Tribunal Supremo. É algo moito máis cotián e case pedestre, con casos pequenos e delitos que non van rematar saíndo nos periódicos. E tampouco temos a unha morea de avogados e avogadas pululando por aí, axudando a gañar o caso; tampouco temos a intelixentes e espabilados investigadores que atopan sempre a solución ao caso para que o avogado gañe e o seu cliente saia libre. Non, estamos simplemente ante dous avogados dun pequeno bufete, axudados por unha avogada nova e novata e unha secretaria, digamos, algo especial. Os casos serán, normalmente, pequenos delitos, roubos (nun dos últimos que vin alguén roubaba os zapatos de gamuza azul de Elvis), estafas de rango medio, débedas económicas, algún asasinato…, todos casos cos que se pode atopar un avogado normal, porque iso é o que son. Son normais, non buscan a fama aínda que si o diñeiro, claro, que lles é necesario para vivir. Anúncianse en grandes letreiros da cidade, buscan clientes nos xulgados e de vez en cando aparece un bo cliente que lles vai deixar algo de diñeiro para soster o despacho. Este quizais sexa un dos aspectos que fai que sexa distinta, a forma de tratar a temática legal, dun xeito moito máis simple, real e cotián que a maior parte das demais, sempre moito máis grandilocuentes e espectaculares no tratamento dos casos legais. Quizais este sexa un dos aspectos polos que me gusta e me entretén.

Os dous protagonistas son, ademais, ben distintos no seu carácter, forma de comportarse e de facer as cousas, tamén na forma de ver a vida. Un é máis serio, formal e preocupado polo seu divorcio e o seu fillo, e o outro, que é máis novo, é máis golfo, ligón, xogador e gastador. O maior dos dous é Nick Morelli, case o fundador do bufete, traballando para soster o negocio e a súa familia, divorciado da súa muller (aínda que non contento coa situación) e cun fillo ao que ve algo menos do que desexaría. O novo é Pete Kaczmarec, atractivo, con elegancia e estilo, preocupado dos seus clientes, pero tamén de gozar da vida o máis posible; xoga, bebe, sae e ata nalgunha ocasión é capaz de liarse con algunha clienta. E traballando con eles a novata Lisa Tyler, unha rapaza nova á que contratan para que lles bote unha man; traballaba como bailarina de striptease nun club para pagarse a carreira e eles, tendo en conta o seu pasado, foron os únicos que lle deron traballo. Zoey Waters é a secretaria, sempre ben maquillada e pendente de case todo o que pasa, tendo que intervir máis dunha vez nos casos e nas investigacións. Estes catro levan o peso dos argumentos, xa que o resto, en xeral, cambian en cada episodio.

E a cidade na que transcorre a acción e outra das protagonistas. Se fixeramos de novo unha clasificación das cidades americanas que máis saen no cine e na televisión sen dúbida a primeira sería Nueva York, e tamén sen dubidalo a segunda, e moi preto da anterior, sería Las Vegas. Así é, son dous avogados que teñen os seu despacho nesta espectacular cidade, que funciona como un personaxe máis xa que é a que provoca a maior parte dos casos que teñen que defender. Moitos deles relacionados con estafas a casinos, débedas de xogo, casos de prostitución, detencións ilegais, algún asasinato (claro, non podían faltar), divorcios…; como dicía hai unhas liñas as cousas que deben de pasar nesta cidade a todas horas e todos os días, a cidade que nunca dorme é o que ten, que da pe para moitas cousas.

No que se refire aos actores os dous protagonistas son ben coñecidos, cunha boa cantidade de cine e televisión no seu currículum, algunhas destacables e moitas non tanto, pero sempre gardando unha certa liña no sentido de entretemento e comedia. Nick Morelli é un actor moi coñecido, James Belushi, un veterano nestas lides que empezou na televisión a finais dos anos setenta, dela pasou ao cine durante unha boa temporada con películas bastante coñecidas e tras unha época algo escura volveu á televisión, na que parece terse instalado definitivamente, aínda que tamén con altibaixos. Antes participou no programa de comedia máis famoso da televisión americana, “Saturday night live”, unha auténtica fábrica de actores cómicos. A min paréceme un bo actor para este tipo de cousas e aquí está bastante ben, a verdade é que para min é o que leva o peso de case todo o que pasa e é o centro da maior parte das historias. Pete Kaczmarec é o actor Jerry O´Connell, tamén moi coñecido de cara que pasou moito tanto polo cine como pola televisión. Curiosamente buscando datos dinme conta de que era un dos protagonistas dunha das películas que teño entre as miñas favoritas, “Cuenta conmigo”, cambiou tanto que non o recoñecera, que a película esta é do ano 1986. Tamén está bastante ben nese papel de golfo simpático que lle da un pouco o contrapunto ao seu socio, que ten que sacalo máis dunha vez dos problemas nos que se mete. O resto son actores moito máis descoñecidos.

A serie como dixen ao principio non está mal, non podemos incluíla dentro das destacables e con calidade pero ten bos momentos e fai que un estea entretenido e sorría máis dunha vez ao longo de cada capítulo. Algunhas situacións poden ser algo ridículas, pero están tratadas tentando darlle un certo aire de realidade e verosimilitude. Os casos, ao mellor por ser distintos aos da maioría das series, son amenos e interesantes, case sempre con algunha sorpresa no seu desenvolvemento e facendo que ambos avogados teñan que ser inxeniosos e áxiles para conseguir a liberdade dos seus clientes. Polo medio temos as cousas deles, os problemas familiares e persoais de Nick e os líos nos que se mete Pete, que lle dan tamén algo máis de interese á serie. Capítulos de corenta minutos nos que prima, como dixen, o entretemento sobre as cuestións legais, un pequeno xiro para tentar facer algo distinto que convenza ao espectador. Ten bos momentos e sabe conseguir a atención, así que é recomendable para alternar con esas outras que ao mellor son máis serias, máis dramáticas ou teñen máis calidade. Un postre saboroso para rematar unha boa comida, por exemplo; ou algo para picar cando un non ten demasiada fame. Espero que vos resulte, polo menos, tan entretida e divertida como a min, xa me diredes.
Non atopei vídeo en castelán, así que queda en inglés, ademais deste outro que é un anuncio dos avogados reais nos que, máis ou menos, basease a serie.

Advertisement

Posted in Televisión | Leave a Comment »

“Ladrón de guante blanco”

Posted by romeroig o 13/03/2011

nullnull
Volvemos á televisión, que xa ían varios libros e algunha película seguidas, así que hoxe vai tocar unha serie relativamente recente, aínda que están a emitir neste momento a segunda temporada en Fox, e penso que aínda non pasou polas outras cadeas, pero anotádea porque merece bastante a pena. Chámase “Ladrón de guante blanco” (“White collar” en inglés, unha expresión que pode usarse para referirse a traballos feitos con elegancia e estilo, máis ou menos).

Parece o de sempre, pero penso que ten elementos orixinais suficientes como para vela con moito agrado. Nalgún comentario anterior falaba de que hai series boas, medias e directamente malas. Esta estaría nun posto intermedio entre boa e media, non ten a orixinalidade, estilo ou outros elementos para estar dentro do primeiro grupo, pero ao mesmo tempo ten elementos bastantes como para situala algo por riba de moitas do mesmo estilo. Tamén introducía unha categoría propia, a de televisión de “palomitas”, pois agora vou dividila en dous, as que son feitas no microondas e as que poden facerse na tixola, escoitando como estoupan e van crecendo, que hai que recoñecer que están moito máis boas. Pois esta de hoxe estaría dentro desta categoría, a das “palomitas” de verdade, as que merecen a pena.

Entra dentro do xénero policial pero non é exactamente unha serie de policías, os protagonistas son un ladrón de alto nivel centrado en estafas e obras de arte e un axente do FBI. Os creadores da mesma admiten que se inspiraron nunha coñecida película de Steven Spielberg con Leonardo DiCaprio e Tom Hanks como protagonistas, “Atrápame si puedes”, unha cinta na que DiCaprio interpretaba a un estafador profesional que era capaz de facerse pasar por calquera cousa e Hanks era o axente que o perseguía por case todo o mundo, moi entretida. Pois aquí temos algo parecido, pero distinto, unha serie que no momento da súa estrea a finais do ano 2009 en Estados Unidos tivo moi boas crítica e un gran éxito de público. Agora están a emitir aquí, como dixen, a segunda temporada no canal FOX.

Neal Caffrey é un ladrón de guante branco, un home elegante, inxenioso, refinado e con estilo, sempre impecable e elegante, case como un James Bond dos primeiros tempos nos seus ademáns, formas de actuar e de comportarse. So rouba obras de arte, é un experto falsificador e un dos máis coñecidos no mundo no que se move, recoñecido e respectado. Pero atopouse co perfecto rival, o axente do FBI Peter Burke, o único home que conseguiu metelo na cadea, e non unha vez, senón dúas. A serie comeza cando Caffrey escapa da cadea para impedir que a súa noiva, Kate, marche sen el por unha serie de razóns misteriosas que iremos descubrindo a medida que avancen os episodios. Pero de novo o axente Burke é capaz de atopalo e volver a metelo no cárcere. Para poder seguir na rúa, Caffrey acepta a oferta do axente, que se quede con el, vixiado claro, e cun localizador no nocello para axudalo a atrapar a outros ladróns, estafadores e falsificadores como el. Acepta a oferta porque é a única maneira de permanecer fóra de prisión para poder buscar á súa noiva. Ao redor deles teremos a outros personaxes que van collendo protagonismo episodio a episodio. Un dos mellores é o amigo e misterioso axudante de Caffrey, Mozzie, todo un personaxe, do que sabemos pouco, sempre preparado para todo, que ve conspiracións en todas partes e ao que non lle gusta nada que o seu amigo traballe para o Goberno. Logo temos tamén á muller do axente Burke, Elizabeth, que tamén terá a súa dose de protagonismo. E o resto do equipo do FBI veremos como pouco a pouco pasarán de ser case meros acompañantes a tomar en máis dunha ocasión a parte principal do desenvolvemento da historia.

