Libros, cine e televisión

Comentarios sobre o que vexo e leo

  • Agora estou a ler

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

  • Visitas

  • Arquivos

  • Categorías

Archive for the ‘Cine’ Category

“Super 8”

Posted by romeroig o 24/08/2011

Hoxe vai outra de cine. Hai anos o do cine en verán era un pouco triste, as estreas mais comerciais quedaban reservadas para outras épocas do ano e non era nada fácil ver algo de cine máis ou menos decente nesta época. Desde hai un tempo esta dinámica cambiou un pouco e as grandes compañías do cine americano deixan unha boa parte das súas películas máis comerciais para esta época. Se a iso lle sumamos que por estes lares estamos a ter un verán máis ben frouxo imos máis ao cine nesta época que noutras, á vista está porque xa pasaron por aquí varias cintas recentes. Nesta semana dúas veces, así que vou deixar este comentario da máis recente e a outra para dentro duns días. Hoxe toca “Súper 8”, cinta que recomendo a todos os afeccionados ao xénero de ficción e aventuras, a nós gustounos moito.

Cando lin que un dos, para min, mellores guionistas de series de televisión relacionadas coa ciencia ficción e as aventuras pasábase ao cine pensei en que outros moitos fracasaron neste paso, aínda que parecidos son mundos distintos. Na televisión, por ser series longas, podes traballar máis as cousas, ser menos directo e darlle máis voltas; no cine tes que tentar concentrar as cousas en pouco máis de dúas horas de proxección e iso, para unha persoa acostumada as temporadas das series televisivas pode non ser sinxelo. Por outro lado falamos dunha persoa que ata certo punto revolucionou algo este mundo das series. Falo de J. J. Abrams, ao que moitos coñecerán sobre todo por dúas producións televisivas con gran cantidade de seguidores en todo o mundo, “Perdidos”, e “Fringe”, ambas entre as miñas favoritas (de paso recomendo encarecidamente a terceira temporada desta segunda que menciono, realmente boa, chea de sorpresas e xiros inesperados). Creo que podemos consideralo un dos renovadores da ficción en terras americanas e cunha forma de facer as cousas bastante persoal e recoñecible en moitos aspectos. A súa primeira incursión no cine como director foi “Misión Imposible 3”, para min unha película fallida e que no tiña moitas cousas que destacar. Pero a estrea da nova versión de “Star Trek” no 2009 creo que foi moito máis atinada, renovando un clásico e dándolle un aire novo. Esta nova película como director conta ademais cun guión escrito por el mesmo (non como nos casos anteriores) e nótase a súa man e a súa mente en moitos dos aspectos da película, ten ese aire Abrams que como digo pode verse nas súas series. Conta ademais coa colaboración na produción dun dos directores que penso que máis fixeron polo cine de ficción e entretemento e que hai tempo que non nos deixa nada novo, falo de Steven Spielberg. Nada malo podía saír desta unión entre un director que podemos considerar xa case como un clásico do cine moderno e outro que pode recoller a testemuña pero poñendo algo propio no que fai.

A historia é bastante simple. Joe é un rapaz cuxa nai acaba de falecer nun accidente na fundición na que traballaba, ademais o seu pai é un dos policías do pobo. Ten un grupo de amigos moi afeccionados ao cine, sobre todo Charles, que soña con ser director. Por esa razón os cinco amigos están metidos na dirección dunha película de zombis para participar nun concurso de cine para directores novos. Eles encárganse de todo, dirixir, actuar, maquillaxe…, coa súa pequena cámara de super 8. A todo isto a acción transcorre no ano 1979, perfectamente ambientada non so polos lugares onde transcorre, senón tamén por unha banda sonora de temas da época moi coñecidos, de aí tamén que non usen tecnoloxía dixital nin nada moderno, a época marcará a forma de facer as cousas e o título da mesma. A primeira cinta que gravan terá que ser vista varios días despois, o que tardan en revelala nunha tenda de fotografía (algúns aínda recordarán isto). Convencen a unha rapaza, Alice, para que se encargue de darlle o toque feminino á produción. Unha noite saen a gravar algunhas escenas a unha estación de tren, e chegada de un será o marco ideal para desenvolver a escena, pero nese momento unha camioneta impacta contra o ferrocarril e desátase un tremendo accidente (as imaxes do mesmo son realmente espectaculares) que traerá consigo o fío central da historia. Algo viaxa nese tren, non sabemos que é, pero si que empezarán a pasar cousas estrañas e misteriosas, desaparicións e a intervención, como non, dos militares tentando esconder algo. Durante o accidente a cámara cae ao chan, pero a filmación seguirá e parte do que pasa quedará recollido nesa cinta. Se queredes saber que é teredes que ir vela, eu non penso contalo.

A historia non é nada orixinal. Do mesmo modo advirto que xoga con moitos tópicos e lugares comúns do cine deste tipo. Podemos atopar momentos relacionados con películas clásicas como “ET”, “Encuentros en la tercera fase” e a historia do neno que queda orfo de nai cun pai que queda pechado en si mesmo e non se preocupa demasiado do seu fillo é outro elemento máis que visto. Nalgunhas críticas lin, antes de vela, que moita xente falaba dela como unha posta ao día dunha cinta que moitos recordarán, “Los Goonies”, un clásico do cine de aventuras protagonizado por grupos de amigos adolescentes. En certo modo podemos vela así, pero so en canto á idea do grupo de protagonistas e as aventuras, esta de hoxe paréceme algo máis seria, cando “Los Goonies” tiña máis un aire simpático e divertido con algúns momentos de tensión. Non quero que se vexa isto como un aspecto negativo da cinta, porque para min non o é. Certo que quizais se bote en falta algo máis de orixinalidade e as veces ten un a sensación de ver cousas que xa viu antes varias veces, pero o mérito é que esa mistura quede máis como unha homenaxe que como unha imitación. Aínda así o desenvolvemento da mesma, a historia, o plantexamento e a dirección danlle un aire o suficientemente decente como para que mereza a pena.

Quizais o mellor da historia, ademais da dirección, sexan os actores. É desas cintas nas que os actores non son case coñecidos, pode soarnos algunha cara, pero non hai grandes nomes. Todos os personaxes que encarnan ao grupo de adolescentes protagonistas parecéronme realmente bos, a pesar de que nalgún momento deume a impresión de que a dobraxe ao castelán estragaba algunha escena soando algo forzado e pouco natural, pero so en certos momentos. Os dous personaxes centrais, Joe e Alice, gustáronme moito, moi naturais e expresivos e convencendo realmente ao espectador do que están a facer. Tampouco podía faltar neste tipo de grupos o chico “excéntrico”, neste caso afeccionado ao lume e ás detonacións, Cary, que é o encargado de relaxar os momentos de tensión ou perigo coas súas ocorrencias e saídas. O resto, fóra deste grupiño, tamén cumpre perfectamente, demostrando que non hai que ter actores de renome para facer algo decente e ben interpretado. Outra cousa que destacaría é que ten un aire de película dos anos oitenta, con efectos especiais simples, nada demasiado espectacular, axudando así aínda máis a darlle credibilidade ao desenvolvemento da trama. Ese aspecto de película de hai anos gustoume moito tamén e penso que tiña que destacalo.

A min, aínda que me recoñezo seguidor deste tipo de cine, pareceume unha película destacable, interesante, entretida e recomendable. Avalada por Abrams e Spielberg, como dixen ao principio, non podíamos esperar algo malo ou aburrido. É cine de entretemento pero cunha certa calidade, con algúns momentos orixinais a pesar de manexar, como dixen, moitos momentos comúns do cine de aventuras. Non creo que lle sobre nada e tampouco que lle falte, cumpre co que promete sen pretender pasar á historia do cine, deixando un bo sabor de boca no espectador. Agora teredes que ir vela, a ver se vos convence tanto como a min, xa mo diredes.

Advertisement

Posted in Cine | Leave a Comment »

“Transformers 3. El lado oscuro de la luna”

Posted by romeroig o 08/07/2011

 

Outra de cine. Cando era máis novo e so había unha cadea e media de televisión a oferta cinematográfica para público xuvenil eran as películas de vaqueiros, piratas e as de espadachíns, as que máis me gustaban. Era basicamente cine de aventuras entretido e para nós espectacular. Hoxe teñen o equivalente a aqueles xéneros en outros con moito máis uso dos efectos especiais e quizais con argumentos algo máis simples, aínda que se somos sinceros e as comparamos tampouco é que os de aquelas de antes foran demasiado complicados. Cando queremos ir ao cine todos os de casa sempre dependemos do gusto dos meus fillos, claro, que son os que ao final teñen a decisión máis ou menos. De vez en cando eliximos nós con intención de que vexan algunhas cousas distintas, pero o normal é buscar algo entretido que máis ou menos poida gustar a todos. Isto pasou esta última fin de semana, tendo en conta que o tempo non era demasiado veraniego tocou cine. Estamos en verán e a carteleira está chea de películas “familiares” que buscan entreter sen demasiadas pretensións máis, pero como dixen máis dunha vez, creo que esa é unha das funcións principais deste espectáculo. Así que fomos ver “Transformers 3”, subtitulada como “O lado escuro da lúa”.

 

 É a terceira entrega baseada nos coñecidos xoguetes, eses que se transforman de coches en robots con características humanas e que hai que recoñecer que teñen o seu encanto, menos canto toca coller o robot e cambialo a coche, algo que moitos pais recoñecerán como algo realmente complicado, porque ademais o folleto que os acompaña parece feito por enxeñeiros da NASA en lugar de para nenos. Vin as dúas anteriores e non estaban mal, sen ser nada doutro mundo estaban entretidas e tiñan unha certa calidade dentro do xénero, pero cumprían. Creo que neste caso foi mellorando lixeiramente co tempo e non cumpren a premisa de que a medida que collen números van sendo peores. Esta terceira foi a que máis me gustou, igual que aos meus fillos, tendo sempre en conta o tipo de cine do que estamos a falar. Penso que dentro deste está algo por riba da media, un bo medidor é dicir que dura algo máis de dúas horas e media e non se nos fixo nada longa a ningún, esgotadora, iso si, pero non longa.

