Libros, cine e televisión

Comentarios sobre o que vexo e leo

  • Agora estou a ler

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

  • Visitas

  • Arquivos

  • Categorías

Archive for the ‘Cine’ Category

Resistencia / El libro negro

Posted by romeroig o 09/09/2010

Como estamos nun momento de certo parón no tema das series, xa que as novas temporadas e series chegarán en breve, hoxe imos volver ao tema do cine. Como non son estreas recentes vou comentar dúas películas que non é que sexan antigas, xa teñen un par de anos, pero estes días tirando de cousas que tiña gravadas vin as dúas e penso que merecen un comentario e unha recomendación para aqueles que non as viran, para que as recuperen en DVD ou as anoten cando aparezan por televisión. Poño as dúas xuntas porque comparten temática, as dúas transcorren na época da Segunda Guerra Mundial e teñen como tema central a situación dos xudeus durante este momento histórico. É un tema que non deixa de sorprenderme e asustarme, a verdade, sobre todo porque penso que ao igual que nestas historias que comento hai moitas outras parecidas que non chegaron a coñecerse e quedaron perdidas na historia, aínda que algunhas gracias ao cine e á literatura van chegando ata nos. Ambas son películas fortes, duras, tristes e arrepiantes, que provocan uns sentimentos de repulsión ante estas situacións que se produciron neses anos e, ao mesmo tempo, son historias de valentía (aínda que penso que para estas é unha palabra que se queda corta), de superación, de coraxe, de loita pola supervivencia…

A primeira titúlase “Resistencia”, estreada no ano 2008. Como a maior parte deste tipo de cintas, está baseada en feitos reais. Vainos contar a historia de catro irmáns en Bielorrusia durante a ocupación alemá. Estamos no ano 1941 e os seus propios compatriotas que traballan para os nazis toman parte no asasinato dos pais dos protagonistas. Eles logran escapar e van vivir aos bosques que rodean o lugar onde viven. Ao principio queren sobrevivir como poden, pero ao pouco tempo comezan a atopar a máis refuxiados dos que terán que facerse cargo. Empezan medio pedindo medio roubando comida para subsistir, pero tamén realizando pequenas escaramuzas contra os que asasinaron aos seus pais coa vinganza sempre presente nas súas mentes. Tuvia é o irmán maior, un home seco, non demasiado violento que o que quere fundamentalmente é conseguir que el e aqueles que están con el saian adiante. Non vivía co resto dos irmáns, está casado pero acode na súa axuda cando asasinan aos seus pais. Zus é o o seguinte, máis violento e centrado na loita, na vinganza contra os nazis, é o que quere pelexar e matar, o que provocará máis dun enfrontamento co seu irmán. E logo temos ao terceiro Asael, que queda entre os dous irmáns, admirando ao maior pero respectando tamén ao segundo, sen saber moi ben que é o que ten que facer, pero que terá que crecer a un ritmo moito máis rápido da idade que ten. O cuarto irmán chámase Aron, é o irmán pequeno, no que máis se nota o sufrimento provocado por unha situación que non entende demasiado ben. A medida que van sendo coñecidos na zona, o número de xudeus que acoden a eles para atopar refuxio e poder vivir vai crecendo dun modo alarmante, ata formar case unha pequena vila que terán que administrar, gobernar, alimentar e, sobre todo protexer. Esta é a historia dos irmáns Bielski, un relato que merece a pena e non deixaría pasar. O director é Edward Zwick, coñecido por cintas como “El último Samurai” ou “Diamante de sangre”, que tamén teñen ese aire épico desta mesma de hoxe. Os protagonistas son Daniel Craig (que xa non sacará de enriba o de ser “o novo James Bond”, que neste papel non me gusta demasiado pero que nesta película da vida a un personaxe sobre o que cae unha responsabilidade coa que non contaba e que supón unha tortura nalgúns momentos) que creo que fai un máis que decente papel, e Liev Schreiber, un actor normalmente para papeis secundarios pero que aquí penso que dá a medida do que podería facer se lle ofreceran outro tipo de actuacións. Todos están moi ben, provocan no espectador unha morea de sentimentos, as situacións de tensión son moitas e duras, pero terán que facer todo o posible, e algo máis para poder saír desa situación. Son case dúas horas e media de cine, pero que non se fan nada longas, é imposible non estar pendente da vida destes homes e mulleres en medio do monte, famentos, pasando invernos, loitando por vivir contra os alemáns e o bosque que os rodea e do que non poden saír.

A segunda transcorre na mesma época, pero noutro país distinto, neste caso Holanda. O director é Paul Verhoeven, un holandés que fixo varias cintas en USA cheas de efectos especiais e buscando a espectacularidade e a taquilla, coñecido por exemplo por “Instinto básico”, “Robocop”… Esta de hoxe é a súa última película ata o momento e para facela volveu a Holanda, ao mellor buscando facer algo distinto e con algo máis de calidade. E a verdade é que o conseguiu, porque é unha historia de guerra, de nazis, de espionaxe cun ritmo e unha historia que ten pegado ao espectador ao asento sen case poder respirar, as dúas horas e media longas de metraxe pasan case sen darse conta, porque o nivel de intranquilidade e tensión que provoca é moi alto. Polo que di o propio director está inspirada en feitos reais, non directamente baseada neles, o que quererá dicir que é unha interpretación algo libre dos feitos. Aínda así penso que é completamente crible, nada esaxerada e ben podería ser tal e como nola conta o propio director. Estamos no ano 1944 en Holanda, a protagonista é unha cantante xudía que vive escondida cunha familia holandesa, lonxe dos seus pais que están noutro sitio, pero a súa familia de acollida morre durante un bombardeo e terá que escapar para poder sobrevivir. Toma contacto cun home que lle ofrece a posibilidade de escapar xunto á súa familia, pero serán atopados polos alemáns, que acabarán con case todos. Ela escapa de novo e vai traballar coa resistencia, seducindo a un oficial nazi como parte da súa misión. Evidentemente as cousas vanse complicar nun xogo no que case ninguén é o que parece, un xogo de espionaxe, de enganos, de mentiras e falsidades no que ela verase metida sen saber moi ben en quen pode confiar e en quen non. A historia vaise complicando pouco a pouco, e o mellor é vela para saber que lle vai pasar. É unha película moi ben feita, moi coidada, elegante, sen demasiados adornos e artificios, directa e dura, o que dicía antes, unha historia real con persoas reais, coas súas virtudes e os seus defectos, tendo en conta que tanto unhas como os outros veranse acrecentados pola situación na que teñen que vivir. Hai escenas realmente duras, que lle doen máis ao espectador que aos actores, con situacións estremecedoras pero non é unha cinta excesivamente sanguenta, é máis unha guerra entre persoas polo poder, o diñeiro, a riqueza e, sobre todo, a supervivencia. Os actores son todos holandeses e non demasiado coñecidos, pero a protagonista, Carice Van Houten, destaca por riba de todos cunha excelente interpretación e fenomenalmente acompañada polo resto, xa que creo que están todos moi ben. O guión está perfectamente elaborado, nalgúns aspectos cun aire de película das de toda a vida, case daquelas de antes, en branco e negro, pero agora en color e máis directas nalgunhas cousas, claro. Unha película completamente recomendable para pasar dúas horas e media case sen darse conta.

Aínda que teñen certas cousas en común son bastante distintas. Dúas formas de ver unha parte da nosa historia recente que a min, tanto en cine como en literatura non é so que non me canse, senón que non deixa de estremecerme, arrepiarme e deixarme nun estado para o que non hai demasiadas palabras. Por pouco, xa que é unha historia algo máis movida e variada, gustoume máis a segunda, pero xa digo, por moi pouco. Se non as vistes aínda penso que son merecedoras de que o fagades, aínda que supoño que calquera día caerán por algunha das nosas televisións, anotádeas.