Polo que podedes ver tampouco é que sexa nada demasiado espectacular, unha máis de ladróns, policías e axentes do goberno pero a verdade é que ten algo que fai que destaque por riba das demais que poden seguir a mesma liña. Por un lado os seus protagonistas enganchan pola súa personalidade. Tanto Caffrey como o axente Burke poderían parecer tópicos pero non o son. Teñen dúas personalidades ben distintas pero completamente complementarias e non podemos dicir ben quen é o verdadeiro protagonista. Como di un dos meus irmáns, por unha vez o amigo do protagonista non é un mero acompañante ou comparsa ou medio tonto, non, teñen os dous case o mesmo protagonismo. O ladrón paréceme o áxil de mente, listo, pero o axente é o intelixente e ambos se complementan perfectamente en todos os campos. Para min son do mellor neste tipo de series que teño visto en bastante tempo. E non falemos do amigo Mozzie, un saco de sorpresas e de simpatía cunha forma de comportarse e actuar realmente divertida e tamén intelixente, sempre disposto a axudar ao seu amigo, aínda que para iso a veces tamén, con gran dor do seu corazón, teña que axudar ao Goberno. Este é un deses personaxes que ao principio parece que vai saír pouco pero que cada vez colle máis parte na acción, e ademais é algo que como espectador estás desexando, a min encántame. Sempre aparece algo novo, algunha sorpresa inesperada nas súas capacidades, formas de actuar e tamén con intervencións nos diálogos ben divertidas.

Os guións son inxeniosos, intelixentes e sobre todo áxiles, a serie sen contar con demasiadas escenas digamos espectaculares (case non hai persecucións, pelexas ou disparos) non deixa un momento de respiro, é un xogo de intelixencia, de gañar e coller aos delincuentes tentando ser máis listos que eles e esta é unha das mellores cousas da mesma. Os diálogos sobre todo entre eles dous parécenme xeniais e a medida que van tendo máis trato e confianza son aínda mellores. Entre eles vai establecéndose unha relación de amistade, case de dependencia cunhas conversas cheas de dobres sentidos e sempre conseguen que o espectador sorría máis dunha vez. É unha serie moi entretida e amena, ao mesmo tempo que divertida e interesante. Non pasará como outras á historia da televisión, pero sempre é de agradecer un entretemento ben feito, con intelixencia e, sobre todo, clase, e que trate ao espectador con esa mesma intelixencia. Os argumentos son bastante orixinais e aínda que poida parecelo non son nada repetitivos, sempre teñen algo que os fai distintos e interesantes e fan que esteas pendente do desenvolvemento da acción para ver en que remata todo. Intrigas resoltas sempre con elegancia e estilo, nada de forza bruta, a mesma elegancia e estilo que ten o amigo Caffrey na súa vida diaria, na súa roupa, gustos caros e actividades. Moito se fala do carisma do protagonista, e é certo que o ten, penso que hai poucos actores capaces de lucir ese look que ten estilo “rat pack” case como un Sinatra dos anos 50 e co seu sombreiro case sempre posto. De todos modos eu persoalmente quédome co personaxe do axente, a min gústame un pouco máis. De todos modos o bo é a mistura entre os dous, facendo unha parella case perfecta e resolvendo as cousas sempre entre os dous, nunca queda un por riba do outro e iso é destacable.

Neal Caffrey é un actor case descoñecido, Mathew Bomer, de momento con poucas cousas no se currículum. Ata o de agora so o vira facendo un papel secundario de superespía nunha serie que xa pasou por aquí, “Chuck” pero paréceme que pode ter unha boa carreira, xa o veremos. O axente Burke é o actor Tim DeKay, unha cara algo máis coñecida, sobre todo da televisión. Buzzie é Willie Garson, tamén unha cara coñecida de varias series e algunhas películas, sempre en papeis secundarios. O personaxe de Elizabeth é unha cara coñecida, saída dunha serie clásica de hai uns anos e que parece que quere retornar á fama, Tiffani Thiessen, unha das protagonistas de “Sensación de vivir”. O resto dos axentes tamén poden resultar coñecidos aos afeccionados á televisión.

Penso que podedes darlle unha oportunidade, é boa para pasar corenta minutos moi entretidos e amenos, como dixen con bos guións e diálogos, filmada ademais na cidade de Nova York con todos os seus elementos característicos. Nela prima a intelixencia e a axilidade das tramas sobre a acción, que tamén a hai, pero menos que noutras do mesmo estilo. Ademais os capítulos teñen todos ese fío común de saber que pasa con Kate, a noiva de Caffrey, e unha serie de personaxes que xiran ao redor deles, con misterios que irán resolvéndose pouco a pouco ou introducindo outros novos, o que fai que teña máis interese ao non centrarse soamente nos casos que se desenvolven en cada episodio. As veces fará que dubidemos de algúns dos personaxes, quedando cunha certa intriga para o capítulo seguinte, que tampouco está mal. Como dixen, para min bastante recomendable por moitas cousas, se me facedes caso espero que non vos decepcione se sodes afeccionados a este tipo de tramas e intrigas, merece a pena.

Posted in Televisión | Leave a Comment »

“Sons of anarchy”

Posted by romeroig o 23/01/2011

nullnull
Volvemos de novo ao mundo da televisión. Normalmente para as series novas boto un ollo antes ao argumento, actores e esas cousas para ver se me parece apetecible ou non, coa cantidade delas que temos agora polos distintos canais non é fácil as veces elixir aquelas que poden merecer a pena por calidade, entretemento ou outras razóns. Esta serie de hoxe nun principio non me chamou demasiado a atención, pero como tiña lido boas críticas por varios sitios hai tempo que me decidín a gravala e tela gardada para algún momento no que non tivera demasiadas cousas apetecibles, polo menos para darlle unha oportunidade. A verdade é que o argumento central non me chamaba demasiado e por iso foi quedando apartada, pero tamén é certo que hai uns días estrearon en FoxCrime a terceira temporada da mesma, así que algo debería de ter. Ademais teño un bo amigo qu é un bo consumidor de series, co que as comentamos, intercambiamos algunhas e esas cousas. Así que esta de hoxe pasou antes polas súas mans e trala recomendación decidimos vela, e non nos arrepentimos para nada, porque merece moito a pena. Falo de “Sons of anarchy” (“Os fillos da anarquía”), unha serie americana, claro está, que circula ao redor dunha pandilla de moteiros.

O primeiro comentario que me fixo o meu amigo foi simplemente dicir que nunca pensara que unha serie sobre unha realidade tan allea e lonxe da súa fora a gustarlle tanto. Esa foi unha das razóns para que non me puxera a vela no seu momento. Díxenme que a vida e aventuras dun grupo de moteiros con esa estética tan americana de cazadoras de coiro (ben, estes levan chaleco, pero ven a ser o mesmo), motos de gran cilindrada negras con eses manillares altos (que me parecen incomodísimos); Harley Davidson personalizadas, claro; e todo o que rodea a ese mundo algo lonxe da nosa realidade non me parecía que me fora atraer. Pois estaba completamente equivocado, porque fóra de toda esa imaxinería (que teño que recoñecer que aínda que lonxe do noso paréceme algo atractiva, a verdade) hai unha serie de historias, de situacións e de argumentos que teñen bastante que ver coa vida diaria, coa realidade de calquera en canto a relacións, problemas e situacións case cotiás, extrapolándoas, claro, do mundo no que se desenvolven. Algúns téñena comparado con unha das grandes series dos últimos anos, “Los Soprano” no sentido de que, como nesta, o mundo da mafia era case unha escusa para desenvolver outro tipo de temáticas que calquera pode entender. Pois nesta pasa o mesmo, son unha pandilla de xente e os argumentos que se desenvolven teñen máis que ver con relacións entre persoas, enfrontamentos e esas cousas máis que coa vida real do grupo, podería ser calquera outro grupo social identificado por unhas características comúns.

A historia xira ao redor do núcleo central do grupo de moteiros, os “Sons of anarchy” que dan título á serie. Un pequeno grupo que, digamos, é o centro dunha serie de delegacións repartidas por gran parte dos Estados Unidos, un grupo que se move no que se coñece como Samcro (que non é máis que o acrónimo de “Sons of Anarchy Motorcycle Club Redwood Original”), que viría a ser o lugar onde viven, reúnense e desenvolven as súas actividades. Viven en Charming, un pobo ficticio situado no norte de California, o típico pobo de tamaño medio dos moitos que hai polos Estados Unidos. Alí viven basicamente do comercio ilegal de armas, usando como tapadeira un taller mecánico. Ademais funcionan como “protectores” do pobo no sentido de manter lonxe do mesmo a outros grupos de delincuentes, sobre todo a aqueles que se dedican a negocios relacionados coa venta de drogas, a prostitución ou calquera que poida interferir na vida diaria do pobo. Protexen aos seus, e dentro dese grupo están so eles, os seus e case toda a xente do pobo, que acode a eles para que lles axuden cando teñen algún tipo de problema grave. O protagonista principal é Jackson Teller, un rapaz de pouco máis de 30 anos que vive en medio dun conflito entre a vida sen o seu pai e os enfrontamentos coa parella da súa nai, que ademais é o presidente do club. Ademais o problema principal é que non está demasiado de acordo coa liña que leva o club, pensando que deberían deixar a maior parte das actividades ilegais que realizan para dirixirse cara a outro tipo de cousas máis “legais”. Todo isto apoiado por unha especie de libro ou diario escrito polo seu pai no que fala das intencións reais que tivo como fundador do grupo e o pouco de acordo que estaba coa liña que estaba a levar despois, tirando máis cara á delincuencia que cara a idea de liberdade e de loita contra a sociedade que basearon a súa fundación. Ademais é o vicepresidente do grupo e ao que todos ven como futuro presidente, aínda que algúns non ven con bos ollos esa outra liña que Jacks quere para eles. Clay Morrow é o presidente e medio pai de Jacks, xa que é a parella da súa nai. Capaz de absolutamente calquera cousa para manter a integridade do club, empregando a forza cando sexa necesario e pasando por riba do que sexa para conseguir os seus propósitos. A pesar deles rexeita calquera outro negocio ilegal que non sexa a venta de armas, o demais parécelle reprobable, aínda que iso non impide que se relaciona cos outros que se dedican a eses outros negocios, sempre e cando non o fagan no seu pobo.
Por riba de todos os homes da serie, destaca unha muller, Gemma Teller Morrow, a nai de Jacks e actual parella de Clay. Un personaxe deses que impresionan e enchen a pantalla cada vez que aparece, unha muller dura, fría a veces, pero que esconde moitas máis cousas das que podemos pensar tras ver os primeiros episodios. Preocupada polo seu fillo, polo club e por todos os que circulan ao redor dela, busca ante todo os seus intereses e os dos seus e para iso é capaz de facer absolutamente calquera cousa. Ela é a que en realidade manexa e dirixe os fíos de case todo o que pasa en Charming, onde nada escapa ao seu control e, cando algo o fai, en seguida toma de novo as riendas para non deixar nada sen atar. É capaz de poñerte a pel de galiña nun momento e ao seguinte provocar sentimentos contrarios por completo, un personaxe complexo de dos mellores que teño visto nunha serie dramática. E logo temos ao resto dos integrantes do grupo, cada un con unha misión e unha forma de ser moi definida. Bob Munson é un dos fundadores, imitador de Elvis nos seus ratos libres. Alex Trager é o violento, sádico e encargado dos traballos máis sucios. Incluso temos ao aspirante a entrar na banda, Kip Epps, ao que todos coñecen co alcume de “medio ovo”, cando a vexades saberedes por que. Ao redor deles un xefe de policía corrupto case ao seu servicio, algo que fai tamén preocupado, digamos, por manter a tranquilidade e paz no pobo. Ou o axudante do shérif, un rapaz que coñeceu a Jacks cando eran máis novos pero que agora a vida levounos por camiños distintos. Algúns personaxes fixos máis xunto con estes, pero sería demasiado longo falar de todos eles e é mellor descubrilos a medida que vemos a serie, ademais de que así tampouco conto as historias que van ir desenvolvendo, que son tensas e interesantes. Ademais teremos aos grupos rivais, desde mexicanos, neonazis e todos os grupos de delincuentes habituais neste tipo de producións.