 

 Os personaxes son os xa coñecidos nese eterno enfrontamento entre o ben e o mal. Por un lado temos aos bos, os Autobots, que axudan aos humanos na súa loita contra os malos, os Decepticons. Como sempre ata pola súa imaxe son facilmente distinguibles, uns de cores vivas, atraentes e os outros moito máis escuros e sinistros. Nesta partimos da base de que a guerra espacial entre americanos e rusos dos anos 60 ven motivada pola aterraxe forzosa dunha nave espacial na cara oculta da lúa. É unha nave que escapou do planeta dos Transformers durante a guerra mantida entre ambos bandos polo dominio do mesmo e que motivou a súa destrución. Nela levan, ademais de a un novo personaxe, algo que lles permitiría transportar todo tipo de cousas desde o seu planeta de orixe a onde queiran. Isto vai provocar de novo un enfrontamento entre os dous grupos de Transformers, un liderado por Optimus Prime e o outro por Megatrón, acompañados dos robots habituais e algún novo. Por suposto Sam Witwicky, o humano que tomou contacto con eles na primeira, é outro dos personaxes centrais e que terá unha importante intervención no desenvolvemento da historia. A partires de aquí empezará unha espiral de acción, disparos, loitas e escenas espectaculares que xa non parará ata o final.

 

 Evidentemente non é unha película na que destaquen os actores nin o argumento. Prima a acción e os efectos especiais sobre calquera outra cousa, pero aínda así é sorprendente a nómina de actores que aparecen nela e que supoño que coa súa intervención tentan darlle un aire algo máis serio á historia, aínda que tampouco é que o consigan demasiado, pero fai gracia. Digo isto porque os fundamentais son os mesmos que nas anteriores, incluído o papel de Simmons, interpretado por John Turturro, que pasa de axente estatal a traballar pola súa conta como un ser algo lunático e especial, pero sempre simpático. Pero un non pode evitar poñer unha certa cara de sorpresa cando ve aparecer a John Malkovich nun papel secundario que tamén ten a súa gracia; a Frances McDormand como axente de enlace cos Autobots tamén cunha actuación que ten a súa gracia polo histriónica ou a Patrick Dempsey como o multimillonario para o que traballa a noiva do protagonista. Pero unha das maiores sorpresas é a aparición de Buzz Aldrin, o astronauta, interpretándose a si mesmo. Xa digo, moitos actores coñecidos que quizais tentan darlle algo máis de empaque e atracción a unha cinta que non busca máis que o puro e duro entretemento, sen demasiadas pretensións máis.

 

 O director é Michael Bay, especializado neste tipo de producións de acción, director que se deu a coñecer con películas como “Armaggedon” ou “Pearl Harbour”. Creo que é un bo director de escenas de acción, capaz de mover gran cantidade de elementos, pero que as veces cae na esaxeración, en pasar un pouco el límite e mover tal cantidade de cousas que poden facer que o espectador pérdase nalgún momento. Aínda así penso que está algo por riba doutros directores deste tipo de cine, así que as súas películas, aínda que non pasarán á historia do cine, sempre teñen un mínimo de calidade que fan que non decepcione e non aburra.

 

 Para os que vimos como foron evolucionando os efectos especiais en todos estes anos segue a ser sorprendente o que poden conseguir. Non deixa de chamarme a atención todo o que se pode facer neste momento nese campo. Certo é que en moitos casos eses efectos dominan sobre outras cousas máis importantes, como pode ser o argumento, pero neste caso estamos ante unha verdadeira marabilla visual, xa non sei que máis se pode facer, pero cada vez que vexo unha película deste tipo observo unha evolución que non sei a onde chegará. A presencia dos Transformers nestas tres historias vai sendo cada vez maior e as escenas nas que interveñen cada vez de máis duración e con moito máis detalle. Pouco ten que ver o que aparecía na primeira co que pasa nesta. As transformacións cada vez son máis rápidas e espectaculares e coidando cada vez máis o detalle. A súa presencia dentro da cidade e interactuando cos humanos é cada vez maior e resulta completamente crible. Os enfrontamentos que hai entre varios deles parecéronme alucinantes, a verdade. As escenas de acción, usando cada vez máis a cámara lenta, son moi boas e as veces un dubida de que o que está a ver non é máis que unha animación dixital, moi ben feita. Neste sentido é do mellor que teño visto nos últimos anos.

 

 Cine de verán, de acción, de palomitas e espectáculo. Pareceume bastante entretida e sobre todo espectacular, visualmente impresionante e con algúns momentos realmente bos. Resulta esgotadora en canto á cantidade de movemento e acción que ten, porque como xa dixen a historia é simple. Recomendable para pasar un bo rato en familia, polo menos a nós gustounos bastante a todos. Iso si, é para ver no cine, esta si que perde moito se a deixamos para a pequena pantalla da televisión. Non sei como resultará en 3D, non somos demasiado afeccionados á velas así e preferimos o formato de sempre. Se o verán non vai demasiado ben en canto ao tempo non é unha mala alternativa para unha tarde na que non se teña demasiado claro que facer.

 

Posted in Cine | Leave a Comment »

“Un cuento chino”

Posted by romeroig o 30/06/2011

 

En Vigo a oferta cinematográfica podemos dicir que non é escasa, aínda que tampouco é para tirar foguetes. Como na maior parte dos sitios o 90% de carteleira dedícase ao cine americano, ao que por este blog é evidente que son afeccionado, non o vou negar. Pero é complicado ver outro tipo de cine, outro estilo e sobre todo de outras nacionalidades. Soamente nos queda un pequeno cine que se sostén a medias onde se poden ver outras cousas. De todos modos hai cinematografías e actores que conseguen que as súas películas poidan verse dentro dos circuítos máis habituais, aínda que as veces poidan quedar eclipsadas por esas grandes producións e a espectacularidade que case pecha outras posibilidades. É o caso da película que fomos ver esta última fin de semana, que penso que sería unha pena que quedase oculta entre estas outras. Cando digo que hai actores que conseguen facerse un oco conto ao protagonista desta de hoxe, o arxentino Ricardo Darín, un deses actores que me gustan sempre e que alterna películas digamos máis “serias” con outras un pouco máis suaves, pero que non decepciona nunca, e nesta en concreto non o fixo en absoluto, xenial coma sempre. A película é unha estrea recente, espero que podades vela antes de que desapareza da carteleira, na sala na que estivemos eramos pouco máis de vinte persoas e iso ao día seguinte da estrea, unha pena, titúlase “Un cuento chino”.

A historia é simple. Roberto é un home que ten unha pequena ferretería das de toda a vida, lonxe das grandes cadeas, un negocio familiar que atende persoalmente. É un home huraño, protestón, que vive so porque quere e así o decidiu, maniático e moi metódico (apaga a luz todos os días ás once en punto da noite, nin un minuto antes nin un despois). A súa vida redúcese ao seu traballo e aos poucos clientes que van mercar catro cousas á tenda. Perdeu a súa nai cando naceu el (pero nunca a esqueceu, cada día polo seu cumpreanos ponlle unha pequena figura de cristal na vitrina na que tamén ten unha foto dela) e era moi afeccionada a coleccionar cousas, costume que el tamén ten. Entre xente que tenta ser a súa amiga pero á que rexeita; Mari, unha rapaza que é evidente que está namorada del pero á que tenta manter a unha certa distancia e os clientes “pelotudos” desenvolve o seu día a día. Pasa os días contando os parafusos ou as puntas das caixas dos provedores e reclamando, porque nunca veñen os que teñen que vir, todos son iguais, levantarse, almorzar sempre o mesmo, atender a tenda e pouco máis. Cada día tráenlle os xornais de varios sitios, o alimento da súa maior afección ata o momento, recortar noticias ridículas, esaxeradas, curiosas, incribles e poñelas nunha serie de álbums. Outro dos seus entretementos é ir no seu coche e aparcar ao lado das pistas do aeroporto, ver aterrar e despegar os avións…; pero un día algo vai pasar, algo que cambiará por completo a súa vida, a súa rutina, as súas relacións e a súa forma de ver a vida. Un taxi deixa a un chino tirado un pouco máis adiante de onde está el. Cando o ve é incapaz de non facer nada, pero o problema é que o chino non ten nin idea de castelán e, claro, Roberto non sabe unha soa palabra de chino. Terá que esforzarse por facerse entender, con moitas dificultades, claro. E así, a base de xestos, desesperación, enfados e situacións ridículas vai nacer unha relación entre eles que fará que moitas cousas cambien para Roberto e o seu entorno. Como noutros casos non quero contar moito máis, é mellor ir vela e ver por onde van os camiños de dúas persoas distintas, que case non se entenden e como acabará a historia.

O director é Sebastián Borenzstein, con algunha película máis anterior e producións para televisión, é a primeira película súa que vexo, pero mantén esa liña de cine arxentino tranquilo, delicado, suave, pausado e cun certo compoñente crítico que aparece en varios momentos, igual que ese humor negro que se está a facer tan característico das producións dese país e que penso que por aquí entendemos moi ben.

No que se refire aos actores non imos agora descubrir a Ricardo Darín, un actor xenial e que lle da un aire de calidade a calquera cousa na que aparece. Aquí está moi ben, na súa liña, recreando perfectamente a ese ferreteiro solitario, con mala uva, que vive metido en si mesmo e con medo a abrirse, saír do seu mundo, namorarse, pechado a calquera cousa que altere a súa vida diaria. Ten momentos realmente bos, como no que se enfronta á policía que non quere facer demasiado polo pobre chino e tamén todos aqueles nos que aparece un cliente “pelotudo” na súa tenda, ou cando vai ao Consulado Chino xa desesperado porque ninguén lle bota unha man. É un actor que so cos ollos nun segundo transmite máis sensacións que outros en hora e media de película, así que sempre merece a pena. Pero Ignacio Huang, o actor que fai do chino que aparece na vida de Roberto foi todo un descubrimento encarnando a Jun, non di unha soa palabra en castelán en toda a película, pero chega un momento no que case entendes á perfección o que quere dicir. Ten unha cara enormemente expresiva e transmite en todo momento con mestría as situacións de agobio, tristeza, de alegría perfectas en cada escena. O mellor da cinta son as situacións nas que están os dous xuntos, que compoñen a maior parte da película, a comunicación ou falta de comunicación sobre todo ao principio, vai quedando pouco a pouco compensada polos esforzos que fan, sobre todo Roberto, para chegar a un bo final. E logo temos a Muriel Santa Ana, que fai o papel de Mari, unha muller que está namorada de Roberto e que non está disposta a renderse ante o medo de este ao compromiso, a manter unha relación con alguén, a ter unha vida algo máis feliz e chea que a que ten. Claro que el ten as súas razóns, a súa vida marcou moitas cousas e iso é algo que teredes que descubrir ante a pantalla.