Posted in Cine | Leave a Comment »

Origen

Posted by romeroig o 29/08/2010

Normalmente o verán non é unha boa época para o cine, a carteleira está chea de cine de calidade mediana, segundas, terceiras ou enésimas continuacións de outras anteriores ou versións en cine de series de hai anos. Xa comentei algunha vez que parece que aos guionistas lles falta algo de imaxinación ou que tantos pasaron á televisión que xa non quedan demasiados bos para o cine. De todos modos de vez en cando temos algo distinto, medianamente orixinal e que pode aportar algunhas cousas ao panorama cinematográfico. Eu penso que a película que vou comentar hoxe entra dentro deste apartado, algo destacable dentro dese panorama veraniego lixeiramente decepcionante. Tamén comento que ao saír do cine tivemos unha pequena discusión familiar, a min gustoume moito, pero ao resto da unidade familiar digamos que a deixou algo máis indiferente e non provocou tanta paixón. Digo isto porque entendo perfectamente a cuestión, non é unha película fácil de entender, sobre todo se a un non lle gusta demasiado a ciencia ficción, porque iso si, ficción é unha das palabras que a pode definir perfectamente e ten que ir un coa mente aberta e preparado para ver algo completamente fóra da realidade, pero en gran medida, iso é o cine, ou non ? A película en cuestión é “Origen”, dirixida por Christopher Nolan e protagonizada por Leonardo Di Caprio.

A ver se son capaz de esbozar nada máis o argumento, porque unha das cousas que ten é que é mellor non contar demasiado e deixar que sexa o espectador o que vaia sacando as súas propias conclusións, xa que iso si, deixa bastantes cousas á interpretación do que a está a ver, cousa que por un lado está ben e por outro non tanto. No fondo non deixa de ser unha cinta de ladróns no sentido máis clásico, unha película de timos e estafas no que un grupo de xente especializada cada un no seu campo monta un equipo para enganar a outras persoas e roubarlles algo, ou deixarlles algo, que tamén é posible. Donald Cobb (interpretado por Leonardo Di Caprio) é un ladrón, o mellor no seu campo, a extracción de valiosos segredos do subconsciente das persoas cando estas están durmidas e a soñar. Introdúcese nos seus soños, momento no que a mente é vulnerable, e manipula esas situacións ata chegar a conseguir aquilo que lle encargan as persoas que o contratan. A súa habilidade fai que sexa contratado por grandes corporacións para o campo da espionaxe industrial, pero iso fai que viva como un fuxitivo, que tivera que abandonar a súa familia e sexa buscado en case todas partes. Agora terá a oportunidade de levar a cabo un traballo que lle permita redimirse e volver a súa casa, un último traballo complicado e perigoso, o máis perigoso de todos os que ten feito e que pode significar o todo ou a nada. Para iso reunirá un novo equipo, no sentido máis clásico dos grupos de ladróns do cine so que adaptado a este novo xiro argumental, xente que é capaz de meterse nos soños da xente para intervir como personaxes neles. Uns deseñan os escenarios do soño, outros (os falsificadores) son capaces de meterse nos soños e facerse pasar por outras persoas, outros controlan e dirixen ese soño para intervir cando sexa necesario. Isto é “Origen” e o mellor é velo para saber por onde irá todo isto, que parece complicado pero non o é tanto. Xa un clásico da nosa literatura dixo aquilo de que “a vida é soño e os soños soños son”.

A historia, aínda que o pareza, non é demasiado complicada de seguir se somos conscientes de que estamos a ver unha historia de ciencia ficción, de soños, de soñadores, de soños dentro de soños e de cousas que se van complicando cada vez máis. Espero que non teñades a mala sorte que tiven eu. Na sala na que a vin o son da banda sonora e os efectos estaba moito máis alta que a dos diálogos, o que facía que en algúns momentos fora complicado seguilos, perdendo máis dunha explicación do que estaba a pasar. Porque nese sentido é imprescindible seguir as conversas entre eles, porque nos van explicar todo o lío do traballo que realizan e as súas condicións. Se a iso sumamos que a dobraxe do personaxe oriental non é (penso eu) nada boa porque por momentos tampouco se lle entendía demasiado, teño que dicir que por moito que me esforcei tiven que substituír algunhas palabras coa miña imaxinación e supor algunhas das cousas.

Christopher Nolan creo que está a converterse nun dos mellores directores para este cine que mistura a acción con algúns elementos intelixentes e novos, sempre con algo distinto que aportar ao xénero, demostrando que se pode facer un cine comercial e, ao mesmo tempo intelixente e innovador en varios aspectos. De entre as súas cintas destacaría “Memento” (moi orixinal) que foi a que lle deu recoñecemento. Logo foi o encargado de tentar revitalizar ao personaxe de Batman, sobre todo coa segunda, “El caballero oscuro”, que está entre as miñas favoritas no xénero. E antes unha cinta de magos, “El truco final”, que tampouco estaba nada mal. O que se pode dicir é que colle xéneros moi tocados e dálles un aire novo e algo distinto, o que non está nada mal. Ademais neste caso tamén é o guionista da historia, así que non se lle pode pedir moito máis.

Do protagonista masculino pouco podo dicir. Xa nun comentario anterior falaba de que era un dos meus actores favoritos, cada personaxe que colle ten credibilidade e sobriedade e penso que vai aprendendo día a día, escollendo os seus papeis e acertando normalmente. Aquí fai perfectamente o personaxes de Donald Cobb, un home con algunha complexidade e algúns aspectos escuros que quedan ben interpretados, bastante sobrio e sen demasiados excesos, creo que está moi ben no papel. O resto dos actores tamén son destacables, aínda que algo menos coñecidos, moitos deles de cara e habituais en moitos papeis secundarios, pero o certo é que o peso da historia recae completamente en Di Caprio, que se non recordo mal sae en case todas as escenas da mesma.

A cinta ten un ritmo trepidante que non cae en ningún momento e atrapa ao espectador nese marasmo de soño e realidade, sen saber moi ben as veces que é o que está a ver en cada momento. O espectáculo tamén e outra constante, as escenas de acción están moi ben filmadas, sen caer en esa moda de rapidez e confusión que aparece nalgunhas películas do xénero, que non sabes moi ben que está a pasar. Sigo pensando que o estilo “Matrix” de filmacións en cámara moi lenta fixo algo de ano ao cine e hai directores que abusan demasiado dun recurso que as veces queda ben pero outras resulta demasiado efectista e repetitivo. Aquí temos algúns momentos que usan ese recurso e algún cansa un pouco, pero pouco, máis que nada porque cando é longo vai alternalo con outros momentos de máis movemento. Además, sen explicar a razón, está xustificado polo argumento. De todos modos hai algunhas escenas que usan este tipo de cámara que resultan máis que bos e fan que un non saiba ben para onde ver, porque a cantidade de cousas que se moven pola pantalla despaciño son inmensas, e algunhas son importantes. Como dixen algo máis arriba pode verse como unha mera cinta de acción moi espectacular, co cal pode gustar ao afeccionado ao xénero, pero se consegue entender a grandes rasgos a historia poderá disfrutar máis da mesma.

Duás horas e media que se ven como un xogo, cheas de detalles que non se deben perder e unha estrutura que parece complicada pero que en realidade non o é tanto. Un puzzle que parece moi complexo e difícil pero que poderá resolverse con algo de atención e imaxinación. As imaxes e as situacións impactan ao espectador as veces como golpes nas súas mentes, inquieta tamén por momentos e algunhas escenas son incomensurables pola espectacularidade. Podo dicir que é desas cintas que a un ou o atrapan ou fan que a rexeite por completo (non tanto, espero), cada un sacará as súas propias conclusións, pero penso que merece a pena que vaiades a vela ao cine (nunca en casa, esta é das que non se poden ver na televisión), seguro que veredes os vosos soños doutra maneira.

Posted in Cine | Leave a Comment »

Mis tardes con Margueritte

Posted by romeroig o 23/08/2010

Xa comentei hai non demasiado tempo que o tema do cine estaba a quedar un pouco escaso frente aos outros, pero imos poñerlle remedio, xa que teño tres películas en carteira que comentarei estes días, máis que nada porque son todas estreas recentes e así, se o comentario vos convence, poderedes ir velas. A primeira é a de hoxe, pero non é a primeira que vin, senón a última, pero vou comentala antes porque foi a que máis me gustou de todas e ademais, non sei noutras cidades, pero na miña está so nunha sala e non dos cines comerciais, senón nun deses pequenos nos que estrean cine “distinto” e non demasiado comercial e que gracias a Deus vai aguantando o tirón das outras multisalas. Xa digo, de entrada, que é a máis recomendable das que irán aparecendo, para min unha desas películas que hai que ver, polos actores, pola historia e porque ten moitas frases e moitos momentos que quedarán na cabeza e que farán pensar ao espectador en algunhas cousas. Falo dunha película titulada en España “Mis tardes con Margueritte”, unha película francesa dirixida por Jean Becker e protagonizada por Gerard Depardieu e Giséle Casadesus.