A serie destaca por moitas cousas e nos está a gustar moito. A complexidade dos personaxes e das tramas é bastante alta, as cousas, como na vida, non son brancas ou negras e moitas veces vense obrigados polas circunstancias a realizar actos cos que non están de acordo. Tamén é certo que moralmente o comportamento de todos eles non é para darlles un premio. Case podemos dicir que non hai un so personaxe “bo” en toda a serie e que os guionistas conseguen que os “Sons of anarchy” parezan os mellores de todos, os únicos que teñen un certo código moral e de comportamento fronte a todos os demais. Incluso personaxes como os policías da ATF que irán detrás deles parecen moito, pero moito, peores que os protagonistas. Eles entenden a venta de armas e todo o que fan como unha forma de manter o status social e económico e tamén como a forma de manter lonxe a todos os demais do SEU pobo e dos seus. Hai que dicir que é unha serie dura, con algúns momentos realmente violentos e duros, directos e brutais pero non so polo que se ven, senón tamén por como se desenvolven as cousas e as súas vidas. Aínda así sigo a dicir que merece a pena, penso eu.

Máis puntos ao seu favor poden ser, por exemplo, a música, recoñecida por todo bo afeccionado á música americana que rodea a este mundo. Case cada episodio remata cun tema musical moi ben incluído, case sempre relacionado co que pasou ou está a pasar e que remata moi ben o mesmo. Os actores están todos realmente ben, do primeiro ao último, aínda que destacan as dúas caras máis coñecidas. Gemma Teller é a actriz Katey Sagal, coñecida por varias series de televisión; e Clay Morrow é Ron Perlman, entre outras cousas un dos inesquecibles monxes de “O nome da rosa” e que apareceu en gran cantidade de películas e series de televisión.

Nalgúns sitios falan de reminiscencias do teatro de Shakespeare na serie, tras vela e analizala un pouco podemos ver elementos de algunhas das obras máis coñecidas do autor en moitos sentidos, pero actualizadas e levadas a outros campos. Non se pode negar, en moitos aspectos, a influencia, por exemplo, de “Hamlet”, pero non é a única. Outro punto máis a favor dunha serie que como dixen ao principio, non me chamou, pero que agora me ten encantado, a verdade. Son tres temporadas, a terceira comezou a semana pasada, cada unha de 13 episodios de 45 minutos cada un cheo de momentos de tensión, de violencia, de sufrimento que te poden deixar sen respiración en máis dunha escena. Seguirás as súas aventuras e desventuras con bastante atención, as veces incluso non serás capaz de ver un so episodio, porque quererás saber que vai pasar a continuación. Ademais non todo é drama, ten momentos realmente simpáticos e divertidos para romper un pouco esa tensión. Son moteiros, pero teñen unha vida cotián cos problemas e situacións de moita xente, problemas de saúde, de diñeiro, de relacións, discusións cos fillos e ese tipo de cousas. Moteiros con seus chalecos de coiro que comen magdalenas ecolóxicas, que son moito mellores que as industriais, que actúan disfrazados de Elvis en casinos ou festas infantís ou que se gastan bromas (algunhas entre simpáticas e brutais) entre eles. Un dos seus méritos, para min, é que non é unha serie de argumentos simples e fáciles, las cousas sempre vanse complicando e retorcendo, sorprendendo en máis dunha ocasión ao espectador, ese é un dos seus maiores méritos. Con todo isto, vola recomendo, non penso que os vaia decepcionar.

Posted in Televisión | Leave a Comment »

“Sherlock”, da BBC

Posted by romeroig o 29/12/2010

nullnull
Hoxe imos volver á televisión e as series. Hai personaxes literarios que saen dos libros e pasan ao cine e á televisión con bastante asiduidade. Nalgunhas ocasións manteñen a liña da novela e noitras dan lugar a interpretacións máis ou menos libres e as veces podemos atopar os dous tipos, a adaptación libre e a fiel de varias maneiras. Non son poucos os personaxes que pasaron das páxinas dun libro a gran e pequena pantalla, pero penso que non me equivoco se o de hoxe é posiblemente o que máis veces de máis distintas maneiras fíxoo. En xeral case todas as adaptacións foron máis que decentes e todas elas entretidas, aínda que algunhas poderían ser máis prescindibles que outras. Isto non ocorre coa serie que vou comentar hoxe, porque creo que é unha, digamos, revisitación máis que decente do personaxe. Falo dun investigador dos máis intelixentes, espabilados, áxiles e famosos do mundo, penso que non haberá ninguén que non o coñeza ou non vira ou lera algunhas das historias das que é protagonista, el e o seu axudante. Falo de Sherlock Holmes e o seu axudante e amigo o doutor Watson. Estes personaxes creados por Sir Arthur Connan Doyle quizais sexan os protagonistas de novelas de investigación máis famosos do mundo, sobre todo porque nas súas historias sempre hai algo interesante, entretido e intrigante. Cando era algo máis novo que agora lin todas as súas historias, aínda recordo os volumes das obras completas de Sherlock Holmes que tiñan (e aínda teñen) os meus pais na casa, aqueles volumes vermellos con portada como de plástico e con todas as novelas impresas en papel cebola, dese finiño, que parecía que ía romper e que tiña o gran defecto de que por moitas follas que pasaras parecía que non avanzabas nada, que sempre quedaba o mesmo, pero tampouco neste caso é que importara demasiado porque aquelas historias tíñanme completamente atrapado e intrigado.

Neste ano tivemos unha adaptación ao cine deste personaxe que agora que o penso non sei por que non apareceu polo blog. Unha versión algo especial, máis convertida nunha cinta de acción que realmente de investigación ao típico estilo Holmes. Dirixida por Guy Ritchie e protagonizada por Robert Downey Jr. e Jude Law. A min gustoume, pareceume entretida e espectacular e con algúns momentos interesantes, pero como dixo o meu pai “ese non é Sherlock Holmes”, e en parte tiña algo de razón. Tiña os seus momentos Holmes, pero era máis unha película que buscaba o espectáculo e a acción máis que a investigación, moi ben feita e cunha ambientación e interpretacións moi boas, pero recoñezo que os máis “puristas” poderían verlle algúns defectos. De todos modos creo que terá unha continuación, e penso vela.

A serie que comento chámase, simplemente, “Sherlock” e de entrada dicir que é unha produción da BBC inglesa, o que pode dar xa unha idea de que calidade non lle vai faltar. Desde hai anos case todo o que vemos por aquí é americano, aínda boto de menos aquelas grandes letras do principio “BBC”, que eran sinónimo de que ías ver algo decente e ben feito, ao mellor un pouco máis sobrio que as producións americanas, pero seguro que era algo bo, e non digamos se era unha comedia, non recordo mellores comedias que algunhas inglesas de hai xa anos. Aquí emitiuse hai pouco pola cadea TNT, pero seguro que se, tras ler este comentario, chámavos a atención poderedes atopala por varios sitios. É unha serie de so tres episodios, pero de noventa minutos cada un, imos, algo que podería ser tanto por duración como por calidade, unha película enteiriña para ver no cine. De todos modos vin que para o ano 2011 están previstos outros tres episodios da mesma duración. De momento so vin o primeiro, pero penso que merece a pena recomendala, porque me deixou encantado por completo en todos os sentidos. Os episodios non responden exactamente a ningunha das novelas de Connan Doyle, collen ao personaxe e méteno dentro dunha nova historia que ben podería ser algunha das novelas, con todos os elementos clásicos do autor. De todos modos lin que é posible que un dos tres que virán para o ano que ven pode ser unha adaptación de “O can dos Baskerville”, para min unha das mellores historias do personaxe.

¿E que ten de novo, orixinal ou distinto esta nova versión para que chame tanto a atención? Ben, por un lado como dixen unhas liñas antes, a calidade da mesma, está feita cunha gran delicadezza, atención ao detalle e os personaxes están perfectamente definidos e responden aos esquemas que un pode ter na súa cabeza se coñece ao personaxe. Ero o que máis chama a atención é coller a Holmes, Watson, Lestrade, Moriarty e a casa do 221 de Baker Street e poñelos no Londres do século XXI. Si, aí está a novidade, temos a un Holmes que ten un blog en internet, “A ciencia da dedución”, que usa teléfono móbil, GPS, ordenador como novos elementos para soster as súas investigacións e deducións, que agora usa para concentrarse parches de nicotina e que segue vivindo no máis absoluto caos. Un Watson que no primeiro episodio volta da guerra de Afganistán, médico militar, coñece a Holmes e fai unha busca en google para descubrir algo máis do seu novo compañeiro de piso. O inspector Lestrade é agora un policía de Scotland Yard que segue acudindo ao seu amigo para que o axude en casos especialmente difíciles… Pode parecer raro, pero a min o resultado pareceume excelente porque penso que facer algo así non é demasiado sinxelo, sobre todo se partimos de que crearon novos guións para as historias, e o mellor que se pode dicir é que parecíame estar a ver unha historia das clásicas, de sempre. Incluso a linguaxe que usan é actual e nin sequera iso me pareceu forzado, senón do máis natural. Evidentemente choca un pouco ao principio, pero aos poucos minutos esqueces este tipo de cousas e pasas a velo como algo do máis normal. Iso é o máis sorprendente, que todas estas cousas cheguen a non sorprender ao espectador, todas estas novidades sociais, tecnolóxicas e lingüísticas están integradas con total normalidade e naturalidade, sen abusar en absoluto delas, porque o máis importante segue a ser a privilexiada mente dedutiva de Holmes e as axudas de Watson, aínda que de momento no primeiro episodio so me faltou o típico “Elemental, querido Watson”, será porque se acaban de coñecer.