Non é unha marabilla, non é a mellor película que se pode ver neste momento e non quedará entre as grandes producións de Darín, pero si que é unha cinta que merece a pena ver, xa sexa no cine ou en DVD na casa dentro duns meses. Garante que estaredes toda a metraxe cun sorriso, a veces de moderada tristeza e outras de alegría, e que sairedes do cine con ese leve aire de contento co que un sae cando ve algo que lle di algunhas cousas e no fondo merece a pena. A súa estrea en Arxentina non esperaba o éxito que tivo, era case unha película menor que foi crecendo gracias ao público. Creo que neste maremagnum de cine espectacular e falto de argumento merece a pena sentarse un rato a ver algo distinto, máis calmado, máis suave pero moi entretido e con momentos realmente bos. Non da máis nin menos do que promete, é unha película lenta pero que non cansa nin aburre en ningún momento, para gozar de varias actuacións moi destacables e sobre todo convincentes e dun argumento con máis dun momento orixinal e inesperado. Eu recomendaríaa, sobre todo para escapar dese outro tipo de cine que, aínda que tamén me gusta, as veces cansa un pouco; para ver algo distinto. Non creo que vos decepcione.

Posted in Cine | 2 Comments »

“X-Men: Primera Generación” – “Piratas del Caribe 4: En mareas misteriosas”

Posted by romeroig o 10/06/2011

Hoxe vou comentar dúas películas polo prezo dunha. É que estas dúas últimas fins de semana tocou cine, a da semana pasada despistóuseme pero vai agora. Tamén é certo que non me gustou demasiado, así que primeiro comento algo da que si me gustou e a outra queda para o final.

Outra de superheroes, xúntanse as estreas e xa dixen que estas non as deixo pasar. Neste caso é unha estrea do último venres, así que seguramente cando leades este comentario aínda estará en carteleira, por se vos apetece vela. Falo de “X-Men: Primeira Xeración”. É a cuarta entrega que circula ao redor do mesmo grupo de personaxes, para min unha das mellores series do cómic que hai neste terreo e á que sempre fun moi afeccionado, quizais a que máis. Claro que na miña época eran coñecidos como a “Patrulla X”, pero agora coa moda de poñer as cousas en inglés pasaron a ser os “X-Men”. As dúas primeiras foron dirixidas por Bryan Singer, que neste cede a testemuña a Matthew Vaughn, que curiosamente ata agora é máis produtor que diretor, intercambiando papeis, xa que nesta o primeiro é o produtor. As de Singer parecéronme moi decentes e entretidas, máis a primeira que a segunda, pero en xeral respondían bastante ben á idea que os seguidores do cómic podían ter, os personaxes estaban moi ben elixidos e os argumentos, tendo en conta do que estamos a falar, non estaban mal. Máis decepcionante para min foi a dedicada a un dos integrantes deste equipo que máis me gusta, Lobezno, pareceume frouxa en moitos sentidos, tanto de guión como de entretemento. Así que cando vin que estaban preparando esta digamos que tiven algúns reparos, a ver se o declive iniciado coa anterior seguía ou decidían facer algo cun pouco máis de calidade. Pois penso que acertaron, porque se fago un listado de películas deste xénero esta quedaría entre o segundo e o terceiro posto. O primeiro é, inevitablemente, para a última versión de Batman, “O Cabaleiro Escuro”, que me pareceu unha película redonda en todos os sentidos, creo que realmente boa. Agora recordo que é a quinta entrega, pero no medio quedábame a terceira entrega de “X-Men”, queda claro que non me gustou demasiado porque case nin a recordaba.

Non nos imos atopar aquí co grupo dos heroes máis coñecidos deste equipo, polo que pasaron gran cantidade de personaxes. Quero dicir que aviso que aquí non imos ter a Lobezno, Cíclope, Tormenta… Os dous únicos que repiten son Magneto e o profesor Charles Xavier, case o antagonista e o protagonista da coñecida saga. A acción transcorre nos anos sesenta, inmersos na guerra fría entre Estados Unidos e Rusia e a crise dos mísiles, que neste caso ten como instigador a un mutante, o “malo” da película. Xavier é un científico centrado no mundo das mutacións xenéticas; mentres Erik Lehnsherr é un neno xudeu que ve como os seus pais son levados a un campo de concentración, momento no cal se manifestará a súa mutación, será o futuro Magneto. Adestrado por un científico alemán, Sebastian Shaw, conseguirá desenvolver eses poderes. Nunha investigación a CIA descobre algo raro e encarga ao profesor Xavier que investigue e localice a mutantes por todo o mundo así imos asistir ao nacemento do grupo que coñeceremos despois como “X-Men” e veremos tamén de onde xurden e que razóns de ser teñen moitas das cousas que vimos nas películas anteriores e nos cómics. Tamén ten como tema central a idea dos mutantes como xente distinta aos demais e as sensacións, problemas e situacións que iso lles provoca; céntrase bastante neste tema, pero está tratado de tal maneira que non fai que a cinta sexa nada pesada, ao revés, as algo máis de dúas horas que dura pasáronseme nun suspiro, o que é un bo sinal. Saberemos moitas cousas e darannos algunhas explicacións, por exemplo o porqué da relación que vimos entre Magneto e o Profesor X, amigos e inimigos a un tempo. Non quero contar máis, é mellor que a disfrutedes, porque desde o meu punto de vista é bastante recomendable, e imprescindible para os afeccionados a o xénero.

 No que se refire aos actores, desde o meu punto de vista, hai dous que destacan por riba dos demais. Os malos destas historias soen ser moi atraentes e neste caso o papel de Sebastian Shaw está interpretado por un actor que sempre me gustou bastante e ao que hai tempo que non vía nun cine, Kevin Bacon, creo que está estupendo e é un dos elementos centrais da historia. O outro que destaco é o actor que fai o papel de Magneto, Michael Fassbender, creo que promete (aínda que tamén e da a impresión de que pode ser un deses casos nos que sempre lle dean o mesmo tipo de papeis). Posiblemente sea a mellor actuación da historia, porque tamén é o personaxe que ten máis que mostrar, máis torturado, vingativo e contraditorio nalgunhas ocasións, gustoume moito. Algo por debaixo estarían, aínda que tampouco quero dicir que estean mal, porque en xeral todos me gustaron moito. James McAvoy interpretando ao profesor Charles Xavier e moitas caras coñecidas do cine e a televisión que igual de nome non soan, pero si as súas caras. Entre as máis coñecidas, January Jones no papel da seria e imperturbable Emma Frost; se polo nome non vos soa direivos que é a esposa de Don Draper na magnífica serie “Mad Men”, paseando o seu porte e convertíndose nunha muller de diamante puro, fría como o aceiro en todo momento. En plan curiosidade ata temos a un actor español entre os mutantes do grupo dos malos, Álex González, interpretando a Riptide, aínda que se non recordo mal non ten unha soa liña de diálogo, pero aínda así chama a atención nalgúns momentos. A pesar de que destaco a dous actores algo por riba do resto unha das mellores cousas é o reparto en xeral, a media é alta en todos eles e non hai un so dos personaxes que rebaixe esa idea, están todos perfectamente conxuntados e penso que bastante ben dirixidos.

 Outra das cousas que destacaría e que, a pesar de ser unha cinta de superheroes mutantes con poderes, non se converte nun delirio visual de efectos especiais en plan enorme espectáculo. Ten momentos espectaculares, pero penso que se centra máis na historia e nos personaxes e estes efectos son so un aderezo necesario para o desenvolvemento do argumento e as relacións entre os personaxes. Quero dicir que, tendo en conta o dito, mantense dentro dunha liña de verosimilitude, case de realidade que resulta bastante convincente.

 Así que é moi recomendable para os afeccionados e para os demais penso que poderían vela tranquilamente, van pasar un rato moi entretido e con momentos realmente bos.

 

A semana anterior fun con moitas ganas, e algo de medo tendo en conta a liña que estaba a tomar, a ver a cuarta entrega de “Piratas del Caribe”, subtitulada “En mareas misteriosas”. Xa digo de entrada que non me gustou demasiado, esperaba algo máis e a decepción foi bastante grande. A primeira é unha desas películas que chamou moito a atención, tiña unha boa historia, era moi entretida, moi divertida e con momentos realmente xeniais, falando sempre desde o punto de vista do cine como un mero entretemento, penso que cumpría con creces esa idea. A segunda e a terceira tiñan os seus momentos, aínda sendo algo máis irregulares. Claro que non contaban xa coa capacidade de sorpresa da primeira, moitas das cousas eran xa esperables e aínda así me gustaron bastante, pero en orde descendente, é dicir, cada vez me convencían menos. Claro que a presencia de Johnny Deep compensaba moitas cousas, creo que o capitán Jack Sparrow é un deses personaxes xa clásicos dentro da historia do cine, sempre e cando non acaben con el nalgunha película máis, porque como non cambien de director e guionistas acabará por ser unha caricatura de si mesmo, e iso que o personaxe xa é unha caricatura completa.

 Quero dicir que me aburrín véndoa, que creo que é o peor que se pode dicir dunha película que o que busca é entreter e divertir ao espectador. Pareceume lenta, falta de ritmo, con escenas metidas a golpes e incluso sen demasiado sentido, repetindo case as mesmas gracias dalgunhas das anteriores e sen demasiada orixinalidade. Falta de emoción, cun guión collido polos pelos e con personaxes metidos dentro da historia non se sabe moi ben con que intención. Creo que sorrín un par de veces, pero so leves sorrisos, e penso que non fun o único na sala ao que lle pasou o mesmo. Se lle quitamos a Johnny Deep perdería o pouco interese que ten e incluso con el non ten demasiado, non se pode vivir de enganar ao espectador dándolle máis do mesmo e, se se fai, debería ter algo máis para poder mantelo. Non sei se haberá algunha máis, aínda que a recadación desta parece que non é tan mala como penso que merece, pero como dixen antes se queren convencer á xente terán que facer algo máis. Nada comparable á que comento antes, que ten suficientes elementos novos e distintos como para manter á xente pendente e esperar a ver se hai outra máis despois para ver que pasa cos personaxes.

 Incluso actores que son deses que sempre gustan, como é o caso de Geoffrey Rush quedan aquí case como actores do montón, porque non ten un so momento no que chame a atención. O papel feminino da historia é interpretado por Penélope Cruz, soada intervención desta actriz nunha cinta americana de alto presuposto. Vou dicir que non está mal, aínda que tampouco é que sexa un papel para lucirse, pero o problema é que aparece como unha antiga noiva do capitán Sparrow, e a forma de plantexar esta relación tampouco me resultou nada crible, a verdade. O único actor que me chamou a atención foi Ian McShane, que interpreta ao pirata Barbanegra, é o único de case todo o plantel que enche a pantalla nalgúns momentos, chegando a eclipsar a todos os demais.