Está baseada nunha novela dunha autora francesa descoñecida para min, Marie-Sabine Roger, novela que tamén tentarei ler en canto a atope, creo que merecerá a pena. O título orixinal en francés, tanto da novela como da película é “La tête en friche”, que viría a ser algo así como “A cabeza erma (deserta ou despoboada)”, facendo referencia directa ás características do personaxe protagonista.

É a máis recente cinta de Jean Becker, un director bastante coñecido en Francia. Aquí, das súas últimas cintas poderíamos mencionar como a máis coñecida “Conversas co meu xardineiro”. Un director que normalmente céntrase nos sentimentos das persoas, cintas suaves e delicadas cheas de contido pero sen levar as cousas aos extremos en busca das vágoas fáciles e oportunistas, sempre cun certo aire de realidade e credibilidade. Alguén lle deu a novela para ler e recoñece que quedou prendido pola historia. Enseguida pensou en Depardieu para protagonizala, chamouno e mandoulle o libro e aos poucos días o actor xa tiña claro como sería o personaxe e estaba disposto a facela.

A historia é sinxela, unha desas historias moi habituais no cine de un encontro entre dúas persoas completamente distintas que por casualidade toman contacto. Moitas hai deste tipo en todas as cinematografías do mundo, pero a verdade é que esta ten un ton algo disinto, como máis crible ou real, sempre e cando pensemos que estamos no mundo do cine, claro. Eses encontros que cambian as vidas das persoas que os teñen, a un máis que ao outro, pero neste caso os dous serán os beneficiados. Germaine Chazes é un home duns cincuenta anos, case analfabeto e cun corazón de ouro, tanto que as veces a súa bondade pode chegar a metelo en pequenos problemas. Un home que traballa en varias cosas e marcado sobre todo polo desprezo da súa nai, que desde pequeno non o trata demasiado ben, por non dicir que case non o trata. Non é moi intelixente, pero tampouco é tonto, a súa falta de autoestima fomentada pola súa nai e algúns dos seus paisanos ten boa parte da culpa de que sexa como é. Cada día acode a un banco do parque do pobo no que transcorre a historia, un pequeno pobo francés onde todos se coñecen. Alí visita ás súas amigas as pombas, ás que lle pon nome para poder distinguilas e saber se hai algunha nova. Un día coincide cunha encantadora anciá coa que vai charlar. Así vaise establecer unha relación entre eles dous que é o centro da historia. Tras uns días de coñecemento e charlas ela vaille empezar a ler algúns dos libros que ten, e Germaine, que ten unha tremenda imaxinación substitúe a súa pouca capacidade para ler e entender o que le por esa imaxinación que fai que, pechando os ollos, poida ver na súa mente aquilo que Margueritte (con dúas T como ela mesmo di) le en voz alta. O primeiro libro será “A peste”, de Albert Camus, o libro que el empeza a vivir na súa cabeza, e desde ese momento xa non poderá volver atrás, quere seguir escoitando ese e os outros que virán posteriormente. Este é o centro da historia, non vou contar máis, porque é unha pena e, como sempre, o mellor é ir vela e disfrutar do que vai pasando. Certo é que é unha cinta con algúns tópicos, pero tratados dun xeito tan delicado e leve que parecen ata certo punto novos, creo que é o mellor da historia, o xeito de tratar esas cousas que temos visto noutras películas. Hai moitas referencias literarias a obras máis que coñecidas, pero como no caso anterior non son referencias nada pedantes nin esaxeradas, están perfectamente metidas dentro da historia con ese mesmo carácter de suavidade e normalidade que fai que sexa maravillosa. Germaine é un home bo, moito menos tonto que moitos dos que o rodean, que si teñen “mala idea”. Todo o que fai é por amor, un amor que non recibiu de pequeno pero que sabe dar a calquera dos que están ao seu lado, aínda que as veces ese desexo fai que diga ou faga cousas que non son demasiado acertadas.

Depardieu está fenomenal no seu papel, non imos descubrilo agora, e é un dos meus actores favoritos. Creo que borda o papel como noutras ocasións, pero conforma un Germaine completamente crible, nada esaxerado nin en xestos nin en movementos, un personaxe que está cheo de amor, cuns xestos e unhas caras que conmoven ao espectador como nos seus mellores papeis. Despois de facer case de todo e ter unha época de cine moi comercial parece que agora, aínda que segue a traballar moito, aparece máis en pequenas películas no seu país, en cintas máis “pequenas” e con menos repercusión mediática, pero non por iso peores, xa que esta en concreto paréceme estupenda. Un personaxe entrañable, tan grande no seu físico como nos seus sentimentos. E a química que se establece coa outra protagonista tamén é destacable, como se se coñeceran de toda a vida. As escenas entre eles dous destacan entre todas, un tan grande e forte fisicamente como pequena e débil ela, que parece que pode romper en calquera momento. Impresionante Giséle Casadesus, unha actriz moi coñecida en Francia que xa facía cine nos anos 30. Unha muller de máis de 90 anos que conmove so coa súa presencia, a súa mirada, os seus ollos e a súa cara fan que non poidas quitar a mirada dela na pantalla, unha muller tan feble en aparencia como forte na súa mente e nas súas ganas de compartir todo o que ten, que é moito, con Germaine.

E o mellor da película é o ton que ten. Xa dixen ao principio que non resulta nada esaxerada como outras que tratan temas parecidos. É unha cinta suave, leve e, sobre todo, optimista. Non é nada lacrimóxena porque é unha historia agradable tratada buscando máis o sorriso, que non a gargallada, claro, que a lágrima. Unha película sensible, de sentimentos ante todo, de bos sentimentos que fan que un estea no cine sempre cun sorriso na boca, un sorriso de felicidade, de optimismo e de amor á vida, iso é o fundamental. Outro director podería facer que choraramos como magdalenas porque o tema dá para iso, pero non, queda xusto no límite desas vágoas de felicidade, de sentirse tan ben como os que protagonizan unha historia preciosa. E por riba de todo a idea de que nunca é demasiado tarde para aprender, e non so as letras, senón moitas outras cousas importantes da vida, porque do protagonista tamén teremos moito que aprender e reflexionar. Se dixera máis estaría contando demasiado, porque sigo pensando que o mellor é ver o que pasa e como van pasando as cousas nas vidas dos dous protagonistas e os que os rodean.

Está chea de diálogos e frases que quedarán na cabeza do espectador cando saia do cine, frases que tampouco quero poñer aquí para que vos mesmos as escoitedes, pero non me resisto a poñer unha so como exemplo: “O que non recibe amor na súa infancia ten aínda moito por descubrir despois”, e iso é o que lle pasa a Germaine, que ten amor para recibir e dar a toneladas, e ese é un dos motivos centrais da súa vida. Eu diría que non a deixarades pasar entre a cantidade de estreas de cine comercial que inundan as nosas pantallas, estou seguro de que vos gustará e vos dirá moitas cousas.

Posted in Cine | Leave a Comment »

El Concierto

Posted by romeroig o 26/07/2010

É evidente que non vou demasiado ao cine, gústame moito, pero nesta época por un lado non é que as estreas sexan demasiado decentes, chea a carteleira de cine de verán e, por outro, o desembolso económico que supón unha sesión para os que somos na casa fai que un teña que ser algo selectivo coas cousas que vai ver, polo que normalmente queda reducido ás tardes de inverno nas que non queda moito máis remedio que meterse nunha sala ou cando realmente estrean algo que merece a pena. Como cinéfilo non cambio para nada a sala de cine polo salón de casa para ver unha película, pero tendo en conta o comentado anteriormente as veces non queda máis remedio que ver as películas na casa. Como os comentarios de cine deste blog son os máis reducidos, en comparación cos outros temas, tamén penso que podo comentar aquelas películas que, aínda que non estean no cine nese momento, poden verse alugadas en DVD ou por outros medios que todos coñecemos, pero sempre, por favor, en boa calidade tanto de imaxe como de son, porque algunhas das que circulan son realmente invisibles, non sei como hai xente que é capaz de ver algunhas delas, a verdade.