Recoñezamos que Holmes é un dos detectives con máis carisma da literatura e esta nova adaptación demostra que pode resistir de marabilla o paso do tempo. As críticas foron excelentes en todas partes, unha ambientación coidada ao mínimo en todos os aspectos, os guións son inxeniosos, actuais e ao mesmo tempo intemporais, pero unha das mellores cousas da serie son os diálogos. Estes sorprenden desde o principio pola súa axilidade, brillantez e con ese sentido do humor que se pode esperar sempre dunha serie inglesa. No primeiro episodio máis dunha vez rin con moitas ganas gracias a eses diálogos, sobre todo os que hai entre Holmes e Watson, cargados de ironía, mala uva, cinismo, dobres sentidos…, e ao mesmo tempo sinxelos, facilmente entendibles e cheos de preguntas e réplicas inxeniosas.

O personaxe de Holmes está feito por un actor que descoñecía, pero que me sorprendeu moito, chámase Benedict Cumberbatch, e recrea un Sherlock Holmes cunha excelente mistura entre o clásico e o moderno. Novo, cínico, moi prepotente ante as mentes insulsas e inferiores dos que o rodean, cousa que se encarga de dicir en máis dunha ocasión. Séntese por riba do resto da humanidade que non son capaces nin sequera de alcanzar a entender a gran intelixencia e capacidade de dedución que ten e que tantos problemas créalle. Para el todo é un desafío e é iso o que lle da vida, o demais é aburrido, soso, sen asasinos interesantes a vida non ten sentido. Tanto na súa forma de vestir como na súa forma de moverse temos a un Sherlock a medio camiño entre o clásico e a modernidade, perfecto desde o meu punto de vista. Watson é Martin Freeman, un actor inglés ao que vin nun par de comedias e que me gustou moito, pois aquí tamén está perfecto, a medio camiño entre a ignorancia e a sabedoría, alucinando e dicíndoo todo o tempo en alto con todo o que Holmes é capaz de deducir case cunha simple ollada. No primeiro episodio está moi ben todo o que lle di Holmes a el e as explicacións posteriores que lle levaron a esas conclusións. A relación entre estes dous personaxes, como é lóxico, é o centro da serie e superan o exame con nota moi alta.

Xa digo, so vin o primeiro, pero os dous seguintes caerán en breve, porque me deixou gratamente impresionado. Faláranme ben dela, pero as veces non me fío demasiado destes comentarios, esta vez acertaron de pleno. Aparte dos dous personaxes centrais, que teñen un gran atractivo e tirón, toda a serie está moi coidada e traballada en todos os sentidos, así que vola recomendo moito. En TNT xa emitiron os tres primeiros pero normalmente os repiten bastante, así que sempre podedes estar pendentes das repeticións, senón xa sabedes que hai moitas e sinxelas maneiras de conseguilos. Merece a pena, algo que é máis ou menos o de sempre, pero con suficientes elementos como para facer que o vexamos como algo novo e moito máis preto do Sherlock Holmes de toda a vida, moito máis que ese outro intento que se fixo no cine. Hora e media de entretemento de calidade, con ese aire de toda a vida das series da BBC, animádevos, non vos vai decepcionar en absoluto, disto estou case seguro.


Posted in Televisión | 1 Comment »

The Walking Dead

Posted by romeroig o 05/12/2010

nullnull

Hai uns minutos que rematei de ver o cuarto capítulo desta miniserie de seis, pero vou comentala antes de que termine, porque penso que calquera afeccionado ao xénero de terror non debe deixala pasar e os que non o sexan, a non ser que non resistan certo tipo de escenas realmente desagradables, sanguentas, asquerosas e fortes, creo que tampouco porque é unha serie das boas e con moita calidade. Non e precisamente o xénero de terror un dos que máis se prodigan nos nosos televisores, son moito máis habituais no cine e na novela, pero parece que polas razóns que sexan, non é o xénero máis elixido para os produtores televisivos. Moita memoria teño que facer para recordar series deste xénero e máis nos últimos tempos, fora de “True Blood” (que aínda teño pendente de ver, so sei que é de vampiros, que a poñen moi ben e pouco máis) non se me ocorren moitas máis. Aviso xa antes tamén, para que ninguén o vexa sen querer, que esta vez o vídeo vai ao final, así que aqueles que prefiran non velo, que non lle dean ao botonciño do play. Tamén dicir que sempre fun moi afeccionado a este xénero, penso que xa o dixen algunha vez, pero tamén engado que nos últimos anos, sobre todo no cine, non vin nada que me gustara ou sorprendera demasiado pola súa calidade. Agora todo converteuse nunha especie de competición para ver quen consegue que haxa máis sangue na pantalla ou a ver quen inventa a forma máis brutal ou impresionante de asasinar xente en primeiros planos, concursos de vísceras pero pouco terror de verdade. Penso que habería que cambiar o xénero e meter todas estas películas nun novo xénero “de asco ou de repulsión”, pero non de terror. Aínda que respecto a todos os afeccionados a este tipo de cine, a min, persoalmente non me gustan nada. Pero non porque me resulten desagradables (algunhas si, iso teño que recoñecelo), senón porque me parecen faltas de imaxinación, de innovación, de algo máis que moitas das de antes si que tiñan. Hai uns meses a literatura puxo de moda aos vampiros, claro que uns algo especiais, que case non matan xente, que andan de día polas rúas e van a clase como todos os demais, o único distinto é que, se non recordo mal, cando lles da o sol, brillan un pouco ou botan como chispas ou algo así. Penso que todos sabedes a que me estou a referir, a unha saga literaria de grandes ventas e que chegou ao cine, pensadas para un público moi determinado tamén e dentro diso non estaban mal, lin un par delas, a min non me gustaron demasiado, pero…

Xa me estou a liar e voume do tema, que o de hoxe é comentar unha serie de televisión. Outra faceta do terror que se puxo de moda nestes meses tamén gracias, sobre todo, á literatura, é o tema dos zombis, os mortos viventes. Algunhas destas novelas xa as lin e a maior parte delas gustáronme bastante, tamén é un tema moi manido e usado desde sempre en infinidade de novelas, pero en algunhas delas (penso, por exemplo, nun dos primeiros comentarios que fixen, o de “Apocalipsis Z” de Manuel Loureiro) gustáronme bastante. Pois a serie de hoxe ten como tema central ese, a looita dos poucos humanos que sobreviviron contra os mortos viventes, ou non, igual non é ese o tema central de verdade, logo me explico. Falo dunha miniserie de seis episodios que se titula “The walking dead” (“Os mortos camiñantes”) que está a emitir nestes momentos Fox os venres pola noite. A min estáme a parecer do mellor do xénero que teño visto en moito tempo, cunha grande orixinalidade no plantexamento, cunha produción e direción impecables, un desenvolvementos dos episodios xenial e con moitos momentos de gran tensión, deses que te fan aguantar uns segundos a respiración ou incluso soltar un pequeno ou gran taco (mental ou vocal, as veces é imposible aguantarse) en máis dunha ocasión. É deses casos nos que eu digo que é auténtico cine levado á pequena pantalla, cousa que cada vez prodúcese máis, malo para o cine, pero bo para a televisión. Estreouse ao mesmo tempo en 120 países e dobrado en 33 idiomas, o que pode dar unha idea do que os produtores da mesma esperaban, rondando os 300 millóns de espectadores en todo o mundo.

En realidade é a adaptación duna novela gráfica de Robert Kirkman que non coñecía no seu momento, pero á que lle botei unha ollada tras ver a serie e pareceume magnífica. O argumento non se está demasiado lonxe dos grandes clásicos do xénero de zombis, partindo de ideas como a novela “Soy leyenda”, de Richard Matheson (que tivo recentemente unha versión en cine protagonizada por Will Smith e que tampouco estaba mal, aínda que me quedo coa antiga, con Charlton Heston). Penso que a maior fonte na que se inspirou é o maior clásico do xénero e que moitos copiaron, pero penso que ninguén superou, “La noche de los muertos vivientes” de George A. Romero, cinta que penso que ninguén que fixera unha película de zombis deixou de ver e que, aínda a pesar do seu branco e negro, creo que é a que vin sobre o tema que máis me “asustou”. O protagonista central da serie é un policía, Rick Grimes, que no primeiro episodio, tras recibir un disparo, entra en coma e esperta nun hospital baleiro, deserto, destruído, sen ter a máis mínima idea do que lle pasou. Xa antes de poder saír do hospital descobre a algúns deses zombis, o único que ve é a eles e a montóns de mortos, tanto dentro como fóra do hospital. A súa primeira idea é ir á súa casa e tentar atopar á súa familia, pero a súa casa está baleira e pola rúa so ve os lentos, cadenciosos e sinistros movementos deses mortos que camiñan e que van por el. Dúas persoas vano axudar nese momento de desesperación, un pai e o seu fillo que tentan sobrevivir pechados nunha casa e sen ter demasiado claro a onde ir. Algo pasou e a maior parte dos seres humanos xa non o son, agora son mortos que vagan polas rúas en busca de seres vivos para alimentarse. Rick o único que quere é atopar a súa familia, a súa muller e o seu fillo, que está convencido de que seguen vivos. Así que ese é o seu obxectivo e a medida que avanza irá descubrindo que non está so, que hai máis xente escondida, tentando sobrevivir, loitando polas súas vidas, saíndo so para tentar atopar comida, armas, medicinas, xente como el que non caeu nas mans dos “camiñantes”.