 Se a anterior queda entre as destacadas deste ano, polo momento, esta non, é mais, non a recomendo case nin para os incondicionais. Ata saín algo enfadado, esta moda de esgotar ata a saciedade certos personaxes ata que non dean un duro en taquilla e queden marcados por esa liña descendente de calidade e entretemento está chegando a un extremo dificilmente sostible. En lugar de buscar novos argumentos, personaxes ou situacións estanse limitando en moitos casos a levar o que funcionou ben ao límite, primando o diñeiro sobre a imaxinación. O cine era unha fábrica de soños, será que non soñan nada novo xa, porque entre versións de outras anteriores e secuelas están enchendo as salas. Algunha excepción hai, pero cada vez menos. Eu recomendaría aos afeccionados a esta serie que a vexan en casa cando a poñan na televisión ou en DVD, mellor gastar o diñeiro en cousas que merezan algo máis a pena.

Posted in Cine | Leave a Comment »

“El factor humano”, de John Carlin / “Invictus”

Posted by romeroig o 10/05/2011


A relación entre o cine e a literatura sempre foi e será moi estreita, moitas películas parten de novelas, con resultados desiguais en ocasións, pero moitas veces interesantes. Isto ven porque hoxe vou comentar un dous en un, unha película e unha novela na que se baseou a mesma, aínda que xa adianto que a película céntrase nos feitos que forman o núcleo da novela e non en toda ela, porque sería realmente complicado. A película é “Invictus”, sei que non é recente e aínda sendo un fan incondicional de Clint Eastwood, no seu momento non puiden vela no cine, así que a vimos hai pouco en casa, encantoume. A novela na que se basea é “O factor humano”, do periodista John Carlin, que acabo de ler recentemente, e que tamén me gustou moito. Tras estas dúas experiencias penso que se hoxe me fan a típica pregunta de a que personaxe famoso gustaríame coñecer non dubidaría na resposta, Nelson Mandela, ten que ser unha experiencia inesquecible e impactante, a verdade.

Non vou comparar en absoluto novela e película, penso que non é o mellor que se pode facer. A cinta parte dos feitos fundamentais da novela, pero esta é moito máis complexa e extensa, mentres que a película céntrase no tema do rugby e Mandela como forma de unir de novo a unha nación dividida e enfrontada por moitos sitios. A novela é unha crónica dunha época histórica realmente dura e nese sentido a historia de todo ese proceso que pasou Suráfrica durante a estancia no cárcere de Mandela e a súa posterior liberación e chegada ao poder é moito máis interesante e aclaratorio que a historia que escolleu Eastwod e a súa maneira de contala. Creo que nesta ocasión ambos productos merecen a pena e deberían lerse con pouca distancia no tempo, cada un que elixa o que prefire antes, a letra escrita ou a imaxe.

John Carlin é, fundamentalmente, periodista. Naceu en Londres en 1956, fillo de pai escocés e nai española. Estudiou na Universidade de Oxford Lingua e Literatura Inglesas, pero desde sempre amosou unha forte inclinación polo periodismo. A súa carreira como tal comezou en 1981 traballando para o “Buenos Aires Herald” e, posteriormente, foi corresponsal en países como México, O Salvador, Suráfrica e Estados Unidos; traballando para a BBC, “The Times”… Gañou o Premio Ortega e Gasset de periodismo no ano 2000. Entre as súas obras podemos destacar “Heroica tierra cruel” (2004) onde reúne crónicas e reportaxes realizados durante a súa estadía en Suráfrica ou “Los ángeles blancos” (sobre o Real Madrid de fútbol e os seus xogadores). Vive en España desde 1998, traballando para o diario “El País” e colabora habitualmente con “The Observer” ou “The New York Times”. “El factor humano”, publicada no ano 2008 en máis de quince países con gran éxito, tanto de crítica como de público, xa que permaneceu durante bastante tempo nas listas dos máis vendidos. Nela vai reflectir, entre outras cousas, todo o seu traballo nos anos que estivo de corresponsal en Suráfrica, entre o 1989 e 1995. Como curiosidade comentar que no ano 1997 escribiu un artigo titulado “Adeus ás armas” sobre a guerra da información e internet, que ía converterse un guión cinematográfico, suspendido tras o ataque ás Torres Xemelgas. Anos despois este artigo foi a base de “Jungla de Cristal 4”, a película da coñecida saga de acción protagonizada por Bruce Willis. De todos modos o propio Carlin recoñece so unha certa fidelidade ao seu artigo nesta cinta.

O título orixinal desta novela é “Playing the enemy: Nelson Mandela and the game that made a nation”, que viría a ser algo así como “Xogando co inimigo: Nelson Mandela e o xogo que construíu unha nación”, simplificado na súa edición española simplemente como “El factor humano”. Para escribilo partiu non so da súa experiencia como periodista nese país durante seis anos, senón tamén dunha serie de entrevistas que fixo entre o ano 2000 e o 2007 a case todos os protagonistas políticos e deportivos da historia neses anos. Así imos ter coñecemento de todo o que pasou antes, durante e despois da estadía no cárcere de Mandela. Todos os movementos políticos, sociais, militares e deportivos deses anos vistos desde todos os ángulos e perspectivas dos grupos da época. O apartheid en Suráfrica foi algo tremendo e que podería derivar nunha auténtica e cruenta guerra civil que podería ter durado ata hoxe, pero no medio apareceu a figura de Nelson Mandela, preocupado so por atopar vías de convivencia pacífica no seu país para rematar dunha ver por todas coas inxustizas. Veremos como, en 1985, Mandela sae do cárcere cunha idea central na cabeza, conquistar a todos na súa rede de perdón e de paz, de esquecemento, dun novo comezo sen ter en conta nada do sucedido antes. El era un dos moitos que podería ter na cabeza unha revolución violenta, unha guerra contra os que os oprimiran durante anos, maltratado, segregado e tratado como se foran auténticos animais. O problema é que non tiña que convencer so aos que se opoñían a el, senón aos seus propios compañeiros de raza, xa que moitos deles querían unha auténtica vinganza contra os brancos, unha vinganza contra anos de violencia, de asasinatos, de opresión brutal. O bo é que todos tiñan medo, foran brancos ou negros e Mandela tiña que convencelos a todos, cos moi distintos bandos que había en cada lado, de que tiñan que esquecelo todo e partir de cero. Unha das cousas que usou para conseguir ese obxectivo foi o rugby e o equipo nacional sudafricano, integrado case exclusivamente por brancos e que a poboación autóctona de Suráfrica non consideraba como nada seu. É máis, cando xogaban contra equipos doutros países animaban aos rivais e non ao equipo sudafricano. Pero esa foi outra das súas conquistas, con moita sabedoría, paciencia, control e perdón conseguiu algo que parecía imposible, unha transición pacífica cara a unha situación dunha certa convivencia tras anos e anos de enfrontamentos. Sabía que tiña que conseguir que se uniran buscando un elemento emocional e atopouno no deporte, conseguindo o seu obxectivo. De todos modos a novela de Carlin non está centrada nestes feitos, senón que aparecen moitos máis. Imos coñecer perfectamente a situación antes deste milagre, todo o que pasou mentres Mandela estaba no cárcere e os abusos e a violencia eran continuos e todo o que pasou tras a súa saída e o seu nomeamento como presidente.

Dicir que non é exactamente unha novela, é máis unha crónica narrada polo autor partindo das súas propias experiencias e das entrevistas que mantivo con moitos dos implicados nese momento histórico e en todo o que pasou. Desde ese punto de vista é unha narración, sen diálogos, un pouco seca e concisa a veces pero sempre interesante e apaixonante. A cantidade de personaxes é moi grande, porque moitos foron os que desde varios sitios, momentos e puntos de vista interviñeron en toda esa historia. Veremos como Mandela, dunha maneira ou doutra, foi conquistándoos a todos con seu magnetismo, a súa calma e capacidade para facer que a xente vira as cousas dunha maneira completamente distinta á que tiñan orixinalmente. A min pareceume un relato moi interesante, ameno en moitos momentos e moi emocionante noutros. A conclusión que podo sacar é que é unha pena que so haxa un Mandela, porque con algúns máis como el moitas situacións internacionais poderían rematar dunha maneira moito mellor para todos.

No que se refire á película de Clint Eastwood está centrada so na parte na que Mandela usa o rugby e o Campionato do Mundo como unha forma de conseguir o seu obxectivo, unir a todos. Nese sentido é moito máis simple que a novela de Carlin, xa que sería imposible abarcar todo o que o autor cóntanos. Pareceume unha película magnífica, con esa habitual calma e sensibilidade de Clint Eastwood, con esas tomas habituais nel e o piano soando de fondo en moitas escenas. A interpretación de Morgan Freeman é impresionante, cravando ao verdadeiro Mandela en todos os sentidos, un actor que sempre me pode sorprender e con tal cantidade de rexistros que fai del un dos imprescindibles. Matt Damon da vida ao capitán dos Springboks, François Pienaar, moi ben tamén nese papel dese home sobre o que recae a responsabilidade de levar ao equipo á vitoria, sabendo que eses partidos son moito máis que un mero xogo, xa que Mandela encárgase de facerlle saber o que pode conseguir. Pareceume unha película estupenda, cun montón de escenas que se te quedan gravadas, desas que logo dan para falar e falar sobre unha escena, unha frase ou un diálogo. De todos modos quédome cun par de escenas case ao final que resumen case todo con esa mestría e simplicidade das que neste momento so me parece capaz este director. Mentres se celebra o partido un rapaz negro ronda un coche con dous policías brancos mentres recolle botellas. Nun primeiro momento os policías bótano de malos modos, pero a medida que avanza o partido vaise achegando pouco a pouco a eles, son escenas duns segundos pero que marcan un momento, ata que ao final acaba sentado no capó do coche, escoitando o partido con eles e celebrándoo ao final, pareceume realmente xenial.

Podería estenderme máis, pero penso que xa foi bastante. Creo que co dito xa está claro que ambas, novela e película, son moi recomendables, eu case as cualificaría de imprescindibles para os que lle guste a novela, a historia, o cine… Penso que son a novela e película que mellor poden exemplificar o tema do perdón, un perdón incondicional cun obxectivo, a convivencia pacífica. Moito se podería aprender de todo isto.