Hoxe vou falar dunha película que vin hai uns días e que penso que realmente merece a pena, xa que nos gustou bastante. Non é un estreo recente, é unha cinta do ano pasado que tivo un certo éxito sobre todo gracias aos comentarios da xente que ía vela, polo que foi pasando duns a outros, o que fixo que estivera un certo tempo en carteleira, máis que outras. Ademais é unha cinta francesa, rompendo un pouco coa tónica de que parece que o único que se ve e se estrea é cine americano e que é o único que leva xente ao cine. A película titúlase “El concierto” e o título dá unha idea case perfecta do que nos vai contar, xa que está centrada nun concerto de música clásica, pero un concerto un tanto especial, sobre todo polos músicos. O director, completamente descoñecido para min, é Radu Mihaileanu, un romanés afincado en Francia. Esta é a súa sexta película e as anteriores tiveron un certo éxito no país veciño. Normalmente as súas historias son protagonizadas por persoas normais, centrado en personaxes de carne e óso e teñen que ver con desfavorecidos ou inxustizas. Neste caso estamos ante unha comedia, pero que ademais de momentos realmente simpáticos, non deixa de lado temas dramáticos e emotivos, tratados sempre con delicadeza e bo humor, que as veces é a mellor forma de queixarse de algo ou de deixar clara unha situación negativa. Todo isto acompañado do tema da música clásica como un fondo moi importante para o desenvolvemento da historia. De todos modos que ninguén pense que estamos ante unha película realista, non o é, é case unha fantasía de soño e maxia, de xente normal buscando que os seus soños se cumpran e poder vivir sen as frustracións que os afogan no día a día, pero cun ton simpático e leve, que fai que as veces algunhas cousas sexan aínda máis tristes, con ese ton agrio e doce que teñen moitas veces este tipo de cintas que non queren converterse nun tremendo drama case de teleserie e tampouco nunha caricatura da realidade. Os actores non son demasiado coñecidos fóra das súas fronteiras, excepto algún dos franceses que son recoñecibles se un é afeccionado a ver cine dese país. O resto son case todos actores rusos, entre eles os protagonistas, que teño que dicir que están perfectos todos e cada un deles nos seus papeis, plasmando perfectamente esa imaxe entre a tristeza, a decepción, a loita do día a día e o desexo de cumprir os seus soños, que ao final é o que move a todos e cada un deles a facer o que fan.

A historia é sinxela, o protagonista é Andrei Filipov, que traballa como limpador no teatro do Bolshoi. Hai 30 anos era un dos máis coñecidos directores de orquestra de Rusia, pero tras negarse a desfacerse dos seus músicos xudeus tivo que deixar o traballo da súa vida e vivir de recordos e frustracións. Un día, mentres limpa o despacho do xefe do teatro recíbese unha invitación por fax para que a orquestra do Bloshoi dea un concerto en París, no Teatro do Châtelet. O único que se lle ocorre é quedarse co fax e tentar convencer aos seus antigos compañeiros para facerse pasar pola auténtica orquestra e ir a dar ese concerto. O primeiro que terá que facer é tentar convencer a un ex axente do KGB que tivo moito que ver coa súa caída en desgraza para que actúe como manager e leve todas as negociacións. Este personaxe é dos mellores, un home que segue pensando en recuperar a antiga Rusia comunista e que decide axudalo por razóns máis persoais que porque sinta que lle debe algo a Filipov. Outro dos grandes personaxes da cinta é Sacha, o amigo íntimo de Filipov, condutor dunha ambulancia que leva sempre a serea posta e que se cae a pedazos, pero que sempre está de bo humor e aínda que ao principio pensa que a idea e unha tolería, ao final é un dos que máis vai traballar para conseguir que se faga realidade. Logo empeza a travesía para tentar xuntar a todos os seus antigos músicos, algúns xa moi maiores e outros reticentes a formar parte da suplantación. Pero todo son problemas, de diñeiro, de músicos, de instrumentos, de roupa, de pasaportes…, pero pouco a pouco as cousas irán collendo o camiño correcto. O resto é mellor velo, merece a pena ver como van avanzando no proceso e como van conseguindo as cousas, para rematar cun final perfectamente montado polo director, con ritmo e emoción nunha larga escena final que merece moitísimo a pena.

O mellor é que, aínda que ten momentos realmente dramáticos e tristes están en todo momento aderezados cun ton de comedia e optimismo moi conseguido e que fai que o espectador teña un medio sorriso en todo momento, con algún no que terá que rir con ganas, porque é imposible non facelo. Desde o principio, no que un dos medios de conseguir ingresos do matrimonio Filipov é contratar “figurantes” para manifestacións e incluso para vodas de mafiosos rusos que non queren máis que aparentar e enchen a cerimonia de xente, aínda que non os coñezan de nada. A forma de conseguir os pasaportes é outro deses momentos máis que bos, así como as distintas aventuras que van correr cando cheguen a París. É unha traxicomedia, máis cómica que tráxica, que merece moito a pena, protagonizada por uns xenios da música que por cuestións políticas ou relixiosas foron condenados ao ostracismo polos mandatarios rusos, pero que saben que aínda lles queda moita música e ganas nos seus corazóns. O ton é amable e case familiar, sobre todo nos personaxes principais, que son nos que se centra o director, tendo como fondo ademais a historia que algúns teñen coa violinista francesa que queren contratar para que faga de solista no concerto. Non se lle pode negar unha certa carga crítica contra certos aspectos que a algúns lles poderán parecer esaxerados e a outros menos, pero que son innegables e tristes. En certos momentos está preto do histrionismo, sobre todo con algunhas escenas das que transcorren en París, pero se queda no límite do ridículo, sen chegar a forzar demasiado as situacións. Merece a pena, pasaredes un bo rato.

Posted in Cine | Leave a Comment »

El pequeño Nicolás

Posted by romeroig o 23/05/2010

Hai uns días falaba cun amigo meu, francés el, que dicía que tiña que ir ver esta película que vou comentar hoxe, porque lle ía recordar a súa infancia e pensaba que tería que estar ben e merecer a pena. Hoxe toca cine, e cine familiar no seu máis completo significado, porque a película que vou comentar, estreada hai dúas semanas, creo, é “El pequeño Nicolás”. Cando a súa estrea xa me chamou a atención, porque a verdade é que non me soaba de nada o personaxe, pero tralo comentado por este amigo vin que en Francia foi un tremendo éxito de ventas en forma de libro e case todos os nenos franceses leron nalgún momento un libro desta serie. Así que con esta recomendación e vendo que os actores adultos son bastante coñecidos tras algúns éxitos recentes decidímonos a vela todos xuntos, que de vez en cando tamén hai que levar aos nenos a cousas que estean pensadas para eles, aínda que teño que dicir que os dous adultos tamén rimos bastante.

“El pequeño Nicolás” é unha serie de libros infantís editados entre os anos 1956 e 1964 en Francia. Tras indagar algo por internet vin que en España están editados por Alfaguara na súa colección de libros infantís e xuvenís. Os libros parten da imaxinación dun máis que coñecido guionista de cómics e libros, René Goscinny. Digo que é moi coñecido por ser o creador de personaxes como “Astérix e Obélix” ou “Lucky Luke”, libros de cómics que todos coñecemos e limos algunha vez, ou, como é o meu caso, moitas veces, porque os dous primeiros son case compañeiros de crecemento para moitos de nós, a Lucky Luke era menos afeccionado, debo recoñecelo, pero tampouco sei moi ben a razón, gustábame menos. El poñía os guións e traballou con varios debuxantes que lle deran forma ás súas ideas, o máis coñecido Uderzo, co que traballou en toda a serie de Astérix. Goscinny naceu no ano 1926 e morreu no 1977 e pode ser considerado sen esaxerar un clásico de literatura infantil non so francesa, senón tamén europea e mundial, xa que a súa obra podemos dicir que foi traducida a case todas as linguas do mundo. No ano 2004 a filla de Goscinny atopou unha serie de historias inéditas do seu pai e Nicolás, reuniuse con Sempé, que era o ilustrador dos libros anteriores e apareceron novos volumes que trouxeron de novo ao personaxe aos primeiros postos de ventas e a que se fixera, visto o novo éxito do personaxe, esta película, que igual, xa que en Francia tivo moito éxito, non é a única. Apareceron en tres volumes, no 2004, 2006 e 2009, publicados tamén en España.

Con esta serie de libros compuxo un modelo que é xa un clásico, un conxunto de relatos autobiográficos contados en primeira persoa polo protagonista, un neno normal, unha sucesión de anécdotas da súa vida que fan que vaiamos coñecendo ao personaxe e a todos os que o rodean relato tras relato, ata velos case como parte da familia. Para facernos unha idea este esquema é o mesmo que aparece en castelán por exemplo co personaxe de Manolito Gafotas, de Elvira Lindo, co que comparte moitos esquemas e ideas, salvo que as aventuras de Nicolás transcorren nun mundo distinto, nunha época distinta e cunhas preocupacións e acontecementos distintos.