O produtor e director do primeiro episodio é Frank Darabont, un dos directores que máis soen gustarme, e que igual polo nome non recoñecedes, pero saberedes quen é cando diga que dirixiu cintas como “Cadena Perpetua”, “La milla verde”, “Frankenstein de Mary Shelley”, nominado tres veces ao Óscar como mellor director e cun gran número de premios menos coñecidos que este mencionado, pero non moito menos importantes. Nótase a súa man, sobre todo nese primeiro episodio que dirixe, pero os demais non lle van á zaga. Os actores tampouco son demasiado coñecidos, case todos eles fundamentalmente televisivos, pero aínda que non polo nome si veredes caras relativamente coñecidas. Todos eles están moi ben, convencen, asustan, pasamos o mesmo medo e tensión que eles porque nese sentido están moi ben, e moitas veces esa tensión e ese medo non teñen nada que ver con ter cerca a un zombi, senón máis ben por ter cerca a outro ser humano. Veremos como se vai formando un grupo moi heteroxéneo que tenta sobrevivir, como se van atopando con outros grupos tan diversos como eles e sobre todo como son as relacións entre as persoas que forman este grupo que será central no desenvolvemento da historia.

¿O verdadeiro terror da serie está nos zombis? Pois non por raro que pareza. Estes son os de sempre, boas maquillaxes, movéndose a cámara lenta, con eses ollos colgantes, os dentes ao aire e as caras descompostas, sen un brazo ou os dous e máis ou menos o de sempre. Neste caso penso que non son máis que a escusa para demostrar outras cousas e desenvolvelas. O que máis medo dá son as relacións que se xeran entre as persoas, entre os que están vivos e tentan sobrevivir. Temas como o racismo, a violencia de xénero, a envexa, o egoísmo, o rexeitamento por razóns de sexo, crenzas ou relixión, forma de ser ou de ver a vida están presentes en todos os capítulos. Son esas escenas e eses momentos entre os humanos as que son realmente fortes, estremecedoras e que asustan de verdade. A famosa frase de que “o home é un lobo para o home” está presente en moitos momentos e amosa como incluso en situacións nas que o fundamental sería a unión para a supervivencia non somos capaces de superar moitas cousas e centrarnos no realmente importante. Claro que tamén hai momentos para o amor, o cariño, a amistade, o respecto, a realización de actos desinteresados, a valentía e outros elementos positivos, non todo ía ser negación, pero a idea central que me queda tras ver cada capítulo é máis a anterior. Moitas situacións límite van levar á xente a comportarse como realmente é, sen correccións políticas, como verdadeiros egoístas que agora, máis que nunca, viven centrados en si mesmos.

Dito queda, como comentei ao principio, é case indispensable para os afeccionados ao xénero. A min estáme gustando moito e non son moitas as que conseguen deixarme ao final de cada episodio cunhas enormes ganas de ver o seguinte e chegar ao final para ver como remata, pero so me quedan dous que penso que ao igual que os catro anteriores non me van decepcionar en absoluto. Os que non sexan demasiado afeccionados e non teñan demasiados reparos ante escenas realmente desagradables e sanguentas penso que deberían darlle unha oportunidade, todo o comentado no parágrafo anterior da moito que pensar e está moi ben traballado, esas son as razóns básicas para recomendala.

Posted in Televisión | Leave a Comment »

Cómo conocí a vuestra madre

Posted by romeroig o 14/11/2010

Hai xa uns cantos anos o que estaba de moda nas series de televisión era a comedia, tiñamos comedias familiares, comedias de situación, comedias de parellas, eran as que dominaban por completo a programación. Pero como todo neste mundo as cousas soen ir por modas, e de repente case desapareceron este tipo de produtos. Podemos ver como agora a tendencia é polas series policiacas, ou de forenses, xunto coas de avogados e algunhas cousas máis dese tipo, normalmente todas bastante serias e con pouco humor. A verdade é que boto de menos algunhas daquelas de antes que o único que pretendían era conseguir o sorriso do espectador, e non por nada, pero a verdade é que aínda que hai algunhas agora, poucas son as que realmente fan que me ría con ganas. Esta de hoxe é unha serie relativamente recente, porque no seu país de procedencia, os Estados Unidos, vai pola súa sexta temporada e aquí están a emitir a quinta en Fox. Ata este verán, salvo os afeccionados que nos dedicamos a navegar por aí buscando noticias de novas series ou os que revisamos a programación dos canais de pago mirando cada novidade que aparece para ver se merece a pena, pouca xente a coñecía. Pero creo que foi a Sexta a que emitiu algunha das primeriras temporadas, e fixo que moita xente empezara a coñecela e a gustar dela, polo menos por comentarios que teño oído por algúns sitios. Chámase “Cómo conocí a vuestra madre”

A primeira temporada é do ano 2005, e xa dixen que agora están a emitir por alá a sexta. Ademais non son temporadas curtas, cada unha ronda os 20 episodios de media hora de duración, como dixen antes a duración daquelas comedias de hai xa anos, duración curta para manter o interese do espectador, que as veces é o máis complicado nunha comedia. Así os episodios son bastante rápidos, sempre está a pasar algo e non hai un momento de descanso na acción, nada de perder o tempo en cousas anecdóticas, céntrase na acción, nos personaxes e as relacións entre eles.

Parte dunha idea algo orixinal. No ano 2030 o personaxe principal, Ted Mosby, cóntalle aos seus dous fillos adolescentes todo o que pasou ata que coñeceu a súa nai. Visto así non parece nada demasiado atrainte nin divertido, pero hai que ter en conta que o relato comeza cando Ted toma a decisión de ter noiva, non directamente de cando coñeceu á súa muller e nai dos seus fillos. A narración polo tanto parte do presente da acción pero se desenvolve en tempo pasado, cos fillos sentados nun sofá, escoitando todas as aventuras amorosas do seu pai e dos seus amigos, que tamén teñen moito protagonismo na acción. Mediante saltos no tempo vai contar todas as súas aventuras, absolutamente todas, desde as máis longas ás máis curtas ou case anecdóticas. Os seus fillos pensan que cada nova historia que lles conta vai ser a definitiva, aquela que fixo que eles estiveran alí nese momento, pero non, a verdade é que se van cansar de escoitar e esperar á resolución. Pode parecer cansado para o espectador, que a verdade (polo menos a min pásame) está desexando saber dunha vez quen é a nai, como a coñeceu e que pasou, pero de momento (en breve comezarei a ver esta sexta a ver se aparece xa) non se fai nada pesado. As historias sentimentais de Ted sempre son distintas, algunhas longas, outras desesperadas cando ve que os seus amigos casan e el aínda non ten nin noiva estable, outras divertidas…, sempre hai algo entre desesperado, ridículo e cómico nelas, e todas merecen a pena. O mellor da serie son os personaxes e as situacións que se desenvolven entre eles, algunhas reais e cribles, outras histriónicas, outras ridículas e outras incribles, pero podo garantir que todas son divertidas e sen máis pretensión que esa, divertir, non pretende ser un libro sobre as relacións de parella nin a amistade, aínda que son ideas que sobrevoan moitos momentos así como outros temas, é imposible non facelo, pero sigo pensando que o obxectivo básico é divertir.

Ted Mosby (o actor Josh Radnor), como comentei, é o protagonista da trama, pero iso non quere dicir que sexa o máis importante. É o que da pe para todo, pero podemos dicir que hai cinco protagonistas e todos teñen o seu momento. Sairán algo máis adiante. Este é un rapaz novo, arquitecto de profesión, aínda que traballa pouco como tal. O seu maior problema, pensa demasiado as cousas e actúa con pouca naturalidade, improvisación e paixón. Ten que telo todo controlado e non quere que nada escape ao seu control. O seu obxectivo é conseguir o amor perfecto, a parella perfecta, algo que vaille custar conseguir máis do que pensa.

Marshall Eriksen (interpretado por Jason Segel) é amigo de Ted desde a universidade e noivo de “toda a vida” de Lily, prometidos e chegarán a casarse, o que provocará a desesperación de Ted xa que iso é o que el quere e non da conseguido. En xeral podemos dicir que, simplemente, é “bo”, completa e absolutamente bo. Ven dun pequeno pobo e dunha familia grande así que ademais de bo tamén é bastante inocente e aparentemente fácil de enganar, pero non é para tanto. Tras estudar para avogado quere traballar nunha empresa que defenda o medio ambiente, algo bastante difícil nos tempos que vive e na cidade de Nueva York.

Lily Aldrin (a actriz Alyson Hannigan) é a noiva de Marshall e tamén a gran amiga de Ted desde a universidade, onde se coñeceron os tres. Quere ser pintora, pero de momento é profesora de nenos pequenos. Tamén é bastante controladora, algo cotilla e encántalle gastar un diñeiro que normalmente non ten, case como unha compradora compulsiva.

Robin Schersbatsky (Cobie Smulders) é o primeiro e máis duradeiro amor de Ted ao principio da serie. É reporteira de profesión e canadense (que, por certo, como se pasan con eles). Aínda que saen moito tempo é completamente oposta a Ted, non quere relacións longas, non quere nenos, gústanlle as armas e, curiosamente, foi unha estrela do pop xuvenil no seu país, o que dará lugar a máis dun problema.

E deixo para o final ao quinto en discordia, Barney Stinson (o máis coñecido de todos os actores da serie, Neil Patrick Harris que foi unha estrela dunha serie cando era neno, “Un médico precoz”). Para min o mellor de todo e o que da lugar aos momentos máis divertidos. É un antigo hippie reconvertido en yuppie que case non se saca o traxe nin para durmir, máis que nada porque sostén a teoría de que de traxe liga máis. É todo o contrario de Marshall, non quere saber nada de matrimonios nin de parellas estables, un dos seus obxectivos na vida e deitarse con, polo menos, unha muller de cada nacionalidade. Ten libros e decálogos para case todo, pero sobre todo para ligar (“El libro de las jugadas”) e para as amistades (“El código de los colegas”) que rexen case toda a súa vida. É rico, aínda que non sabemos de onde lle ven o diñeiro. Ten moitas frases que se irán repetindo ao longo dos episodios como características súas. Visto así pode parecer un personaxe repulsivo, e hai que dicir que en certos momentos o é, pero hai que velo desde a óptica da comedia sen tentar trascendentalizar o seu comportamento. Penso que o mellor é ver varios capítulos da serie para darse conta do que quero dicir.