Posted in Cine, Libros | 1 Comment »

“Thor”

Posted by romeroig o 04/05/2011


Sempre me gustou ler tebeos e cómics, cando era máis novo sempre tiña un a man, compartíndoo, iso si, con algún libro, que na variedade está o gusto. Chegado certo momento os meus gustos inclináronse polos superheroes, e creo que lía case todo o que saía do xénero, non vou listalos aquí porque sería demasiado longo, pero penso que dos que había naquel momento non houbo un que non lera. Agora os leo menos, a verdade, non por ningunha razón en concreto, sobre todo por unha cuestión de tempo, porque seguen a gustarme. Desde hai uns anos moitos destes personaxes xa clásicos están pasando ao cine, en xeral con adaptacións decentes, unhas mellores que outras, unhas máis entretidas, pero a verdade é que non deixo pasar ningunha. De momento gustáronme practicamente todas e algunha xa apareceu comentada por aquí. Ven esta introdución ao comentario de última película que vimos no cine, estreada recentemente, e á que lle tiña ganas, a verdade, e non me decepcionou en absoluto, “Thor”.

Cando fan estas adaptacións sempre me entra un pouco de medo. A razón é que moitos dos directores ou guionistas pretenden converter un xénero de entretemento nun cine profundo, serio, como se quixeran darlle transcendencia e importancia aos personaxes para facelos algo máis “serios”. Penso que neste tipo de cine debe primar o entretemento, a espectacularidade e a acción, aderezada con algúns momentos de humor leve, non nos esquezamos de que son cómics, nada máis e nada menos. Tamén é certo que os orixinais en papel nalgunhas ocasións tamén se converteron niso (na miña xuventude non eran así), con disquisicións morais sobre a responsabilidade do heroe, a súa alma torturada por non poder levar en moitas cousas unha vida normal e todo ese tipo de elementos case filosóficos. Esta liña xa non me gusta tanto, pero que lle imos facer. Claro que o personaxe desta cinta, Thor, ten case implícito un carácter serio, non deixa de ser o fillo do deus Odín e non un mutante calquera. A verdade é que non era un dos meus favoritos, quizais porque era demasiado serio e formal, pero tamén era dos que lía bastante. Ademais naquel momento unha das cousas que máis quería neste mundo eran ou o escudo do Capitán América ou Mjolnir, o martelo de Thor, que os dous eran unha pasada…

Creo que é dos poucos superheroes que eu considero clásicos que faltaban na gran pantalla (xunto co Capitán América, pero creo que esta ten xa estrea en salas en breve). Cando lin que a película ía dirixila Kenneth Branagh a verdade é que me entrou un pouco de medo. É un actor e director que me gusta moito, aínda que hai un tempo que non sabía demasiado del. Especializado desde os seus principios en interpretar ou dirixir adaptacións de Shakespeare, sempre con moi bos resultados. Non tiña ningunha dúbida da súa capacidade, pero o que me daba medo está relacionado co que comentaba un pouco máis arriba, coa idea de que quixera convertela en algo demasiado serio e transcendental. Está claro que ter ideas preconcibidas é malo, porque neste caso equivoqueime. A verdade é que, dentro do xénero, pareceume unha das mellores adaptación que teño visto ata o momento, sobre todo porque conxuga perfectamente a seriedade da historia dos deuses e todos iso con certos momentos cómicos (case todos esperables dentro da historia pero que resultan divertidos e rompen un pouco coa seriedade da historia) ben introducidos. Nótase a súa man e nunha entrevista que lin hai pouco preguntábanlle se non pensaba que dirixir unha película deste xénero non era como rebaixarse un pouco, ao que el contestaba que por suposto que non (tamén, que ía dicir, que si…), que ata nunha historia como esta había elementos que podían recordar os dramas e as obras de Shakespeare que tanto lle gustan, e é certo, ata ten un certo ton de obra clásica en moitos momentos.

A historia non é nada complicada, por suposto. Como en todos os casos, esta primeira (porque se supón que haberá máis, aínda que so sexa a aparición do personaxe na película de “Os vingadores”) é unha especie de presentación do personaxe de Thor, das súas capacidades, carácter e de como chega á Terra, porque é fillo dun deus; neste caso non é un heroe resultado dunha mutación, dunha explosión de raios solares ou raios gamma ou calquera das explicacións habituais dos cómics. Thor e Loki son os dous fillos de Odín e viven en Asgard, un dos sete reinos que están baixo o seu mando e protección, entre os que tamén se atopa a Terra. Os xigantes do xeo son os grandes inimigos do reino, cos que agora están en paz, pero cos que loitaron encarnizadamente hai tempo. Odín xa está algo maior e Thor será o seu sucesor, pero en plena coroación deste como rei aparecen varios xigantes do xeo para tentar roubar a reliquia que lles da o seu maior poder. Os invasores son eliminados, pero a coroación interrómpese. Thor é un home con forte carácter, sempre con ganas de loitar e sobre todo de acabar con eses inimigos o máis pronto posible. Odín pensa todo o contrario e o seu obxectivo é manter a paz, polo que se ve obrigado a frear ao seu fillo na súa sede de vinganza e loita. Pero Thor non lle fai caso e viaxa a través da Ponte do Arco da Vella ao reino dos xigantes para pedir explicacións por esa invasión imprevista acompañado de catros dos seus mellores amigos e do seu irmán, Loki. A batalla comeza, pero aparece Odín e interrompe a loita. Xa en Asgard Thor é condenado ao desterro por desobedecer unha orde directa so seu pai, e por iso é enviado á Terra sen poderes divinos e sen Mjolni, o martelo forxado a partir dunha estrela caída e que acrecenta o seu poder. Terá que quedarse nela ata que sexa digno de empuñar de novo o martelo e ser perdoado polo seu pai. Na Terra atoparase cunha serie de personaxes que o axudarán, sobre todo coa investigadora Jane Foster e os seus amigos.

No esquezamos o tipo de cine que estou a comentar. Desde este punto de vista pareceume unha boa película, moi ben feita, moi entretida e moi espectacular. As case dúas horas que dura pasáronseme con bastante rapidez, o que sempre é bo sinal, pero xa aclarei que son fan incondicional deste tipo de cine. A historia transcorre en dous mundos, unha parte en Asgard e a outra na Terra. A parte terrestre é máis suave, entretida e lixeira en todos os sentidos e cumpre perfectamente ese papel. A que transcorre en Asgard é espectacular, o deseño de case todo é impresionante e xa sei que agora coa tecnoloxía dixital poden facerse marabillas, pero non deixa de asombrarme e sorprenderme. Ten momentos realmente bos e incluso orixinais tendo en conta todo o que levamos visto noutras películas. Queda moi clara a diferencia entre o mundo dos deuses e o dos homes, dous mundos completamente distintos. No dos deuses prima a formalidade e a imaxinación, ata as formas de falar e de comportarse son diferentes con respecto á Terra. Mentres o reino dos xigantes do xeo é un lugar frío, escuro e tenebroso, non en van son os personaxes malvados da historia.

En canto aos actores, fronte a outras adaptacións, neste caso para o papel protagonista elixiron a un actor practicamente descoñecido, pero que penso que recrea perfectamente ao personaxe. Mantén bastante ben a idea de seriedade do fillo dun deus cando está en Asgard e ese aire de estar como un polbo nun garaxe cando se atopa na Terra, cun físico deses que impresionan. Co traxe, a capa vermella e o martelo nas súas mans parecíame estar a ver a portada de infinidade de cómics que pasaron polas miñas mans. Chámase Chris Hemsworth, e en plan cotilleo é a actual parella de Elsa Pataky. Ademais deste soen sempre aparecer neste tipo de películas unha serie de actores máis coñecidos, quizais para darlle tamén un certo aire de produción seria. Neste caso temos á última gañadora do Óscar á mellor actriz por “Cisne negro”, Natalie Portman, interpretando a Jane Foster, a investigadora que se atopará sen querelo con Thor e todo o que el trae consigo. O papel de Odín déronllo a Anthony Hopkins, un dos meus actores favoritos e que aquí mantén a imaxe de todopoderoso, de pai férreo e duro, pero que ao mesmo tempo sabe que está a facer o mellor polo seu fillo. E xunto a eles outros actores máis ou menos coñecidos, pero todos están bastante ben.

Cine de entretemento puro e duro, pero moi ben feito, por riba de moitas outras producións que buscan estes mesmos obxectivos. Gustoume moito, recoñézoo, pero tamén que son un fan case incondicional deste tipo de personaxes e de cine. Para os afeccionados aos superheroes é imprescindible, non penso que ningún a deixe pasar e estou case seguro de que lles vai gustar. Non é necesario coñecer ao personaxe ou ser afeccionado a estes heroes para poder disfrutar da historia, estou case seguro de que se ides vela poderedes pasar un bo rato, moito mellor que con outras cousas que andan pola carteleira ultimamente. Recomendable e creo que engadiría que debe verse no cine, porque na pantalla do televisor vanse perder moitas escenas espectaculares, por mencionar so unha por exemplo, a cabalgada pola Ponte do Arco da Vella, pero podería mencionar varias máis. Impresionante a imaxe do personaxe de Heimdall, o garda da Ponte. E esta fin de semana queredes ir ao cine, pasar un bo rato e non tedes claro por que optar podedes ir ver esta, creo que non vos vai decepcionar.

Nota: e se ides non marchedes da sala ata rematar todos os títulos de crédito, como en todas estas deixan para despois unha pequena escena final como un adianto do que vai vir na seguinte ou seguintes películas. Faise un pouco pesado porque é unha boa espera, pero os que foron ver as anteriores xa saben que isto pasa sempre.

Posted in Cine | Leave a Comment »

“Código fuente”

Posted by romeroig o 30/04/2011


Hai tempo que non imos ao cine, pero esta última fin de semana, en plenas vacacións de Semana Santa, parecía que apetecía. O problema o de case sempre, atopar algo axeitado para todos os gustos familiares, o que non sempre é sinxelo. Ademais a carteleira da nosa cidade neses días era para dar algo de pena, as alternativas eran poucas, por non dicir case inexistentes, salvo algunha produción animada que non era do gusto de todos. Tras mirar nos distintos cines que temos por aquí, varias multisalas nas que poñen máis ou menos o mesmo coa única diferencia das horas das sesións e por acordo case unánime fomos ver a única que parecía convencernos a todos, “Código fuente”.