O mellor do personaxe é o punto de vista infantil que aparece nos seus relatos e que se ve perfectamente na película. Todo está visto desde esa lóxica infantil que perdemos cando crecemos, unha coherencia dentro dese mundo de nenos onde todo se ve doutra maneira moito máis directa e nada mediatizada por outras cousas. A inocencia é o elemento fundamental das súa vidas e o motor dos seus actos, non son nenos malos nin gamberros nin golfos, en absoluto, todo o que fan vén dado polas boas intencións, aínda que as veces poidan equivocarse e meter a pata. Aparecen os seus medos, os seus desexos e a unión das cousas importantes coas trivialidades, que fan que todo sexa visto como algo normal, cuns razoamentos completamente lóxicos nas súas mentes, pero que van traer consigo algúns desastres. A través dos ollos de Nicolás e os seus amigos o mundo é moito máis sinxelo do que é en realidade. O mellor de todo é que non lle van pasar cousas extraordinarias, todo nas súas vidas é cotián e normal, como a vida de case todos nos cando nenos, cando un acontecemento sen importancia se converte no máis importante do día: o colexio, as notas, os xogos infantís, montar unha banda, os partidos de fútbol…, todo o que lle pasa puido pasarnos a calquera.

A película non sei exactamente se responde a un dos relatos ou a varios xuntos. Parte dunha redacción escolar na que se lle pide que escriba o que quere ser de maior, e Nicolás ve como os seus compañeiros escreben con facilidade, mentres el non é capaz de empezar, porque non o sabe. Un dos seus amigos ten un irmán e, dentro desa lóxica infantil, Nicolás ve certos sinais na súa casa que lle fan pensar que a el vaille pasar o mesmo, e pensa que iso non vai ser bo para el, xa que o primeiro que se lle pasa pola cabeza é que os seus pais van desfacerse del. Así xunto cos seus amigos todo vai ir enfocado a ver como se van desenvolver as cousas na súa casa, primeiro quere ser un santo para non ser eliminado da familia, logo pensa en desfacerse do irmán cando chegue para eliminar a competencia e algunhas cousas máis. Ademais do protagonista directo o mellor da película son os nenos. É esa pandilla típica de rapaces que case todos tivemos de nenos, sen achegarse demasiado as rapazas, claro, que son vistas como seres raros, ademais de que o colexio ao que van é so de nenos, claro. Os amigos de Nicolás son todos xeniais e comparten todo o protagonismo con el. Temos a Clotario (o último da clase, sempre castigado); a Alcestes (que creo que non hai unha soa escena na que non este a comer); Eudes (o matón do grupo); Godofredo (o neno rico que ten absolutamente de todo e máis); Joaquín (o que ten o irmán e provoca todo o que vai pasar); Agnan (o pelota listillo de gafas, xenial); Rufo (o fillo dun policía) e María Eudivigis (que é a única rapaza que ten un certo protagonismo). Xunto con eles como personaxes principais temos tamén aos pais de Nicolás que tamén teñen algunhas escenas realmente boas.

A película é unha cinta familiar bastante divertida. En Francia, onde o personaxe é moito máis coñecido tivo gran éxito, pero xa digo que non é necesario ter lido os libros para pasar un bo rato con ela, é máis, moitos supoño que poderían animarse tras vela, unha boa cousa. Os nenos actores son todos realmente bos e moi naturais, cousa que a veces es difícil de atopar nestas cintas cheas de rapaces. O personaxe do pai está interpretado por un actor, Kad Merad, que podemos recoñecer como o protagonista doutra película francesa que tivo moito éxito recentemente, “Bienvenidos al Norte” e que é un bo actor de comedia. A estética tipo anos 50, en colores pastel, chama bastante a atención. A un dos meus fillos lle facía moita gracia a forma de vestir e o curtos e apertados que eran os pantalóns curtos que levan todos os nenos, que lles fan unhas pernas longas e, en moitos deles, delgadas e espigadas. Esta estética é outro acerto para darlle á cinta ese ambiente. Ten momentos realmente divertidos que provocaron en todos fortes risas, a revisión médica é algo fabuloso, a limpeza da casa, a visita ao colexio do ministro, a profesora substituta e algúns máis que é mellor non contar. O que podo dicir é que é unha moi entretida película para ver en familia, así que todos os que teñades nenos e nenas deberiades ir vela, pasaredes un bo rato, case seguro.

Posted in Cine | Leave a Comment »

Noche loca

Posted by romeroig o 09/05/2010

Chuvia, frío, vento. ¿Decembro? Non, estamos no mes de maio, aínda que non o pareza, non sei noutros lados, pero aquí en Vigo a 8 de maio parece que estamos en pleno inverno. Así que as opcións para non quedar na casa un sábado pola tarde pasaban por ir ao cine. Cónclave familiar, carteleira, a verdade é que non hai demasiado onde elixir, así que tras ir eliminando so nos queda “Noche loca”, unha comedia que, tras ver o trailer por internet por se acaso, non ten mala pinta. Alá imos.
A verdade é que resultou entretida, simpática e bastante divertida. Claro que non pasará á historia do cine, para nada de nada, pero si que nos fixo pasar unha hora e media na que rimos bastante algunha vez e case todo o tempo estivemos cun sorriso na boca, así que ben. O primeiro que me gustaría comentar é o título, porque as veces as traducións, como xa comentei algunha vez, deixan tanto que desexar que quitan as ganas de ir ao cine. Menos mal que coñecía aos actores, que vin o trailer e nos decidimos, porque se nos fiáramos so do título en castelán non creo que o fixeramos, porque son deses títulos que botan para atrás. Con ese título o menos é imaxinar unha comedia desas chorras de adolescentes, sexo normalmente bruto e pouco máis, pero non é iso, para nada. Orixinalmente é “Date night”, que viría a ser algo así como “Cita nocturna”, que evidentemente axústase máis ao que un vai ver na pantalla que o que suxire a tradución, que xa digo, a moitos quitaralle as ganas.
Hai moitas películas co mesmo esquema que esta, unha saída nocturna que un espera que sexa divertida e convértese en todo o contrario, normalmente segundo sexa, todo pasa por unha serie de peripecias máis ou menos divertidas, disparatadas ou tolas que pouco teñen que ver co que un quería facer. Os afeccionados ao cine terán que recordar unha cinta de Martin Scorsese que aquí titulouse “Jo, qué noche” que é a historia por excelencia dese tipo, o tío que sae a cear, tomar unhas copas e ver se liga un pouco pero de repente todo se complica e vese inmerso nunha sucesión de persecucións, malas experiencias, xente rara que fan que sexa a peor noite da súa vida. Tres esta moitas seguen este mesmo esquema con maior ou menor sorte. Pois esta de hoxe é o mesmo, pero a verdade é que ten bos momentos.
Vainos contar como unha parella casada, con dous fillos (insoportables) e un pouco acomodados e acostumados a unha vida de traballo e rutina, decide cambiar o seu costume de ir cear so mesmo sitio de sempre e tentalo nun luxoso restaurante do centro. Claro, sen reserva nin nada a cousa complícase, así que deciden esperar na barra. Cando a camareira pasa chamando a unha parella para que ocupen a súa correspondente mesa, como ven que non contesta ninguén eles mesmos deciden dicir que son eles, e así comeza unha noite moi, pero que moi movida. Evidentemente a confusión lévaos a un encontro cuns matóns a soldo que buscan aos orixinais, véndose de repente inmersos nunha escalada de persecucións, disparos, investigacións… dentro dunha historia de chantaxe, extorsión, corrupción e cousas desas, pero nada en serio, que é unha comedia, ademais para maiores de sete anos, así que salgo algunhas conversacións sobre sexto case é apta para todos os públicos.
O director é Shawn Levy, máis ou menos coñecido por algunha comedia lixeira máis deste tipo, as máis recentes as dúas de “Noche en el museo”, que tampouco estaban mal, falando deste tipo de cine, claro. Pero o que me levou a que tivera ganas de vela foron os dous protagonistas, que me parecen dous dos mellores actores de comedia que podemos atopar neste momento no cine americano. Ambos saen dun coñecido programa de televisión que leva alá moitos anos en antena e que aquí emite de vez en cando Canal+, falo de “Saturday night live”, un deses programas ácedos que fan e do que saíron moitos actores que despois pasaron ao cine con éxito desigual. El é Steve Carrell, pouco coñecido aquí, a verdade, e que ten boas comedias, do último aínda que é mellor non xulgalo por ela porque era regular tirando a mala, a versión de cine so Superagente 86; mellor velo nunha serie que tamén emiten as privadas, “The Office” ou nunha película desas que tamén asustarían polo seu título pero que é máis do que parece, “Virgen a los 40” (xa digo, non vos fiedes do título porque non é unha mala comedia). Ela é moito menos coñecida por aquí, famosísima en USA polas súas imitacións de Sara Palin no mencionado programa e tamén por ser a protagonista dunha serie cun humor un tanto histriónico e estraño (dese que te gusta ou non es capaz de soportalo) que é “Rockefeller Plaza” sobre unha cadea de televisión. Para min ela é unha máis que boa actriz cómica, sobre todo polas súas caras, xestos, formas de falar e de comportarse conforman un papel que, polo menos a min, fíxome bastante gracia.
Xa digo, non é unha recomendación encarecida, quizá boa para ver dentro duns meses cando saia en DVD ou, se o tempo segue así, para pasar hora e media bastante divertida. Ten dúas ou tres escenas realmemte orixinais, o que xa é algo difícil na comedia. Os diálogo son áxiles e moitos deles hai que seguilos atentamente porque hai gags cómicos dentro deles que si un non está atento pode perderse. Creo que merece a pena ver aos dous protagonistas, sobre todo os que non os coñezan poden descubrir algo bastante bo, a verdade. Ademais aparecen varias caras coñecidas en papeis secundarios, algúns bastante graciosos, a verdade. Tamén teño que dicir que ultimamente non vexo comedias que me fagan rir demasiado e con esta rin bastante (aínda que son de risa fácil, tamén é certo), pero hai xente na miña casa que non ri con facilidade e nesta houbo varios momentos nos que algunha risa forte escoitei ao meu lado. Ademais quizais sexan máis graciosos os diálogos que os gags visuais (salvo o do taxi, que me pareceu moi bo, pero non volo contarei), o que tamén é un mérito. Se a alguén lle da por ir vela por culpa deste comentario, xe ma dirá, so espero que algo lle guste, que logo a culpa é miña.