Cun aire parecido nalgunhas cousas á última gran serie cómica deste tipo, “Friends” aínda que claro está con moitas cousas que fan que sexa diferente e teña a súa propia identidade. Por riba de todo están as relacións entre estes cinco personaxes fixos, que precisamente por ser tan distintos entre eles da lugar a moitas situacións realmente simpáticas e divertidas. Calquera afeccionado á comedia non debería deixala pasar. Iso si, procurade empezar polo principio, porque senón non vai ser sinxelo entender algunhas das cousas que virán despois. Penso que realmente merece a pena como o que é, un mero entretemento sen máis pretensión que esa, entreter, e sempre pensarei, como moita xente, que é máis fácil facer chorar ao espectador que facelo sorrir ou rir de verdade, e con esta teño rido de verdade máis dunha vez. Recoméndovola, a ver que vos parece.


Posted in Televisión | Leave a Comment »

The good wife

Posted by romeroig o 29/10/2010

Elegancia, intelixencia, interese ou solidez poderían ser algunhas das palabras que definen a serie que vou comentar hoxe. Ademais esta poden vela todos os que non teñan contratado ningún servizo televisivo de pago, xa que hai pouco que se está a emitir nunha das cadeas “satélite” de Antena 3, en concreto Nova, onde parece que van parar moitas cousas que a cadea non considera que vaian ter éxito na principal (de paso tamén engado que unha das últimas comentadas, “Modern Family” estáse a emitir en Neox, creo). Penso que é unha tremenda mágoa que non se lle dera demasiada propaganda, porque é das que merecen a pena por varias razóns. Antes de seguir dicir que vou falar dunha serie americana chamada “The good wife”, que viría a ser algo así como “a boa esposa”. É unha serie da que aquí podedes ver a primeira temporada, pero que alá xa anda pola segunda e con bastante éxito, quizais máis do esperado. So levo vistos catro episodios, pero entre que me encantaron e que un compañeiro e bo amigo, do que neste sentido fíome completamente, viu algúns máis e di que non so está moi ben, senón que vai mellorando en cada capítulo, que cada vez vai a mellor, decídome a comentala. Tiña a temporada completa gravada desde hai tempo, pero non me dera animado a vela, e agora que non tiña demasiadas cousas que me apeteceran, empecei. Non me animara porque nun principio interpretara mal o contido da mesma, pensando que ía dunha cousa, pero resulta que non, que estaba equivocado. Cando a estrearon nos canais de pago falaban da historia dunha muller enganada polo seu marido, un político, e non sei moi ben por que, pensei que a historia centraríase niso e andaba algo errado. Esa é a liña que da unión aos episodios, pero cada un está desenvolvido no sentido máis puro das series de avogados, que cando están ben feitas soen gustarme moito.

A protagonista é Alicia Florrick, a esposa dun fiscal do Estado que vese obrigado a dimitir cando se ve envolto en varios escándalos sexuais e é acusado de corrupción, delitos económicos e algunhas cousas máis que fan que acabe na cadea. Ela comparece con el no momento no que fai a declaración pública que o leva a dimitir, apoiando ao seu marido a pesares de non telas todas consigo, de aí o título de a boa esposa. Parte un caso real, o escándalo que se montou cando o gobernador de Nueva York, Elliot Spitzer, tivo que dimitir pola súa relación cunha prostituta. Claro que so é unha inspiración, todo o que ven a raíz disto non é máis que pura ficción, pero moi ben levada. Así que Alice ve como o seu home acaba no cárcere e terá que buscar a maneira de sacar á súa familia adiante, ademais de pagar as costas dos xuízos e apelacións do seu marido. Por iso dicía antes que non lle dera a oportunidade no seu momento, porque este tema inicial non me parecía que dera unha serie excesivamente interesante. Pero tras esa comparecencia pública a historia da un xiro, a esposa traizoada ten que comezar unha nova vida, xunto co seu fillo, a súa filla e a súa sogra que lle vai botar unha man. Tras case dez anos como a muller dun político importante, sen traballar en nada concreto e vivir unha zona luxosa terá que buscar novos camiños. Para iso retoma a súa profesión de avogada, a pesar de que hai anos que non exerce, e entra, por medio dun amigo, nun prestixioso bufete. En todo momento terá que sufrir a marca de ser a muller de…, e as veces iso parece máis importante que o seu propio traballo ou os seus méritos reais, o que provoca máis dun problema. Ao mesmo tempo quere que os seus fillos manteñan a maior normalidade posible, dous adolescentes marcados polo escándalo no que viu metido o seu pai. Por un lado temos o enfoque de como afronta esta muller esta situación, aínda que veremos a medida que avanzan os capítulos que non todo é o que parece no que se refire aos problemas do seu marido. Este é un elemento que como dixen irá avanzando pouco a pouco (nuns máis que en outros) en cada capítulo dándolle algo de unidade á acción. Por outro lado teremos os casos legais que se desenvolven en cada un, case sempre algo distintos ao habitual (en certos enfoques recorda, en canto ao tratamento legal, a unha serie que xa pasou por aquí e que para min foi a mellor dentro das temáticas legais, “Boston Legal”, aínda que sen ter tanto aire crítico como aquela con moitas cousas) e con compoñentes que fan que sempre sexan interesantes e atraintes, facendo que un manteña sempre a atención, cousa que consegue con bastante facilidade. No medio aparecerán as dúbidas sobre a situación na que se atopa o seu marido; o desexo de demostrar que é moito máis que a esposa dun político caido en desgracia; o desexo de demostrar máis a ela que aos demais que é unha boa avogada e nai e que pode desenvolverse por si mesma en calquera dos campos e tamén todos os distintos casos que irán aparecendo e que terá que defender, sempre cunha intelixencia, interese e axilidade mental que fai dela un dos personaxes femininos máis interesantes do panorama televisivo actual.

Non é unha serie de avogados máis, a trama que funciona como fío de todos os episodios dálle un grande interese e sempre quereremos saber máis do tema. É unha serie dramática, pero non lacrimóxena, os casos son bastante cribles e o seu desenvolvemento, case sempre con algunha sorpresa, é moi interesante e engancha ao espectador tanto como o fío central. Comentar que os produtores son máis que coñecidos, os irmáns Ridley e Tony Scott (ademais de directores de recoñecido prestixio, unha miniserie recente tamén estaba producida por eles, “Los pilares de la tierra”), que se xa eran sinónimo de cine normalmente máis que decente e atractivo agora fan o mesmo no mundo da televisión, producindo cousas de gran calidade e interese.

E deixo para o final aos actores, todos moi ben. Dous son os que máis me chaman a atención. En segundo lugar a Kalinda Sharma (interpretada por Archie Panjabi, a protagonista dunha entretida película de hai xa uns anos, “Quiero ser como Beckam”) que é a compañeira da protagonista e que traballa para ela como investigadora. É unha muller case oposta a Alice, o que fai que o contrapunto sexa importante e dea lugar a situacións moi simpáticas nalgúns casos. Se Alice é a muller perfecta, esta non, políticamente incorrecta, maleducada nalgúns momentos e que funciona moitas veces dicindo e facendo as cousas que Alice, se non fora como é, faría. Un papel moi interesante que moitas veces pon o elemento simpático e divertido e outras o de acción. Funciona perfectamente dentro da parella de mulleres que levan o peso dos casos xudiciais. Pero por riba de todos os actores destaca Alice, interpretada por Julianna Margulies. Moitos coñecerán a súa cara como unha das protagonistas dunha das series médicas máis coñecidas e que leva máis de 15 temporadas en Estados Unidos (aínda que aquí foi tan maltratada por Televisión Española que me resultou imposible seguila), “Urxencias”, na que interpretaba a unha das enfermeiras que traballaba no hospital desde o principio da mesma. Xa aquí apuntaba boas maneiras e logo fixo algunha película digamos “menor” e sen demasiada repercusión. Pero vela aquí, desde o primeiro segundo da primeira escena foi case impactante, impresionoume a actuación, de verdade, con esa mistura entre dúbida e fortaleza dependendo do momento, reflectindo perfectamente en cada momento o sufrimento pola situación do seu matrimonio, entre o perdón e o castigo e a satisfacción de rematar un traballo ben feito. Como dixen as escenas coa súa investigadora son todas excelentes, loitando entre a actitude da muller dun alto cargo público que ten que manter sempre o tipo e os seus desexos de facer o que realmente quere facer. Non me quedo corto se cualifico a súa actuación de soberbia, misturando tristeza, timidez, firmeza e seguridade, convencida as veces e dubidando de todo outras, cada capítulo é un reflexo de case todas as posibilidades de sentir do ser humano.

Como sempre, xa me pasei, así que se se vos pasou a posibilidade de vela, non a perdades, nas de pago xa rematou esta primeira temporada e en breve emitirán a segunda, que polo que vin, aínda que non vou adiantar nada, promete incluso máis que esta, pero en Nova creo que deben levar dous episodios ou tres como moito. Espero que vos guste.

 

Posted in Televisión | Leave a Comment »

United States of Tara

Posted by romeroig o 21/10/2010

Hoxe volvemos de novo á televisión e a unha serie da que rematou hai pouco a súa segunda temporada. Xa adianto que, polo que acabo de ver antes de facer este comentario, haberá unha terceira, tanto desta como dunha que comentei anteriormente, “Nurse Jackie”. Por aquí de momento so paso por Paramount Comedy, así que sempre podedes esperar a ver se aparece por algunha das gratuítas. Falo de “United States of Tara”. De momento so vin a primeira temporada e en breve comezarei coa segunda, que lle teño ganas, así que so vou falar desta que é a que coñezo.

Estamos ante unha serie algo distinta, por un lado polo tema que trata, pero sobre todo pola forma de tratalo. A cadea que a emite aquí está case especializada en series relacionadas coa comedia, pero penso que esta a pesares de ter certos momentos cómicos é máis unha traxicomedia, cun argumento bastante duro, difícil e cunha protagonista máis que problemática en todos os momentos da súa vida e de todo o que a rodea.

Tara Gregson é unha ama de casa que vive en Overland Park (Kansas) co seu marido, un fillo e unha filla, o problema é que sofre un trastorno de desorde diasociativo de personalidade, dito doutra maneira máis simple, ten un problema de personalidade múltiple. Xa desde o principio saberemos que decidiu, co acordo da súa familia, deixar a medicación que tomaba para controlar o seu trastorno e que a tiña atontada, pera tentar levar unha vida algo máis normal e consciente. Ademais quere tentar controlar por si mesma o problema sen necesidade de química e tentar atopar as razóns e as causas da súa enfermidade. Iso vai provocar que as distintas personalidades que ten saian en calquera momento, en calquera lugar, case sempre relacionadas con situacións de tensión, estrés ou momentos nos que non sabe moi ben por onde saír. Entón é cando aparecen esas outras “Taras” que van tomar o mando da situación, porque cada unha das personalidades digamos que ten a súa función, aínda que todas elas o que fan máis que nada é provocar grandes problemas para todos. A súa familia aceptou esa renuncia á medicación que tomaba, pero os malos momentos serán constantes por esta causa, aínda que tamén haberá algúns bos aproveitando as situacións. Cada unha das personalidades é completamente distinta as outras e non teñen case nada que ver coa auténtica Tara, ¿ou si?. Na primeira temporada imos coñecer a catro delas. Temos a T, unha adolescente saída de madre, descarada, atrevida e vulgar tanto na forma de falar como na súa forma de vestir e comportarse, que ademais tenta competir coa súa propia filla adolescente. Logo está Alice, que vai ser a perfecta ama de casa, impecable, boa cociñeira, ben vestida aínda que algo clásica, nalgúns momentos parece un personaxe de “Mad men” que escapou da súa serie para pasarse a esta. A terceira en danza é Gimme, unha muller que se comporta case como un animal e que sae en momentos verdadeiramente duros, non fala, camiña agachada e so gruñe. É por último temos a Buck, que neste caso é un home, ordinario, bruto e que é un veterano da guerra de Vietnam, podedes facervos unha idea de como pode ser; leva gafas, bebe, fuma e di que non ten pene porque recibiu un disparo na guerra. O peor é que ela non é demasiado consciente de cando se vai producir o cambio nin de quen vai ser, pode pasar en calquera momento e en calquera lugar, algo enormemente problemático. O seu home, Max, está moi namorado da súa muller, adícase á xardinería e ten unha cantidade inesgotable de paciencia, será o que teña que encargarse de facer que os efectos dos cambios da súa esposa en todo o seu entorno sexan os mínimos posibles. Kate Gregson é a filla adolescente, con todos os problemas desa idade acrecentados pola súa situación familiar, que as veces acepta e outras non tanto, dependendo sobre todo de canto lle afecte a ela. Marshall é o fillo, ten catorce anos, é homosexual (o que fai que unha das personalidades da súa nai, o homófobo Buck, sempre a tome con el), é moi listo, pero todos os seus propios problemas unidos a súa situación familiar fan del un rapaz algo especial. E por últimos, dentro dos digamos fixos, temos a Charmaine, a irmá pequena de Tara que no fondo pensa que a súa irmá o problema que ten é que quere ser sempre o centro de atención e que a súa enfermidade é máis finxida que real.

A serie céntrase sobre todo en como esa familia ten que convivir a diario con esa situación excepcional e como tentan manter as rutinas. Está moi ben plantexada e sorprende a tranquilidade aparente coa que se toman a enfermidade da súa nai e esposa, desenvolvendo estratexias que lles leven a poder tratar a cada unha das distintas personalidades para non ter demasiados problemas. Aínda así é evidente e lóxico que é unha situación que ten a todos moi tocados, aínda que na superficie non se vexa demasiado as veces. Creo que é unha serie distinta, con moi boas ideas e calidade, cun humor intelixente, irónico e crítico aproveitando unha situación que pode parecer ridícula ou esaxerada. Ao mesmo tempo é unha serie dura, con momentos difíciles para todos, sobre todo para a familia, pero tamén para a protagonista, que sofre moito cando descobre o que as “outras” fixeron, sen poder controlar demasiado eses cambios que rompen por completo a súa dinámica familiar e social. Os guións son excelentes e perfectamente montados, todos os personaxes son interesantes e as situacións xeniais. O equilibro entre drama e comedia é perfecto, e aínda que é dura, sempre hai varios momentos en todos os capítulos nos que un sorrí máis do que pensaría ante algunhas situacións.

E deixo para o final o que para min é un dos grandes acertos da mesma, a protagonista. Visto o argumento é evidente que non é unha interpretación sinxela, pero creo que non me quedo curto se digo que é impresionante. É como ver a cinco persoas distintas, porque como podedes ver son todas completamente distintas e opostas e a actuación e sobresaínte. Ver un momento ao masculino e vulgar Buck para pasar despois a fina e educada Alice e de repente aparece T, coas súas minisaias e tangas…, xenial. Eu ademais vina en versión orixinal, e os cambios nas voces, tons e acentos chamaba moito a atención (iso si, subtitulada, claro). Tara é a actriz Toni Collette, bastante coñecida e á que considero unha gran actriz. Xa me chamou a atención na primeira película que vin dela, “La boda de Muriel”, unha cinta australiana de hai xa uns anos, pero moi recomendable. Esta fixo que marchara a Estados Unidos, onde fixo bastante cine e agora é a protagonista absoluta e central desta serie que recomendo hoxe. Gracias a ela gañou un Emmy no ano 2009 e un Globo de Ouro no 2010, ademais de outros menos coñecidos. E o resto dos actores e actrices non lle van á zaga, porque están todos moi ben nos seus papeis, que non nos imos esquecer deles, que ademais de ben tamén son moi importantes en todo o que sucede en cada capítulo.

Aí queda a recomendación de hoxe. Son capítulos deses que non chegan á media hora, co que pasan case sen darse conta, pero sempre está a pasar algo, a acción é constante e case sempre hai algunha sorpresa, algún xiro da historia que fai que nunca baixe o interese. Máis que recomendable.

Posted in Televisión | Leave a Comment »

Modern family

Posted by romeroig o 10/10/2010

Setembro é o mes no que, tras o verán, xunto coas novas temporadas de series xa coñecidas que pronto chegarán ao noso país, aparecen tamén as novas series que pretenden facerse un oco nas programacións das distintas cadeas. Como en case todo a maioría son de procedencia estadounidense e, claro está, algunhas merecen máis a penas que outras. Nestas últimas semanas teño visto algúns episodios de varias de estas novas series, algunhas merecen a pena e outras non tanto, pero varias irán aparecendo por aquí a medida que teña vistos os suficientes capítulos como para ter unha certa opinión sobre elas. Da que vou comentar hoxe levo vistos sete ou oito, e penso que é das que certamente merecen algo a pena porque a pesar de parecer “o de sempre” introduce algúns elementos novos que fan que teña unha certa orixinalidade, ademais de estar, como dicía no anterior comentario sobre televisión sobre “Nurse Jackie” dentro desas que aínda que non tanto como outras, quedan preto do concepto contrario ao correcto, con bastante mala uva e un certo compoñente crítico suavizado dentro dun aire de comedia familiar. Falo de “Modern Familiy”, unha serie que vai pola segunda temporada alá e que aquí podemos ver en Fox e que espero que pase por algún dos canais gratuítos, porque fará que pasedes un bo rato. A primeira temporada, que é a que están a emitir, é do ano 2009 e ven avalada por un éxito máis que destacable, nominada para varios premios Emmy e gañando algúns no seu primeiro ano de emisión, o que pode dar unha idea do éxito que está a ter. Hai anos estaban moi de moda as serie de tipo familiar, iso si cun aire algo distinto a esta, agora a maior parte delas teñen como protagonistas a policías, detectives, forenses e argumentos de acción e este tipo de series cotiás quedaron un pouco de lado, así que tampouco está mal renovar estes argumentos que antes centraban a nosa programación.

É unha produción da cadea ABC e está centrada nunha familia que podería representar varias das novas estruturas familiares, algo lonxe do concepto de familia tradicional. De todos modos non podemos esquecer que estamos vendo unha serie americana, co que ao final a mensaxe de que a familia é o máis importante, sexa esta como sexa, queda sempre recalcado. Son capítulos de media hora plantexados como se estivésemos a ver un falso documental no que os protagonistas responden a unha serie de preguntas sobre a súa familia, ao mesmo tempo que reflicten situacións da súa vida cotián, pasando dun núcleo familiar a outro e tendo en conta que todos están relacionados.

A serie segue a vida diaria da familia de Jay Pritchett e os seus dous fillos, Claire e Mitchell. Jay está casado con Gloria, unha explosiva muller colombiana moito máis nova ca el, faladora e á que non hai quen poida calar, cun carácter latino que choca moitas veces co resto dos personaxes. Ademais aporta a ese matrimonio a Manny, un fillo preadolescente que tivo dun matrimonio anterior. Manny é un home no corpo dun neno, serio, formal e que ten ao seu verdadeiro pai idolatrado, o que provoca moitos problemas co seu pai actual. Claire está casada con Phil e teñen tres fillos. Phil é o pai “guay” que non quere ter problemas cos seus fillos, sempre presto a tentar ser como eles e comportarse dun xeito que non lle faga ter que actuar como un pai, tanto nas súas actitudes como na súa linguaxe, aínda que sexa con palabras que os adolescentes xa non usan, pero que a el lle parecen do máis moderno. Iso provoca continuos problemas coa súa esposa, que por veces o considera brando e pouco efectivo para ter unha certa disciplina na casa. Ademais ela será a que sempre poña as cousas do xeito que ela considera que teñen que ser nunha casa cunha filla adolescente que está a ter os seus primeiros contactos co sexo oposto; outra filla algo menor que non quere ser como a súa irma maior e un fillo que tamén é algo “especial”. O outro fillo de Jay, Mitchell vive co seu compañeiro, Cameron, nunha relación que o seu pai non é que non acepte, pero que non lle gusta demasiado aínda que sabe que non lle queda máis remedio que facelo. Ademais eles dous acaban de adoptar a unha nena vietnamita, o que tamén será un golpe para Jay. A través desta maraña de personaxes vai tocar temas de familia, raciais, de xénero e, sobre todo da complicada convivencia entre todos eles. Todo está tratado en ton humorístico pero cun aire ácido, sarcástico e histriónico en moitas ocasións, pero que no fondo sempre esconde unha serie de realidades máis que recoñecibles, aínda que as veces poida parecer algo esaxerado. Iso si, como dixen antes, tras todos os problemas, discusións, intercambios de opinións, todo remata cun aire de aceptación, de reconciliación e comprensión coa idea central de que, pase o que pase e sexan como sexan, o máis importante é a familia e sobre todo outra idea, de que temos que aceptar á xente tal é como é.

Ten, como dixen, o formato dun falso documental, os personaxes as veces falan directamente á cámara, sentados nos sofás dos salóns das súas casas, contando as súas experiencias e as súas opinións sobre temas de familia, da vida, da sociedade e logo veremos momentos da vida desas tres familias no seu desenvolvemento diario, cada unha polo seu lado, para rematar, case sempre, cun momento no que están todos xuntos, celebrando a unión desa caótica familia. Catorce nominacións aos Emmy e varios premios gañados avalan esta produción que ten momentos realmente divertidos.

Ed O´Neill é Jay, actor bastante coñecido da televisión por unha serie de hai xa bastantes anos e que tiña un certo aire a esta, tamén sobre unha familia un tanto “especial” pero algo máis ácida, “Matrimonio con hijos”. Claire é a actriz Julie Bowen, á que vimos nunha serie que xa comentei aquí, “Boston Legal” e o resto son actores todos eles doutras series con caras tamén coñecidas. Todos eles están realmente ben, pero destacaría a dous. Por un lado a Cameron, o compañeiro de Mitchell; e por outro a Phil, o pai que non quere exercer demasiado como tal pero que polas presións da súa muller ten que facer cousas que considera que non responden a esa imaxe de pai cercano e comprensivo que quere ter e que, claro, sempre lle saen mal, rematadamente mal; ademais a relación co seu sogro non é demasiado boa, xa que a este tampouco é que lle resulte demasiado bo que teña o comportamento que ten.

Son episodios de media hora sempre movidos e entretidos, é imposible non sorrir máis dunha vez ao longo dos mesmos e moitas veces as situacións que se producen provocan algo máis que tímidos sorrisos. Nalgúns momentos ata parece unha mistura entre dúas series de animación pero cambiando os debuxos por persoas (falo de “Los Simpson” e “Padre de familia”), aínda que estas dúas son algo máis esaxeradas e con menos momentos digamos convencionais. A pesares da esaxeración cómica todos poderemos ver momentos e situacións das nosas vidas familiares e moitas veces pensaremos que está máis preto da realidade que outras series familiares nas que todo é marabilloso e xenial, nas que os problemas sempre se resolven con ben ou directamente non existen, aínda que todos saibamos que a familia sen problemas non existe en ningún sitio. Recomendable para pasar un bo rato, simpática, divertida, entretida e cun fondo de realidade máis que importante.

Posted in Televisión | Leave a Comment »

Nurse Jackie

Posted by romeroig o 26/09/2010

Tras varios libros imos comentar algo de televisión. Hai un par de días que rematei de ver a primeira temporada da serie de hoxe, e teño a segunda para ver xa, porque teño que recoñecer que me gustou moito. É outra desas series algo distintas, que non seguen a liña digamos “boa” deste tipo de producións, vamos, que a protagonista non responde, para nada, a un termo bastante de moda nos últimos anos, ser “politicamente correcta”. Ao estilo doutras que apareceron por aquí non falamos de personaxes que sirvan de modelo a case ninguén, polo que penso que son algo máis reais que os marabillosos homes e mulleres que aparecen en moitas destas series americanas. Parece que en algunhas as cousas van cambiando por alá e abren a porta a outro tipo de persoas máis parecidas ás de verdade, cos seus problemas, as súas limitacións e unhas vidas máis parecidas ás reais. Iso si, sempre tendo en conta que estamos a falar de televisión, de ficción, que tampouco queremos que sexan demasiado reais. Falo de “Nurse Jackie”, unha serie que aquí está a emitir un dos canais de pago, en concreto Calle 13 e que espero que se emita por algún dos gratuítos para que todo o mundo poda disfrutala, porque merece a pena. Está producida por unha cadea digamos “especializada” neste tipo de personaxes algo lonxe do normal, algo sorpresivos e distintos; súas son series como “Dexter”, “Weeds” ou “Californication”, todas elas con protagonistas e personaxes que se saen algo do normal, a verdade.

Jackie Peyton é unha enfermeira que traballa nun hospital de Nueva York. Nun principio podería parecer unha máis desas moitas que aparecen polos nosos televisores con médicos, enfermeiras, pacientes e líos amorosos, pero non. Xa de entrada é adicta aos analxésicos, que esnifa, mastica, bebe e toma por case todos os medios posibles, así que aquí temos a primeira incorrección. Por outro lado está casada, ten dúas fillas e está liada co farmacéutico do hospital onde traballa, que é o seu principal subministrador. Ademais no hospital soamente hai unha doutora coa que mantén unha forte relación de amistade e sabe todo da súa vida, o seu matrimonio, os seus líos e as cousas que fai. É outro personaxe cunha especie de dobre vida e cun lado escuro que case ninguén coñece. Fóra do hospital é unha perfecta, case, esposa e nai; dentro é a perfecta enfermeira cun traballo estresante e que a absorbe completamente. Pero ninguén sabe realmente como é, leva case tres vidas ao mesmo tempo e nos momentos en que están a punto de tocarse aparecen montóns de problemas. No seu traballo ten o seu propio código ético, saltándose todo para conseguir os seus obxectivos, que basicamente parten do seu concepto da xustiza, que hai que dicir que á hora de tratar pacientes son sempre impecables e con eles no primeiro lugar das súas prioridades. Pero ao mesmo tempo ese código propio vaina levar a facer cousas que poden sorprender, ao principio, ao espectador. No primeiro episodio tira ao retrete a orella dun maníaco sexual, así que en certo modo, ela se converte en salvadora ou castigadora de moitos dos que pasan polas urxencias do “seu” hospital. Este traballo e a súa familia son as cousas que a levan a esa dependencia dos analxésicos, unha forma de levar o tremendo ritmo diario que leva e tratar unha doenza de costas que padece. É unha enfermeira excelente, mellor que moitos dos médicos cos que traballa, aos que trata moi mal, ela pensa que os médicos so fan diagnósticos, pero elas son as que curan de verdade aos enfermos. Algúns quixeron ver nela a unha versión feminina do coñecido doutor House, nada que ver, ela é moi humana cos seus pacientes, que son a súa prioridade fundamental e aos que pon por enriba de todo, por eles é capaz de facer calquera cousa, incluso xogarse o seu posto de traballo, a súa familia, amistades…, os pacientes son o primeiro.

A serie está dominada por un humor negro absolutamente xenial e, ao mesmo tempo, unha certa sensación de tristeza que fai da mesma algo realmente bo. Varios colectivos de enfermeiras puxeron o grito no ceo na súa estrea, dicindo que daba unha imaxe demasiado negativa do seu traballo, dicindo que nunca podería traballar como enfermeira tras violar todas as regras do código ético (e algunhas máis que non están nel). Non olvidemos, como contestou a cadea, que estamos ante unha serie de ficción para entreter, unha ficción nalgúns momentos tan esaxerada que é evidente que non ten nada que ver coa realidade. Por outro lado o seu éxito de público e, sobre todo de crítica (dous tipos de éxito que moitas veces non van xuntos) foi moi grande, cunha terceira temporada a punto de estrarse en Estados Unidos dentro de pouco. Para min, quizais xunto con “Weeds” (que algún día comentarei) unha das mellores comedias negras, cínicas, sarcásticas, cáusticas… que se poden ver neste momento na televisión.

Ademais non hai so un personaxe ademais dela que non haxa que destacar, porque todos son absolutamente xeniais e fundamentais para a serie. O marido ideal que nada sabe de como é en realidade a súa muller, dúas fillas tamén con certos problemas, sobre todo a maior que da pe a moitas situacións destacables. Logo temos ao persoal do hospital, que o mellor é que son todos distintos, cada un coa súa forma de ser e as súas cousas. De todos eles destacaría a dous que son case como os seus discípulos. Temos ao doutor Cooper, un médico novo, entre prepotente e despistado, pero sobre todo inseguro, con ínfulas de gran médico que vai chocar continuamente con Jackie, que pensa que é un bo médico pero ao que lle queda moito por aprender, e ela é a encargada de ensinarllo. E tamén a unha nova enfermeira, Zoey Barkow, inxenua, simpática e dicharacheira, un carácter que non vai nada co a da nosa protagonista e que ten algún dos mellores momentos cómicos (ou traxicómicos) da serie e que creo que é unha das mellores actrices da mesma. Ademais temos á doutora O´Hara, a confidente e amiga de Jackie, unha doutora á que lle gusta a boa vida, a roupa cara e tamén o seu traballo. Eddie é o farmacéutico co que Jackie ten unha relación clandestina, case con horarios fixos, escondidos no hospital e aproveitando a intimidade da farmacia para as súas relacións. Ademais destes varios personaxes fixos, dous enfermeiros e, sobre todo, Gloria Akalitis, unha antiga enfermeira que agora é a xefa, sempre de mal humor, sempre queixándose e tentando poñer a todos no seu sitio, sobre todo a Jackie, á que sempre presiona, sabendo que sempre vai responder.

Todos os actores están fenomenais nos seus papeis e non é fácil destacar a ningún deles, con unha excepción. A protagonista, Jackie Peyton, está interpretada por Eddie Falco, unha actriz que todos os afeccionados á televisión coñeceran polo seu papel nunha das mellores series dos últimos anos, “Los Soprano”, onde interpretaba un dos papeis principais, o da esposa do protagonista, Carmela Soprano, xenial e gañadora de tres premios Emmy. Ademais polo seu papel na serie de hoxe gañou este ano outro premio Emmy como mellor actriz protagonista nunha serie de comedia, ademais de outros premios televisivos menos coñecidos.

Unha serie máis que recomendable. Son episodios de algo menos de 30 minutos, que en máis dunha ocasión se me fixeron demasiado curtos, sobre todo porque teñen un ritmo normalmente alto, o que é outro dos seus méritos principais. Os casos médicos funcionan case como unha escusa para reflectir moitos comportamentos humanos, uns reprobables e outros admirables e sempre con máis dunha sorpresa que fai que quedes coa boca aberta. E ademais con momentos realmente divertidos, ou, moitos deles, traxicamente divertidos dentro desa liña de humor negro e pouco correcto. Creo que é unha serie distinta, algo lonxe do habitual, sobre todo dentro da temática de médicos, enfermeiras e hospitais, nada idílica nin ideal, con moi poucos dos tópicos habituais do xénero. Cun humor bastante negro, algo lonxe tamén da tónica habitual das comedias americanas, aínda que como dixen ao principio empezan a aparecer varias nesta liña, case todas elas destacables. Non sei se algunha das cadeas gratuítas animaranse a emitila, estade atentos porque de verdade que merece, e moito, a pena.

Posted in Televisión | Leave a Comment »