Non vou dicir que nos decepcionara, hai que ser sempre consciente de que un vai ver, saber que pode esperar máis ou menos, e neste caso o único que pretendíamos atopar era unha produción de ciencia ficción cunha pinta decente. Pois iso é o que é, unha historia bastante ben levada, o suficientemente curta como para non facerse pesada tendo en conta a historia e cunha resolución final imos dicir que aceptable, aínda que tamén algo previsible. Non está mal e da o que promete, hora e media xustiña de entretemento, pero penso que lle falta un puntiño, fáltalle algo que podería facer dela unha historia algo máis decente, con algunha sorpresa e so con iso pasaría de ser unha película de gama media a pasar a un lugar un pouco máis alto.

Orixinalidade non é precisamente o seu punto forte, é a típica historia de viaxes no tempo ou na memoria mellor dito. Se alguén recorda “Atrapado por su pasado” verá que ten moito que ver, cambian o ton de comedia polo de acción, algo parecido pero buscando algo máis de transcendencia e seriedade. O protagonista é Colter Stevens, un militar que se atopa algo perdido nun tren xunto a unha muller, Christina Warren, que parece coñecelo pero a que el non coñece. Ademais canto contempla por primeira vez a súa imaxe nun espello ve unha cara que non é a súa. ¿Que está a pasar? Algo perdido mira o que pasa ao seu redor, ata que oito minutos despois o tren explota, acabando con todos os pasaxeiros, incluído el. Pero de repente atópase noutro lugar, unha especie de cabina e falando a través dunha pantalla cunha militar, a oficial Colleen Goodwin. Esta fala con el e de novo vaise atopar no tren. Ao final consegue entender que é parte dun programa experimental que lle permite introducirse nos recordos dunha persoa para intervir soamente durante os oito minutos finais da súa vida. Así que non estamos a falar exactamente dunha viaxe no tempo, senón dunha especie de viaxe na memoria. ¿O obxectivo? Descubrir quen puxo esa bomba no tren para poder evitar un atentado aínda maior na cidade de Chicago. Isto é o que terá que conseguir e para iso a cinta se convertera nunha continua sucesión deses oito minutos, que nunca serán iguais porque cada vez el ten máis información. A cuestión é saber que está a pasar en realidade e se o conseguirá…

Tendo en conta o repetitivo da situación ten a duración xusta para non cansar ao espectador. En cada “viaxe” tanto no tren como na base da que parte descubriremos algo novo, algo distinto e algo que provocará unha certa curiosidade no espectador e ao mesmo tempo tamén interese. Quizais a cuestión da viaxe no tempo, a memoria ou nun mundo informático de bits e códigos fonte non estea demasiado clara. Quizais sexa aquí onde falla un pouco a cousa, fáltalle como dicía algo máis arriba un punto de intelixencia, de desenvolvemento, de explicación que faría que fora moito mellor do que o é, quedándose simplemente un produto entretido e ameno pero que non recordaremos durante moito tempo e ao que tampouco lle daremos demasiadas voltas. Ideal para unha tarde ou noite de cine en casa. Sabe manter a tensión e iso xoga ao seu favor, algunha sorpresa de vez en cando e un desenvolvemento decente da historia. Un thriller aceptable que me gustou, pero que non destacaría por riba de outros moitos do mesmo estilo e factura. Aínda así penso que hai cousas que non están demasiado ben explicadas nin claras, pero non vou dicir cales para non desvelar demasiado.

En canto aos actores imos dicir que se basea nos dous protagonistas e na militar que fala con el a través da pantalla e é a encargada do experimento, coa que chegará a manter unha estreita relación tendo en conta o tempo que están xuntos. El é o actor Jake Gyllenhaal, que me gustou bastante, sabe transmitir o agobio, a tensión, a celeridade da súa misión. Tampouco é que sexa algo fóra de serie, pero está ben. A militar é a actriz Vera Farmiga, tamén bastante convincente. E deixo para o final á protagonista feminina porque non teño claro quen debería ir antes, se o personaxe feminino anterior ou esta, xa que me parece máis importante para o desenvolvemento da historia Colleen Goodwin que Christina Warren, a súa parella no tren. Esta está interpretada por Michelle Monaghan, que para o que ten que facer, que é pouco a verdade, tampouco está demasiado mal, cumpre pero nada máis.
O director é Duncan Jones e esta é a súa segunda película, antes dirixiu “Moon”, unha cinta estraña e interesante, unha desas que é mellor non deixar pasar porque ten algo que fai que mereza a pena. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante David Bowie.

Pois aí queda a recomendación. Sen ser unha marabilla cumpre bastante ben a súa función de entreter e ten elementos suficientes para manter a atención do espectador. A pesar da repetición entre cada viaxe introduce elementos novos que farán pensar ao que a ve que consecuencias poderán traer e mantén unha certa intriga. Quizais teña algún fallo argumental e algún elemento levemente previsible que fai que perda algún punto, pero tendo en conta a marabilla de carteleira que temos ultimamente pode destacar un pouco por riba da media.

Posted in Cine | 1 Comment »

“Valor de lei”

Posted by romeroig o 16/02/2011


Pois van ir dúas seguidas de cine, que parece que o inverno préstase máis para ir, sobre todo con este tempiño que estamos a ter ultimamente. Cando era máis novo e so había dous canais de televisión, ou un e medio, o cine de vaqueiros, do oeste, era do máis habitual. Os fins de semana polas tardes era o que tocaba normalmente, ou iso ou cine español, e entre os dous sempre me quedei co primeiro. Recoñezamos que todas tiñan máis ou menos a mesma liña argumental, pero eran entretidas e normalmente ben feitas, así que como tampouco había moito onde elixir pois penso que moitos afeccionámonos a el. Logo desapareceu do mapa, case pasou de moda e quedou reducido á mínima expresión. Hai uns anos varios directores fixeron intentos con máis ou menos sorte de retomar este xénero e facer que a xente volvera ao cine a ver vaqueiros, cabalos, indios, duelos ao sol e todos os tópicos do mesmo. Para min a maior parte destes intentos non me gustaron demasiado, ademais porque a maior parte deles tentaron darlle unha transcendencia ás historias que facía que foran, moitas delas, tremendamente aburridas. Quixeron convertelo nun xénero “serio”, formal e penso que non acertaron. A única excepción é “Sen perdón”, dirixida hai uns anos por Clint Eastwood e que pode ser un clásico moderno do xénero. Ven esta introdución a conto de que a película que vou comentar hoxe é outro deses intentos de facer unha película do oeste seria e máis formal, por dicilo dalgunha maneira. As críticas que está a recibir en todas partes son excelentes, nalgúns casos case de obra mestra, sinto dicir que, para min claro, non o é, é máis, non me gustou demasiado, aburriume un pouco e quedaría, se lle tivese que poñer nota, nun aprobado raspadiño. Falo dunha estrea recente, desta última fin de semana, “Valor de lei”.

A película está dirixida polos irmáns Coen, unha parella ben coñecida polos afeccionados por algunhas excelentes cintas como “Morte entre as flores” (unha das miñas favoritas das súas), “Barton Fink”, “Fargo”, “O gran Lebowski” ou a que lle valeu o Óscar a Javier Bardem e que gañou catro Òscars, “Non é país para vellos”. Todas elas teñen algo distinto, orixinal, poden gustar ou non, pero non se lles pode negar que teñen marca de fábrica, que teñen unha forma propia de facer cine. Esa é unha das razóns de que me decepcionara un pouco esta de hoxe, porque salvo por ese humor cínico que aparece nalgúns momentos non vexo outros elementos que soen estar presentes no seu cine, quero dicir que non me pareceu unha película dos Coen, algo que para min non é positivo. Aínda así é candidata a dez premios da Academia de Hollywood, entre eles os máis importantes, mellor película, mellor actor, mellor director e mellor guión adaptado.

Parten dunha novela co mesmo título escrita por Charles Portis en 1968. Hai outra versión cinematográfica de 1969 protagonizada polo vaqueiro por excelencia, John Wayne, que ademais lle valeu un Óscar ao mellor actor. Eles din que non viron esta outra versión antes de facer a súa, unha afirmación que non sei se crer, porque é un clásico do cine americano e polas nosas pantallas de televisión pasou xa infinidade de veces. A máis recente, supoño que aproveitando a estrea desta, foi emitida por Antena 3 o sábado 12 deste mes. Esta versión máis antiga, dirixida por un habitual do cine do oeste, Henry Hathaway, é unha das mellores películas do xénero, a min unha das que máis me gustan e penso que máis entretida que esta nova versión. Din tamén que mentres a antiga centrábase no personaxe do vaqueiro esta vai facelo no personaxe feminino da historia, unha rapaza de 14 anos que leva o peso da historia. De todos modos no desenvolvemento da mesma non é que haxa demasiadas diferencias.

Rooster Cogburn é un alguacil xa nos seus últimos anos, bebedor, fumador, mal falado, borde, desagradable, desastrado, pouco aseado e que vive como pode co que saca das recompensas que cobra por atrapar a fuxitivos. Un día aparece na súa vida unha nena de 14 anos, Mattie Ross, quere contratalo para que vaia con ela a atrapar ao asasino do seu pai, Tom Chaney que escapou a territorio indio tras matalo. Ela quere que Cogburn o colla para que poida ser levado ante a xustiza, xulgado e executado. Nun principio non está disposto, pero o diñeiro é un bo reclamo e acepta o traballo. No medio aparecerá LaBoeuf, un ranger de Texas que tamén anda na busca de Chaney por un asasinato anterior. Alá irán os tres na busca do fuxido, nunha aventura na que terán que moverse por un territorio hostil onde a lei case non ten importancia e buscar a este home que ademais anda cunha banda de ladróns e asasinos. Esta é a historia que imos ver.