Posted in Cine | Leave a Comment »

Iron Man 2

Posted by romeroig o 02/05/2010

O comentario de hoxe está algo máis mediatizado polos meus gustos persoais que moitos dos que viñeron antes, loxicamente todos son subxectivos, pero hoxe inflúen moito os meus gustos persoais e os recordos da miña infancia e xuventude. Sempre me gustou ler, e creo que como todos, empecei hai anos cos tebeos, daquela estaban todas as historietas de Ibáñez (Mortadelo e Filemon, Rompetechos, Zipi e Zape…) e logo chegaron a nos o que agora chaman cómics, e os reis dos cómics eran os superheroes, devorábaos con avidez, e gustábanme moito, número tras número lendo as aventuras daquelas persoas que podían facer cousas que ninguén podía facer e soñando polas noites con ter as mesmas aventuras.
Hoxe toca cine, levaba tempo esperando para ver esta película e aínda agora, a pouco de rematar, estou abraiado polo espectáculo. O cine, cando empezou, deixaba á xente maravillada, era algo que non podían nin soñar, e iso que era mudo, cando chegou o son xa estaban acostumados a esas cousas. Hoxe a técnica permite facer cousas que antes eran impensables e creo que as novas xeracións están demasiado afeitos a isto e hai poucas cousas que lles sorprendan. Aínda recordo como alucinabamos con “La guerra de las galaxias” e as súas continuacións, claro que agora se chaman “Star Wars” e como víamos a aquelas naves, os robots, as espadas láser como algo completamente alucinante, non sei como non saíamos do cine con dor de mandíbulas de ter tanto tempo a boa aberta. De todos modos eu sigo disfrutando case como naquel momento con películas como a que acabo de ver. Xa dixen que non vos fiedes moito de min hoxe, porque o dos superheroes é algo que me fascina e segue a fascinarme aínda hoxe, e non perdín ningunha das adaptacións cinematográficas que se fixeron. Claro que algunhas gustáronme máis que outras, lóxico, pero esta da que vin hoxe a segunda penso que é a miña favorita, tamén porque o personaxe era un dos meus favoritos dos tebeos, senón o que máis me gustaba.
Falo de “Iron Man 2”, que antes era simplemente o home de aceiro, e así aparecía nas portadas, que antes todo se traducía. Creo que é das películas deste xénero que máis se adapta ao que en realidade eran antes, espectáculo, acción, movemento, fina ironía e humor e todos os elementos que ten que ter un bo cómic. Outras películas deste tipo gustáronme menos porque creo que os directores e guionistas tentan crear algo máis, e non o son, eu quero ir ao cine a pasalo bomba e ver un espectáculo puro e duro, sen comeduras de cabeza nin torturas porque un ten poderes. Creo que algunhas da saga de Batman ou de Spiderman pecan deste tipo de cousas, anda que ía eu estar torturado se puidera facer o que me dera a gana, se fóra capaz de voar ou levantar un tanque, anda xa, con eses poderes non pode estar un coméndose a cabeza pensando no destino e amargándose por cousas que pouco teñen que ver con gozar dos poderes que un ten. A saga da “Patrulla X” quédase a medias entre un tipo e outro, o último Batman (esa de “O cabaleiro escuro”) pareceume unha boa película pero estas dúas do home de aceiro penso que son das mellores adaptacións dun cómic de superheroes que se fixeron. Tamén vos digo, se non vos gusta este tipo de xénero non vaiades vela, porque non vos vai gustar, pero eu disfrutei como un anano. Quizais a primeira era un pouco máis entretida, xa que o nacemento dun heroe sempre é máis atrainte, pero esta quédase ben cerca.
En primeiro lugar penso que a elección do actor principal é excelente. Robert Downey Jr. borda o papel. É outro deses actores que lle da credibilidade a todo o que fai. Hai pouco vira a última versión de Sherlock Holmes que protagonizara e tamén me gustou moito, entretemento cen por cen, que ao final é o mellor que ten o cine. Aquí creo que é o Tony Stark / Iron Man perfecto. Os afeccionados saberán que é un millonario prepotente, faltón, narcisista, egocéntrico pero simpático que non se detén ante nada cando se pon o seu fantástico traxe (quen pillara un). Os xestos, as caras, os levantamentos de cellas, as miradas, as poses, os movementos conforman perfectamente a ese personaxe tal e como era nos cómics. Como antagonista ten desta vez a Mickey Rourke, que con esa cara so pode facer de malo e que tras algúns problemas parece que volve con forza ao cine. Está moi ben como ese científico cachas ruso que so quere vingarse. E ao lado destes dous unha serie de actores moi coñecidos que tamén están moi ben. Temos a Gwyneth Paltrow como a axudante noiva de Stark; a Scarlett Johanson tamén nun bo e simpático papel; Samuel L. Jackson que aínda que sae pouco tamén é importante e a Sam Rockwell no papel doutro fabricante de armas que quere coller o lugar de Tony Stark como o máis importante do mundo e que recrea un papel algo histriónico pero tamén destacable.
Ademais a película está chea de chamadas aos frikis (dito con todo o cariño, que neste caso estou dentro desta categoría) con cousas que lles farán estar máis atentos. So un exemplo, atención a unha escena na que o protagonista usa unha especie de prototipo do escudo do Capitán América (a ver para cando unha película decente con este personaxe) para nivelar uns tubos para un experimento. E como todas estas, non vos vaiades da sala antes de que rematen todos (é son moitos, porque debe saír ata os que foron un día por alí a ver que tal) os títulos de crédito, porque ten unha escena final de poucos segundos pero que os seguidores do xénero entenderán perfectamente, o resto non o teño tan claro.
A historia é como todas, os bos contra os malos, estes queren uns vinganza e outros dominar o mundo, máis ou menos o de sempre, claro está, pero non lle imos pedir máis. É o que é, non é unha cinta para pensar nin meditar sobre o sentido da vida e nada así, son dúas horas de entretemento puro e duro, e polo menos para min o consegue perfectamente, cine de espectáculo para non pechar os ollos en ningún momento, aderezado con algúns diálogos intelixentes, algunhas notas de humor bastante conseguidas e moito, moito espectáculo, cine de entretemento na súa máis alta expresión.

