Libros, cine e televisión

Comentarios sobre o que vexo e leo

  • Agora estou a ler

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

  • Visitas

  • Arquivos

  • Categorías

The good wife

Posted by romeroig o 29/10/2010

Elegancia, intelixencia, interese ou solidez poderían ser algunhas das palabras que definen a serie que vou comentar hoxe. Ademais esta poden vela todos os que non teñan contratado ningún servizo televisivo de pago, xa que hai pouco que se está a emitir nunha das cadeas “satélite” de Antena 3, en concreto Nova, onde parece que van parar moitas cousas que a cadea non considera que vaian ter éxito na principal (de paso tamén engado que unha das últimas comentadas, “Modern Family” estáse a emitir en Neox, creo). Penso que é unha tremenda mágoa que non se lle dera demasiada propaganda, porque é das que merecen a pena por varias razóns. Antes de seguir dicir que vou falar dunha serie americana chamada “The good wife”, que viría a ser algo así como “a boa esposa”. É unha serie da que aquí podedes ver a primeira temporada, pero que alá xa anda pola segunda e con bastante éxito, quizais máis do esperado. So levo vistos catro episodios, pero entre que me encantaron e que un compañeiro e bo amigo, do que neste sentido fíome completamente, viu algúns máis e di que non so está moi ben, senón que vai mellorando en cada capítulo, que cada vez vai a mellor, decídome a comentala. Tiña a temporada completa gravada desde hai tempo, pero non me dera animado a vela, e agora que non tiña demasiadas cousas que me apeteceran, empecei. Non me animara porque nun principio interpretara mal o contido da mesma, pensando que ía dunha cousa, pero resulta que non, que estaba equivocado. Cando a estrearon nos canais de pago falaban da historia dunha muller enganada polo seu marido, un político, e non sei moi ben por que, pensei que a historia centraríase niso e andaba algo errado. Esa é a liña que da unión aos episodios, pero cada un está desenvolvido no sentido máis puro das series de avogados, que cando están ben feitas soen gustarme moito.

A protagonista é Alicia Florrick, a esposa dun fiscal do Estado que vese obrigado a dimitir cando se ve envolto en varios escándalos sexuais e é acusado de corrupción, delitos económicos e algunhas cousas máis que fan que acabe na cadea. Ela comparece con el no momento no que fai a declaración pública que o leva a dimitir, apoiando ao seu marido a pesares de non telas todas consigo, de aí o título de a boa esposa. Parte un caso real, o escándalo que se montou cando o gobernador de Nueva York, Elliot Spitzer, tivo que dimitir pola súa relación cunha prostituta. Claro que so é unha inspiración, todo o que ven a raíz disto non é máis que pura ficción, pero moi ben levada. Así que Alice ve como o seu home acaba no cárcere e terá que buscar a maneira de sacar á súa familia adiante, ademais de pagar as costas dos xuízos e apelacións do seu marido. Por iso dicía antes que non lle dera a oportunidade no seu momento, porque este tema inicial non me parecía que dera unha serie excesivamente interesante. Pero tras esa comparecencia pública a historia da un xiro, a esposa traizoada ten que comezar unha nova vida, xunto co seu fillo, a súa filla e a súa sogra que lle vai botar unha man. Tras case dez anos como a muller dun político importante, sen traballar en nada concreto e vivir unha zona luxosa terá que buscar novos camiños. Para iso retoma a súa profesión de avogada, a pesar de que hai anos que non exerce, e entra, por medio dun amigo, nun prestixioso bufete. En todo momento terá que sufrir a marca de ser a muller de…, e as veces iso parece máis importante que o seu propio traballo ou os seus méritos reais, o que provoca máis dun problema. Ao mesmo tempo quere que os seus fillos manteñan a maior normalidade posible, dous adolescentes marcados polo escándalo no que viu metido o seu pai. Por un lado temos o enfoque de como afronta esta muller esta situación, aínda que veremos a medida que avanzan os capítulos que non todo é o que parece no que se refire aos problemas do seu marido. Este é un elemento que como dixen irá avanzando pouco a pouco (nuns máis que en outros) en cada capítulo dándolle algo de unidade á acción. Por outro lado teremos os casos legais que se desenvolven en cada un, case sempre algo distintos ao habitual (en certos enfoques recorda, en canto ao tratamento legal, a unha serie que xa pasou por aquí e que para min foi a mellor dentro das temáticas legais, “Boston Legal”, aínda que sen ter tanto aire crítico como aquela con moitas cousas) e con compoñentes que fan que sempre sexan interesantes e atraintes, facendo que un manteña sempre a atención, cousa que consegue con bastante facilidade. No medio aparecerán as dúbidas sobre a situación na que se atopa o seu marido; o desexo de demostrar que é moito máis que a esposa dun político caido en desgracia; o desexo de demostrar máis a ela que aos demais que é unha boa avogada e nai e que pode desenvolverse por si mesma en calquera dos campos e tamén todos os distintos casos que irán aparecendo e que terá que defender, sempre cunha intelixencia, interese e axilidade mental que fai dela un dos personaxes femininos máis interesantes do panorama televisivo actual.