Jeff Bridges é Rooster, o alguacil contratado pola rapaza. A súa actuación está bastante ben, clava a ese home que xa está de volta de todo, que necesita diñeiro para seguir vivindo e que colle ese traballo con moitas dúbidas ata que ve o diñeiro. Cun parche nun ollo que acentúa aínda máis o desagradable que pode chegar a ser, pasa o tempo bebendo e fumando e no seu momento parece que foi un dos grandes, pero agora xa está en plena decadencia. Un home violento que todo o soluciona a golpe de pistola ou de puño e que non se para demasiado a pensar ou dialogar. Non está nada mal a súa actuación e destaca por riba do ton da película, aínda que en certos momentos está no límite do esaxerado ou ridículo, quizais demasiado histriónico nalgún momento. Como curiosidade o parche lévao no ollo contrario a John Wayne. E de paso, sígome quedando con Colin Firth en “El discurso del rey” como o meu favorito para o premio ao mellor actor.
Moitas louvanzas para a rapaza, Hailee Steinfeld, unha novata da actuación xa que esta é a súa primeira película tras superar un complicado casting. Non é que estea mal, que non o está, pero penso que un dos maiores problemas que temos aquí esta vez é que a dobraxe da súa voz non me gustou nada de nada. Salvo nalgúns momentos puntuais ten un ton completamente plan, case sen matices que fai que perda moito o seu personaxe. Ela está ben, aínda que quizais o personaxe non sexa crible completamente. Unha nena de 14 anos, tremendamente madura, seria, formal e decidida a conseguir o seu obxectivo pese a quen pese, tanto que nos momentos de tensión non me convenceu demasiado, porque case está tan seria cando cabalga como cando durme ou está a punto de morrer. Agora, volvo a dicir que cabe a posibilidade de que esa dobraxe que menciono aporte tamén moito a esta opinión.
LaBoeuf é Matt Damon, un actor sobradamente coñecido que tampouco está mal, pero que non me resultou demasiado crible como vaqueiro, igual son cousas miñas, conste. Un home bastante vaidoso e algo débil, dubitativo na súa forma de actuar e de traballar. Iso si, é o que vai levar a peor parte na historia, continuamente ferido tanto no seu corpo como no seu amor propio.

A verdade é que a historia comeza ben. A presentación dos personaxes é boa. Bridges declarando nun xuízo no que se cuestiona a súa violenta forma de actuar coa xente que vai deter, con respostas áxiles, cínicas e que provocan máis dun sorriso no espectador. Tamén destaca a primeira intervención da rapaza, esa medio discusión medio negociación para poder conseguir algo de diñeiro, ameazando continuamente coa intervención do seu avogado deixa claro que é unha muller no corpo dunha nena e que non vai deixar que nada se lle poña por diante. A toma xeral do pobo con ese típico color entre amarelo e sepia promete moito, pero ata nese sentido penso que non aproveitan ben a grandeza das paisaxes nas que se desenvolve a historia. Para min estes primeiros minutos son bastante destacables, pero non se mantén esta liña a continuación.

Xa dixen ao principio que non me gustou demasiado, e quizais estaba un pouco influído polas excelentes críticas que apareceron sobre ela en case todos os medios de comunicación. Críticas que relín despois e que, como podedes ler aquí, comparto so a medias. Tamén engadir que é máis que posible que a dobraxe en xeral inflúa moito nesta opinión, non so como xa dixen no caso da rapaza, que volvo a dicir que non me gustou nada de nada, senón tamén no resto. Quizais algo menos no caso de Jeff Bridges, pero si no de Damon e algún personaxe máis. Non sei, non me resultou natural e en moitas ocasións soaba como a forzado. Algo raro, xa que as dobraxes ao castelán soen ser excelentes. Pero ademais o maior problema que tiven durante a proxección é que a historia pareceume falta de emoción, fría, nin nos momentos que se supoñen de tensión conseguiu provocar algo de sentimento, de sensacións. E iso paréceme o peor de todo, unha historia que non está nada mal non pode deixar indiferente ao espectador, polo menos a nós pasounos, que ambos coincidimos nesa frialdade, nesa falta de emoción ata en escenas nas que deberías estar co corazón na gorxa. Dito doutra maneira, fáltalle épica, algo que é indispensable nunha historia do oeste, penso eu. Ademais hai outro elemento do xénero que tampouco contribúe a darlle isto que lle falta, a música, que so nun momento ten unha presencia destacable.

Non sei que opinaredes vós, espero que alguén a vexa e poida dicirme se coincide comigo ou non, ou polo menos en parte. Espero, quizais máis esta vez, os vosos comentarios.

Posted in Cine | Leave a Comment »

“RED”

Posted by romeroig o 09/02/2011


Esta fin de semana tocou cine, que hai tempo que non o facíamos e xa apetecía. Xa digo antes de nada que a película é algo completamente intranscendente, desas feitas co único obxectivo de facer pasar un bo rato ao espectador, que bote unhas risas e pase dúas horas sen pensar en moito máis. Quero dicir que non é que teña un argumento espectacular ou algún elemento que provoque a reflexión do espectador, pero penso que as veces tamén é boa cousa ir a pasar un rato entretido, case coa mente en branco, e saír cunha leve alegría no corpo. Un dos obxectivos fundamentais do cine ten que ser ese, entreter, se de paso ten algo máis pois mellor que mellor, pero non lle imos pedir todo a unha soa cinta, claro. Neste caso falo de “Red”, una cinta de recente estrea que aínda está na carteleira. Unha das mellores cousas da mesma son os actores, a verdade é que como ocorre en moitos casos, son eles os que lle dan algo máis de calidade á película, que con outros menos coñecidos quizais, pola historia, non pasaría dunha mediocre cinta do que se chama serie B, das que se poden ver en moitas ocasións, demasiadas penso eu, na maior parte dos canais de televisión calquera fin de semana pola tarde.

O cómic está a ser unha fonte de inspiración para o cine americano, e non so o de superheroes, senón que hai outros que tamén están a pasar a gran ou pequena pantalla. Recordar un comentario anterior sobre unha serie de televisión, “The walking dead” que tamén partía dunha novela gráfica. Neste caso pasa o mesmo, “Red” basease nun cómic de DC aparecido entre os anos 2003 e 2004 escrito por Warren Ellis e ilustrado por Cully Hamner. A verdade é que non o coñecía de nada e non sei se chegou a circular por aquí pero polo que vin ten un aire algo máis serio que a película á que deu lugar, que é unha comedia de acción basicamente. Comentar que aquí “Red” son as siglas de “Red de espías desactivados” aínda que no orixinal responde a “Retirados extremadamente perigosos” (“Retired extremely dangerous” en inglés). Esta definición orixinal responde moito máis ao que imos ver en pantalla que a adaptación castelán, penso claro, a D non tiña unha tradución demasiado fácil, así que había que coller algo que fora o máis aproximado posible.

A historia é ben sinxela, como dixen ao principio, nada complicado de entender nin de seguir, relativamente crible pero ben desenvolvida. Frank Moses (Bruce Willis) é un espía de alto nivel que tras unha vida de acción, viaxando e resolvendo todo tipo de conflitos vive agora retirado na típica casa do típico barrio residencial americano. Os primeiros quince minutos parécenme ben simpáticos neste sentido, como mira no Nadal os tremendos e enormes adornos cos que o resto dos seus veciños recargan as súas casas nunha especie de competición para ver quen pon máis cousas. Vive so, aburrido, sacando os seus cubos de lixo e tentando compartir a súa soidade chamando á encargada do envío dos cheques da súa pensión. Cando os recibe rompe con eles so para poder chamar a esta muller, Sarah Ross (Mary-Louise Parker), afeccionada ás novelas románticas de acción que Frank tamén lerá para poder compartilas con ela. Pero todo isto vai cambiar cando unha noite un equipo de aniquilación (¡vaia nome!) entre na súa casa co obxectivo de acabar coa vida de Frank, cousa que, claro, non conseguen. Co seu pixama, bata de casa e aspecto desaliñado vai acabar con eles e marchar fuxindo. Así acaba en casa de Sarah, xa que pensa que ela tamén pode estar en perigo porque supón que os mesmos que o quixeron matar estiveron escoitando as conversas que tiñan. A partires deste momento vai levala con el case secuestrada sen que ela entenda demasiado as cousas, pero pronto verá que non lle quedará máis remedio que confiar nel se quere seguir con vida. Comezará así una espiral de acción, persecucións, disparos, explosións que non parará ata o final. Pero non vai ser so a el ao que están a buscar, tamén a varios espías máis que tiveron contacto con el e aos que irá recollendo nunha viaxe acelerada por varias cidades dos Estados Unidos. Primeiro Joe Matheson (Morgan Freeman), logo Marvin Boggs (John Malkovich) ou Victoria (Helen Mirren) e incluso terá que recorrer a antigos inimigos, como o espía ruso Ivan Simanov (Brian Cox). Un grupo de xubilados que vai loitar para seguir con vida, demostrando que a idade non vai ser un impedimento para levar a cabo a última misión, a de seguir con vida e descubrir a razón de que queiran acabar con eles.

Como dixen ao principio o mellor da cinta son os actores, aderezado cun guión sinxelo pero ocurrente por momentos e moi divertido, polo menos a nós provocounos moitos sorrisos, algúns máis altos que outros e todos compartidos por unha sala que estaba chea. Bruce Willis é outro dos meus actores favoritos, sempre con “Luz de lúa” na memoria, creo que unha das primeiras series que me enganchou desde o principio. Recoñezo que non é un gran actor pero si que é deses como digo eu “resultóns”, que dan ben en pantalla e que resulta crible faga o que faga. Aquí ten un dos seus papeis máis típicos, o home de acción prepotente, todopoderoso, chulesco e faltón, que parece que ninguén pode con el e, como sempre, borda o mesmo. Do resto xa dixen ao principio que con outros actores o resultado non sería para nada o mesmo, pero eles dánlle un empaque ao desenvolvemento da historia que fai que sexa apetecible. Morgan Freeman ten un papel curtiño, non demasiado destacado, pero aínda así encántame velo. Helen Mirren destaca como unha elegante e fría asasina profesional, sempre impecable e disposta a matar. Pero entre todos eles destacaría, dos máis coñecidos, a John Malkovich, xenial para unha cinta deste tipo. O home medio tolo, por non dicir enteiro, obsesionado con que o están a controlar, violento e brutal, sempre disposto a solucionar as cousas pola vía directa, disparando e fóra. As súa caras, ocorrencias e frases son do mellor da historia e a maior parte delas son dos mellores momentos da mesma. Pero por riba de todos estes coñecidos actores destaca a protagonista feminina, Mary-Louise Parker no papel da parella por obriga de Frank Moses. Relativamente coñecida, fixo algunhas películas e é a protagonista dunha serie, “Weeds” na que interpreta a unha nai de familia que tras a morte do seu home métese no negocio da venta de marihuana para sostelos a todos, o que traerá consigo un bo montón de problemas (esta non apareceu por aquí aínda, pero calquera día aparecerá, xa que é realmente boa). A verdade é que é unha excelente actriz cómica, tanto que nesta película en concreto nas escenas que non aparece é como se faltara algo, a súa presencia garante sempre unhas boas risas con todo o que fai, o que di e a súa forma de actuar, un papel realmente bo e do máis destacable da mesma. Tamén fixo algo máis de cine, pero con poucos papeis de protagonista.
E destacar a dous actores máis. Por un lado nun pequeno papel a outro bo actor, Richard Dreyfuss, recordado sempre por ser o protagonista de “Encontros na terceira fase”. O outro é un clásico do cine de gangsters de hai xa moitos anos e sorprendeume velo aquí, porque hai tempo que non sabía nada de el, Ernest Borgnine, que aos máis de 90 anos ten un aspecto realmente excelente.
A todos estes actores manéxaos bastante ben o director, Robert Schwentke, que fixo as súas primeiras películas en Alemaña e marchou a Estados Unidos, onde dirixiu algún episodio de series e unha película con Jodie Foster que non estaba mal, “Plan de voo, desaparecida”.

Como dixen ao principio evidentemente non pasará á historia do cine nin será recordada dentro duns meses, é cine de acción e comedia sen máis pretensións, pero fronte a outras que pretenden o mesmo esta penso que o consegue, polo menos a nós fíxonos pasar un bo rato. Non é máis que un entretemento bastante ben feito, penso que ben interpretado e que provoca varios sorrisos en moitas ocasións do metraxe, se queredes pasar un bo rato eu recomendaríaa, pero non busquedes nada de nada máis. Cine de palomitas e refresco, e de paso aproveito para dar a queixa de turno sobre a xente que vai o cine, que ultimamente non sei se confunde as salas de proxección con restaurantes o lugares de picnic. Xa tivemos de case todo ao lado, xente comendo o normal, pero tamén iogures, natillas, hamburguesas, pizza, pero o desta vez penso que xa superou todo isto, tocoume ao lado unha rapaza que estaba a comer aceitunas nunha bolsa de plástico, nada agradable estar no cine co cheiro a salmuera ao lado, pero que lle imos facer, é o que hai.

Posted in Cine | Leave a Comment »

“El discurso del rey”

Posted by romeroig o 04/01/2011

Ante todo, como este é o primeiro post deste ano 2011 os meus bos desexos para o mesmo, no que espero seguir con estes comentarios como ata agora. O 1 de xaneiro de cada ano desde hai algúns, como é un día un pouco, digamos raro, temos o costume de ir ao cine, así que imos inaugurar os comentarios deste novo ano cunha película recente que aínda está na carteleira e que vos recomendo a todos encarecidamente, porque merece moito a pena. Non é que houbera demasiadas cousas na carteleira, así que nos decidimos por esta, entre outras cousas polas boas críticas e porque os actores protagonistas, sobre todo un deles, están entre os que practicamente nunca me decepcionan, e así foi. Gustounos moito a todos e disfrutamos de dúas horas de bo cine, ben feito e moi ben interpretado. A película en cuestión soa para varias candidaturas para os Óscar deste ano e está a recibir premios en case todos os festivais nos que aparece, falo de “El discurso del rey”.

Casualidades que hai as veces, no post anterior a este falaba dunha serie inglesa, dicindo que case sempre se lles supón unha calidade e realización que outras so teñen de vez en cando; agora falo dunha película da mesma nacionalidade, que ten esas mesmas condicións e algunhas máis, guste ou non guste a calidade e o bo facer non se lles poden negar nunca. Esta feita cunha elegancia, delicadeza e estilo que noutras producións aparecen de forma moito menos habitual, e a verdade, polo menos para min, sempre é un gusto ver cine desta nacionalidade porque ten sempre ese aire que o fai distinto e especial, sexan traxedias, comedias ou case calquera xénero. Neste caso estamos ante unha historia de corte histórico que transcorre na Inglaterra dos anos 30 do século anterior. É unha historia que descoñecía por completo, a verdade, unha historia sorprendente ao mesmo tempo que moi entrañable e curiosa. De todos modos está tratada con bastante cariño, como algo que está preto e familiar, como unha estraña relación entre dúas persoas que nunca terían contacto pero que por circunstancias coñécense e desenvolven unha amistade.

Alberte Federico Arturo Xurxo de Windsor é un dos dous protagonistas, Duque de Iork e futuro rei de Inglaterra (pai da actual raíña Isabel) durante os difíciles anos da Segunda Guerra Mundial. O seu pai é o rei Xurxo V e o seu irmán maior Eduardo será o sucesor inmediato. Ten un problema, é tatexo, que lle impide falar en público, o que lle supón un gran impedimento para unha persoa que ten que realizar este tipo de intervencións. Ao longo da historia veremos como esta limitación da fala ten unhas motivacións que veñen da súa infancia. A súa muller, Isabel Bowes-Lyon, está moi preocupada por este problema e non fai máis que tentar buscar solucións e terapias para axudar ao seu home, pero non é sinxelo. Xa probou de todo e non atopa nada nin a ninguén que o axude con esta limitación. Un día acode a unha pequena casa dun barrio de Londres para ver a unha persoa que lle recomendaron, Lionel Logue, un home que vén de Australia e que parece que conseguiu bos resultados neste campo. Lionel é unha persoa tamén algo especial, que impón unhas condicións moi estritas para levar a cabo a súa terapia sen importarlle demasiado quen sexa o seu paciente. É un home apaixonado de Shakespeare, actor afeccionado, un home de familia e que ten procedencia australiana, o que lle provoca algúns problemas. A primeira entrevista entre o Duque e Lionel da xa unha idea de por onde van ir as cousas, ao principio a cousa non vai ben, pero é fácil supor que pouco a pouco establecerase unha relación moi especial entre estes dous personaxes, sobre os que descansa toda a historia. De entrada Lionel pretende que se traten como iguais, como compañeiros, así que para el o Duque será “Bertie”, cousa que non lle fará demasiada gracia, pero que non lle quedará máis remedio que aceptar se quere ser tratado por el. Pouco a pouco as cousas irán cambiando ata, como dicía unhas liñas máis arriba, chegar a ter unha relación estreita, de amistade e , ao mesmo tempo, de dependencia. O rei morre e o seu fillo Eduardo accede ao trono, pero é un home máis preocupado polas súas relacións sentimentais que polas súas obrigas como rei. Isto fará que abdique na persoa do seu irmán no mesmo momento no que Inglaterra entra na Segunda Guerra Mundial. Agora é cando a intervención de Lionel será fundamental para o rei Xurxo VI, que terá que realizar moitos discursos durante a contenda, así como antes axudalo para superar a cerimonia de coroación.

A película está dirixida por Tom Hooper, un novo realizador inglés que promete bastante e que está a conseguir excelentes críticas por este traballo, sobre todo tendo en conta que traballou con dous grandes pesos pesados da interpretación, saíndo con ben da proba. O mellor de toda a historia é a interpretación dos dous actores principais, que me parece sobresaínte e moi destacada, as escenas entre eles son xeniais absolutamente todas, os diálogos, os xestos, as miradas, todo é destacable. O papel do rei está realizado por un actor que parece que por fin vai sacar de enriba ser “o de Bridget Jones”, falo de Colin Firth. Un actor inglés que sempre está ben pero que ata hai uns anos parecía estar encasillado en papeis de medio galán en gran cantidade de comedias románticas. O ano pasado chamou moito a atención con “Un hombre soltero”, que lle valeu unha nominación para o Óscar, que non gañou por pouco. Este ano sona como o favorito para gañar este premio ao mellor actor e penso que deberían darllo. Borda o papel deste home tatexo, con moi mal xenio (provocado en parte por esta limitación) e consciente da gran carga que vai levar sobre as súas costas, que é o que lle provoca un sufrimento maior. Non destaca soamente por esas escenas nas que lle custa falar, senón que en todo momento a súa cara, os seus ollos, os seus movementos fan que non poidas quitar o ollo de pantalla, excelente sería a mellor palabra para definilo. O seu compañeiro é un dos meus actores favoritos, un home que sempre destaca faga o papel que faga e sexa a película como sexa, falo de Geoffrey Rush, un actor australiano gañador dun Óscar ao mellor actor en 1997 por “Shine” e que me impresionou en “Quills”, unha película na que interpretaba ao Marques de Sade. Aquí está, como sempre, xenial, calado e submiso cando é necesario, escandaloso e extravertido noutros momentos, sempre cunha resposta ácida e directa fale con quen fale, dálle igual que sexa o futuro rei, o Arcebispo de Canterbury…, el pensa o que pensa e busca sempre o mellor para os seus pacientes, sen importarlle demasiado as consecuencias. Antes dicía que actuación de Colin Firth era excelente, pois neste caso tería que ser un cualificativo algo por riba deste, un dos papeis que lle teño visto que máis me gustaron e convenceron. Non é sinxelo misturar case ao mesmo tempo a sobriedade co histrionismo sen caer na esaxeración e el conségueo, dicir que me encantou é quedarme curto. Destacar por último a Helena Bonham Carter no papel da muller de “Bertie”, discreta, preocupada, á sombra do seu marido pero sendo ela a verdadeira responsable de atopar a axuda necesaria, buscando non so a felicidade, senón tamén e responsabilidade que terá que asumir e que ela busca por riba de todo.

É unha boa película, cunha realización impecable e delicada. Non vou dicir nada máis das interpretacións porque xa quedou claro que son fabulosas. O mellor son os diálogos entre os dous protagonistas, cunha axilidade impresionante, onde todas as palabras teñen algo que dicir, onde non hai nada baleiro ou que non nos queira dicir algo. Ademais ten en moitos momentos un ton de comedia que fai que rías a gargalladas máis dunha vez dentro dunha historia que non é que sexa dramática, pero que non é unha comedia. Ten ese típico humor inglés que mistura o chiste máis sinxelo do mundo para ao momento seguinte facer outro moi intelixente e agudo. Os heterodoxos métodos de Lionel para conseguir curar ao seu paciente, que paciencia ten pouca a verdade, son chamativos, curiosos, simpáticos e é imposible que deixen indiferente ao espectador. A nós gustounos moito a todos, e iso que os meus fillos ían un pouco á forza, máis que nada porque esta vez tocábanos a nós elixir e pensaban que non lles ía gustar, equivocáronse.

Recoméndoa e moito, aproveitade mentres estea en carteleira para ir vela, non creo que vos arrepintades. Entre as grandes estreas, os efectos especiais, as historias animadas e moito cine soamente comercial penso que destaca esta cinta, que tamén é comercial pero cunha calidade por riba da media en todos os sentidos. Gústame moito este tipo de cine que mistura o entretemento coa calidade e coa intelixencia, non son conceptos que sexa imposible atopar no cine, aínda que cada vez é máis difícil.

Déixovos tamén o trailer en inglés, penso que merece a pena escoitalos directamente.

Posted in Cine | 1 Comment »