Posted in Cine | Leave a Comment »

Furia de titanes

Posted by romeroig o 02/04/2010

Como seguimos con este mal tempo que temos desde hai tempo pois os festivos, máis que nada para non quedarse na casa, toca ir ao cine, e esta vez non foi distinto. Ollada á carteleira buscando algo que valera para toda a familia, ao final decidímonos por un das estreas recentes da semana, “Furia de titanes”
Hai non demasiado tempo comentei que en Hollywood parece que se lles están esgotando as ideas, sobre todo as boas, e a moda de facer versións de antigas películas súas ou de outras nacionalidades é unha constante. Este é o caso, esta película é unha versión de outra do mesmo título estreada en 1981. O máis destacado desta primeira versión é que foi a última película na que participou un dos máis grandes no terreo dos efectos especiais, Ray Harryhausen, un animador e creador que abriu as portas dun xeito definitivo aos efectos especiais no cine. Para os que sexan coma min, pasados os corenta, recordar películas como “Jasón y los argonautas” ou varias cintas protagonizadas por Simbad ou esta mesma. Esas cintas abriron os nosos ollos a un mundo novo e non nos deixaban pechalos cos monstros que aparecían, cun momento típico e característico que non creo que poidamos olvidar. Eran, daquela, o cine de aventuras por excelencia. Destacar que en esta nova versión, que en ocasións parece unha homenaxe a este animador, o aspecto e textura dos efectos achégase moito aos de Harryhausen, parece que o están a recordar. Para os moi cinéfilos, atentos a un búho que aparece nunha soa escena, porque é igual a un dos personaxes da primeira versión. Destaco isto porque nalgún sitio lin algúns comentarios sobre que o tema dos efectos era algo que non lles gustara demasiado e coa técnica de hoxe podería facerse algo mellor, pero basta mirar as texturas e os movementos dos escorpións xigantes para darse conta de que estaban pensando nel.
A cinta basease na mitoloxía grega, tema moi cinematográfico e sobre a que se fixeron infinidade de películas con desiguais resultados. Neste caso parte do mito grego de Perseo, pero facendo unha interpretación bastante libre da súa historia, aproveitando certos elementos e rexeitando outros para facer, supoño eu, unha película máis entretida e espectacular. Perseo é un semideus, fillo de Zeus e Danae. Nai e fillo son botados ao mar polo seu marido e Perseo é rescatado por un pescador e a súa muller. Os homes, enfadados cos deuses, deciden non seguir adorándoos, feito que enfada a Zeus, deus do Olimpo, e ao seu irmán Hades, deus do inframundo. Este convence a Zeus para enviar ao Kraken contra os homes para castigalos, pero esconde outras intencións. Zeus aliméntase das pregarias dos homes, pero Hades faino do seus medos, así que tralo castigo o que pretende é alimentar o seu poder para derrotar a Zeus e ocupar o seu lugar. Perseo, ante isto, acompañado dun reducido grupo de valentes guerreiros, emprende unha perigosa viaxe cara a mundos prohibidos en busca da cabeza da Medusa, que é o único que pode derrotar ao Kraken e acabar con Hades. Loitarán contra demos e enormes bestas, enfrontáranse coas bruxas ata chegar á lagoa Estigia para loitar contra Medusa. So se Perseo acepta a súa condición divina poderá saír con ben de todas estas aventuras, contando ademais coa axuda dunha espada e do cabalo voador Pegaso, regalos de Zeus.
A película non está nada mal, la verdade, non pasará á historia do cine nin a recordaremos durante moito tempo, pero fíxonos pasar a todos un rato máis que entretido, sen sacar a vista da pantalla. As escenas de acción están bastante ben desenvolvidas, aínda que quizais algo rápidas e confusas nalgún momento. Dúas destacan por enriba das demais. Por un lado o enfrontamento cos escorpións xigantes é un dos momentos álxidos. Por outro a escena que transcorre na guarida da Medusa tampouco ten desperdicio pola ambientación e a tensión da mesma. Eu a recomendaría para unha desas tardes chuviosas como una boa opción para non quedar na casa, seguro que vos vai entreter bastante.
No que se refire aos actores, para min, hai de todo. O personaxe de Perseo está interpretado por Sam Worthington. Creo que a súa dobraxe en castelán deixa algo que desexar, a verdade e réstalle credibilidade. A súa actuación non é mala, pero non me apaixonou, cumpre sen máis, pero as veces é demasiado estático en canto a xestos e caras, a verdade. Zeus é Liam Neeson, non está mal nese traxe plateado que escapa un pouco da imaxe habitual. Hades, o personaxe escuro é Ralph Fiennes, que tampouco está mal. Creo que a maior parte dos secundarios está algo mellor que estes tres, sobre todo o personaxe de Draco, un dos que acompañan a Perseo na súa aventura, que ten máis matices e interpreta un pouco máis, foi o que máis me gustou de todos.
En canto a cuestións técnicas, xa comentei algo sobre os efectos especiais. A música está bastante ben, e reforza con convicción as escenas fundamentais. Pero quizais o mellor sexa a ambientación e os lugares nos que se rodou a cinta, grandes bosques, inmensas paraxes desérticas que dan algo máis de realidade á historia. Como curiosidade dicir que grande parte da mesma foi rodada no Parque Nacional do Teide, na illa de Tenerife.
Antes de rematar, comentar que se estrea en versión normal e no demasiado habitual 3D. Nos vímola en normal e paréceme mellor vela así, xa comentei nalgunha ocasión que isto do 3D paréceme unha moda que nos queren meter pero que non me gusta, paréceme incómodo e mareante en ocasións. Ademais neste caso a cinta non foi filmada orixinalmente en tres dimensións, co que, polo que lin en outros sitios, non parece demasiado recomendable vela neste sistema cando non foi directamente concibida para el, porque perde bastantes enteiros. Ademais en “normal” é máis barato e se non merece a pena, mellor aforrarse esa diferencia de diñeiro.
Pois nada, unha película para pasar un bo rato, ao estilo das que para aqueles que xa temos unha idade, víamos na televisión ou nos cines na nosa xuventude, entretida, sen pretensións e decente para pasar unha tarde, ademais merece a pena vela no cine pola grandiosidade dos escenarios, os efectos especiais e o desenvolvemento das escenas de acción.

Posted in Cine | Leave a Comment »

Shutter Island

Posted by romeroig o 28/03/2010

Hoxe imos ao cine de novo, que de vez en cando toca ver algunha película, e mellor se é boa, como é o caso da que vou comentar. Polo que vin por internet adiante esta cinta creou algunha polémica e hai xente á que lle parece estupenda e a outros non tanto. Eu vou quedarme nun termo medio pero tirando cara arriba, xa que por momentos tívome un pouco indiferente, pero a medida que vai avanzando foi atrapándome ata deixarme atónito na última parte da metraxe, tanto pola historia que desenvolve como pola forma de facelo.
Falo da última película do director Martin Scorsese. Nacido en 1942 en Nueva York e de sobra coñecido para calquera bo afeccionado ao cine. É un dos grandes e moitas das súas películas quedarán para sempre na historia do cine. Falamos do director de “El aviador”, “Gangs of New York”, “Casino”, “La edad de la inocencia”, “El color del dinero” o “Uno de los nuestros”. É innegable a súa calidade á hora de contar historias e ademais cun estilo bastante persoal e moi imitado.
Esta é, de momento, a súa última cinta, estreada hai pouco, “Shutter Island”. Está baseada nunha novela de Dennis Lehane, ao que podemos coñecer por outra das súas novelas que foron levadas ao cine, “Mystic River” (estupenda novela e gran película, dirixida por Clint Eastwood).
Conta a historia do marshall Teddy Danniels, que , xunto a un novo compañeiro é enviado a investigar o misterio da desaparición dunha perigosa paciente dunha institución para criminais dementes que está situada na illa que da título á cinta. Esta foi recluída alí polo asasinato dos seus tres fillos, aos que afoga nun lago. Alí atoparanse coa sospeitosa e case sinistra actitude do director do centro, o doutor Crowley, un personaxe entre afable e ameazante, frío e distante, misterioso. E ata aquí podo contar, como dirían, porque o mellor da historia é como se vai desenvolvendo nunha mistura de sorpresas, xiros cambiantes, xogando co espectador. Advirto antes de que a vexades que non pechedes os ollos nin un momento, porque cada xesto, cada escena, cada momento pode esconder as claves para desentrañar o misterio de Shutter Island.
Estamos ante unha película de xénero, pero non nos enganemos, non é policiaca, está máis preto do xénero gótico, case como unha historia de Poe ou con similitudes con moitas das cintas do mago Hitchcok, o director que mellor soubo xogar co espectador para levalo por onde el quería ata chegar ao sitio que el quería levarnos a base de trampas e sorpresas. E digo xénero gótico porque está dominada por un ambiente escuro, sinistro, de tormentas infernais, choiva que entorpece a visión, acantilados, faros, pasillos longos e escuros, labirintos (impresionantes as escenas no pavillón C onde están os presos, perdón, pacientes, máis perigosos), bosques… dunha illa que esconde máis dun misterio.
O protagonista é Leonardo Di Caprio nunha das que considero das súas mellores interpretacións. A min é un actor que me gusta moito e que me parece máis que bo, pero ten un problema aínda que pareza unha afirmación rara. É un actor limitado polo seu físico, si, o seu atractivo fai que cando lle dan papeis de galán en películas podemos dicir mediocres, baixe moitos enteiros. É en películas como esta ou “Revolutionary Road”, “Infiltrados”, “Diamante de sangre” ou “Red de mentiras” onde vemos ao grande actor que é, con esas caras entre violentas, amargadas, atormentadas, un feixe de matices que pode expresar coa súa mirada e as súas faccións e xestos. Non o soporto, síntoo en películas como “Titanic” ou similares, onde penso que está a perder o tempo e a súa capacidade. É nestas películas, moitas delas dirixidas tamén por Scorsese que o está a facer un dos seus actores habituais, onde da a boa medida do que pode facer e convence completamente ao espectador.
Xunto a el, no papel do doutor que dirixe o hospital, temos a outro dos grandes actores desde hai anos, Ben Kingsley, coñecido sobre todo pola súa actuación hai anos xa en “Gandhi”, agora case especializado en papeis sinistros, misteriosos e con moito carácter. So a súa mirada nalgunha das escenas é capaz de quitar o sono ao máis forte, porque é completamente desacougante. Unha mezcla entre o máis amable do mundo e o máis escuro, sen saber moi ben que é o que pretende, a verdade é que en moitos momentos pon os pelos de punta a calquera. Axudado ademais en breves momentos polo actor Max Von Sydow, interpretando a un doutor alemán (non olvidemos que a acción transcorre no ano 1954) que ten tamén máis dun punto de sospeita.
Dende a primeira escena, cos dous policías subidos ao barco que os leva á illa, quedamos atrapados por unha historia que vai avanzando polos camiños da dúbida, de non saber moi ben que é o que estamos a ver, que ocorre, quen di a verdade e quen mente. Facemos unha viaxe cos personaxes ata chegar a un final…, non debo dicir nada máis, cando a vexades xa mo diredes.

Posted in Cine | Leave a Comment »

Acantilado rojo

Posted by romeroig o 20/03/2010

Hoxe toca cine e ademais de estrea, que xa é raro, aínda que este inverno o de ir ao cine, co tempo que temos, foi algo relativamente habitual, pero levabamos case tres semanas sen ir. Como o día non tiraba para facer moito máis botamos unha ollada á carteleira e aos horarios, que tamén hai que telos en conta e ao final decidimos ir ver “Acantilado rojo”. Gústame bastante o cine de acción chinés, soe ser bastante entretido e sobre todo cunha estética alucinante, sempre rodeado dun aire de misticismo entre loitas, nobreza, espadas, amores…, que soe ter de todo e ademais ben misturado. E de vez en cando tampouco está nada mal ver algo que non sexa americano, que hai que repartir.
Esta é unha película do director John Woo (que pode soar máis que os actores, porque algún é coñecido de cara, polo menos para min, pero pouco máis), coñecido polo seu cine maioritariamente de acción, sempre ou case sempre con bastante éxito e que sempre destaca polas coreografías das súas escenas máis movidas. É un director nacido en China no ano 1946 e que comezou a súa carreira na súa terra natal e conta na súa carreira con cerca de 40 películas, a maior parte feitas alá e actuando na maioría delas. En certo momento decide marchar a Estados Unidos, polo ano 1996 e dirixe algunhas películas que o afeccionado ao xénero recoñecerá, poderíamos destacar “Windtalkers”, “Misión Imposible II”, “Cara a cara” ou “Broken Arrow”. Agora voltou para dirixir este filme, “Chi bi”, titulada aquí “Acantilado Rojo”.
Está baseada nun libro histórico “A crónica dos tres reinos” e outros arquivos históricos e era algo que o director quería facer desde hai 20 anos, pero non dispoñía da tecnoloxía, a fama e o mercado necesario para unha película desta magnitude. Cun presuposto de 80 milleiros de dólares, rodada en un ano en 14 provincias de China, John Woo, director, guionista e produtor da cinta tiña moi claro o que quería facer: “O meu obxectivo para esta película é superar as barreiras culturais e históricas, de maneira que o público occidental sinta que está a ver unha versión asiática de Troia, mentres que o público oriental descubra novas perspectivas dunha historia que lle é coñecida. Quería mostrar tamén que somos capaces aquí en China de crear unha película épica do mesmo calibre que unha produción de Hollywood”. Estas son as súas palabras, e tras vela, creo que conseguiu o que pretendía en todos os sentidos.
A historia comeza ao final da Dinastía Han, no 208 a. de C. e conta como o Primeiro Ministro convence ao Emperador para que declare a guerra aos reino do Sur aducindo que o que quere é conseguir a unificación de China, cando o que se esconde é algo moito máis egoísta. O seu exército de case un milleiro de homes derrota con facilidade ao primeiro dos seus inimigos. Estes escapan para aliarse co outro señor das terras do sur e enfrontarse xuntos ao gran exército imperial, refuxiándose e preparándose para o combate na zona que da título á película.
A duración da versión orixinal é de cinco horas, aquí vemos a reducida que dura dúas horas e media pero que a min non se me fixeron nada longas nin pesadas, a verdade é que a historia e sobre todo a estética da dirección atrapáronme de tal xeito que o tempo pasou case sen darme conta.
A cinta ten o aire épico dunha película clásica. As escenas de acción son largas e elaboradas cheas de soldados e obxectos, de movemento, de acción pura pero que non chega a ser dura porque se ve case como un cómic, como unha danza perfectamente plasmada. Imaxinativa e xenial a escena do roubo das frechas, inxeniosa e divertida. Se coñecedes o cine de Woo veredes como nesta cinta non renuncia en absoluto ao estilo que o caracteriza como as pombas brancas, as escenas ralentizadas (pero sen ser nada esaxerado como pasa con outros que abusan excesivamente do efecto “Matrix”), os conxelados de imaxe e outros efectos que son marca da casa no seu cine.
Os personaxes están ben diferenciados, uns marcados pola ambición e outros polo honor e a paixón, certo é que non teñen demasiados matices, simbolizan estes valores positivos ou negativos e pouco máis, pero tampouco é o que importa. De todos eles destaca, porque quizais sexa o único un pouco máis complexo, o humanista e estratega que axuda aos militares en todo o que ten que ver coa planificación dos combates.
É máis que entretida e divertida, co aire das películas feitas á antiga, chea de estratexias inxeniosas e de momentos tremendamente espectaculares e impresionantes con miles de soldados de ambos bandos loitando, centrándose nos heroes da historia e os seus antagonistas. A pantalla énchese de espectacularidade con escenas nas que non cabe ninguén máis, o número de elementos humanos, máquinas, barcos… que desfilan pola pantalla e enorme.
E entre toda esa violencia aparecen eses momentos calmados tan típicos do cine oriental, con esa filosofía da calma, da paciencia e da meditación, non gaña o que máis soldados ten, senón o que pensa máis e espera o momento adecuado. O neno que toca unha frauta e os soldados paran o seu adestramento para escoitalo, os dous solados que tocan a dúo e envolvendo todo unha banda sonora que realza o ton épico da cinta.
Se hai unha palabra que poida resumir a cinta é elegante, é unha película de guerra fundamentalmente, pero cuns combates tan ben feitos que as veces parece que estamos a ver a uns bailaríns interpretando unha danza xenial onde todo está medido e calculado para impactar ao espectador e, ao mesmo tempo, manter esa idea de elegancia, coas bandeiras ondeando ao vento en perfecta harmonía, cos soldados movéndose baixo os seus escudos como se foran un so, sen que nada en absoluto rompa un xenial marco estético.
De todos modos, se non vos gustan demasiado este tipo de cintas non vola recomendo, pero se queredes ir ao cine a pasar un momento realmente bo, de entre todo o que nos brinda a carteleira neste momento eu recomendaría esta.

Posted in Cine | Leave a Comment »