Non é unha serie de avogados máis, a trama que funciona como fío de todos os episodios dálle un grande interese e sempre quereremos saber máis do tema. É unha serie dramática, pero non lacrimóxena, os casos son bastante cribles e o seu desenvolvemento, case sempre con algunha sorpresa, é moi interesante e engancha ao espectador tanto como o fío central. Comentar que os produtores son máis que coñecidos, os irmáns Ridley e Tony Scott (ademais de directores de recoñecido prestixio, unha miniserie recente tamén estaba producida por eles, “Los pilares de la tierra”), que se xa eran sinónimo de cine normalmente máis que decente e atractivo agora fan o mesmo no mundo da televisión, producindo cousas de gran calidade e interese.

E deixo para o final aos actores, todos moi ben. Dous son os que máis me chaman a atención. En segundo lugar a Kalinda Sharma (interpretada por Archie Panjabi, a protagonista dunha entretida película de hai xa uns anos, “Quiero ser como Beckam”) que é a compañeira da protagonista e que traballa para ela como investigadora. É unha muller case oposta a Alice, o que fai que o contrapunto sexa importante e dea lugar a situacións moi simpáticas nalgúns casos. Se Alice é a muller perfecta, esta non, políticamente incorrecta, maleducada nalgúns momentos e que funciona moitas veces dicindo e facendo as cousas que Alice, se non fora como é, faría. Un papel moi interesante que moitas veces pon o elemento simpático e divertido e outras o de acción. Funciona perfectamente dentro da parella de mulleres que levan o peso dos casos xudiciais. Pero por riba de todos os actores destaca Alice, interpretada por Julianna Margulies. Moitos coñecerán a súa cara como unha das protagonistas dunha das series médicas máis coñecidas e que leva máis de 15 temporadas en Estados Unidos (aínda que aquí foi tan maltratada por Televisión Española que me resultou imposible seguila), “Urxencias”, na que interpretaba a unha das enfermeiras que traballaba no hospital desde o principio da mesma. Xa aquí apuntaba boas maneiras e logo fixo algunha película digamos “menor” e sen demasiada repercusión. Pero vela aquí, desde o primeiro segundo da primeira escena foi case impactante, impresionoume a actuación, de verdade, con esa mistura entre dúbida e fortaleza dependendo do momento, reflectindo perfectamente en cada momento o sufrimento pola situación do seu matrimonio, entre o perdón e o castigo e a satisfacción de rematar un traballo ben feito. Como dixen as escenas coa súa investigadora son todas excelentes, loitando entre a actitude da muller dun alto cargo público que ten que manter sempre o tipo e os seus desexos de facer o que realmente quere facer. Non me quedo corto se cualifico a súa actuación de soberbia, misturando tristeza, timidez, firmeza e seguridade, convencida as veces e dubidando de todo outras, cada capítulo é un reflexo de case todas as posibilidades de sentir do ser humano.

Como sempre, xa me pasei, así que se se vos pasou a posibilidade de vela, non a perdades, nas de pago xa rematou esta primeira temporada e en breve emitirán a segunda, que polo que vin, aínda que non vou adiantar nada, promete incluso máis que esta, pero en Nova creo que deben levar dous episodios ou tres como moito. Espero que vos guste.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

 
A %d blogueros les gusta esto: