Libros, cine e televisión

Comentarios sobre o que vexo e leo

  • Agora estou a ler

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

    "Rusos", de Edward Rutherfurd

  • Visitas

  • Arquivos

  • Categorías

“Ginko, la primera doctora”, Jun´ichi Watanabe

Posted by romeroig o 20/05/2010

watanabe.jpgdoctora.jpg

No que se refire a libros xa pasaron por aquí autores de diversas nacionalidades, uns máis coñecidos que outros, pero hoxe imos dar entrada ao primeiro escritor xaponés, aínda que supoño que non será o último. Non é un dos máis coñecidos nin deses outros que as veces resulta algo complicado ler, esta é unha lectura suave, lixeira e entretida, sen demasiadas aspiracións estéticas, centrada nunha boa historia, baseada en datos reais e que pode ser unha boa porta de entrada para algúns ante a literatura xaponesa, que é moita e con moi bos autores.

A novela en cuestión titúlase “Ginko, la primera doctora” e o autor é Jun´ichi Watanabe. Vainos contar a historia da primeira muller que conseguiu o título de doutora en Xapón, así que parte dun personaxe real, aínda que polo que vin non é fácil constatar a historia, xa que non hai moitos datos sobre ela, ou polo menos eu non os atopei.

Jun´ichi Watanabe é un autor nacido en Hokkaido (Xapón) no ano 1933. É moi coñecido no seu país e en toda Asia, escribiu máis de 50 novelas e moitas delas foron levadas ao cine ou convertidas en series de televisión. Recibiu varios premios polas súas novelas, unha das máis coñecidas, do ano 1997, titúlase “Un paraíso perdido” e foi un gran éxito de ventas en Asia. É graduado en Medicina pola Universidade de Sapporo e traballo como cirurxán. Ademais é autor de textos científicos e biografías. Ademais de aportar os seus coñecementos como médico para esta novela fixo un bo traballo de investigación, sobre todo gracias á Asociación Médica de Mulleres de Xapón, que é unha sociedade creada pola protagonista do libro. Tamén contou coa axuda da filla de Ginko e de familiares e amigos, algúns deles presentes tamén na novela. Publicouse en Xapón no ano 1970 e cando se reeditou no ano 2008 converteuse en un grande éxito de ventas, en España chegou ás librerías no ano 2009 a través da editorial Seix Barral.

Vainos contar a intensa, forte e dura vida de Ginko Ogino, unha muller que loitou contra a sociedade da súa época ata chegar a ser a primeira muller médico de Xapón. Nesa época as mulleres, entre outras moitas cousas, tiñan prohibido o exercicio desta profesión. Tras mostrarnos algo da súa infancia, Ginko casa un rapaz dunha familia adiñeirada, evidentemente é un matrimonio concertado no que ela non ten nada que dicir, aínda que tenta evitalo, pero o respecto que aprendeu desde pequena e as obrigas dunha filla chocan contra as súas intencións. Ao pouco de casar volta á casa dos seus pais afectada dunha enfermidade que vai levar toda a súa vida con ela e contaxiada polo seu marido, a gonorrea, case sempre mortal neses tempos. Sepárase del sabendo que vai ser rexeitada por toda a sociedade do seu pobo e incluso por unha parte da súa familia, o divorcio é algo imposible, polo que simplemente marcha do seu lado. Buscando unha cura viaxa a Tokio, a cidade na que a medicina occidental está entrando en Xapón, en forte loita coa medicina tradicional, mellor e máis aceptada por todos. Pero cando chega descobre que no hospital todos son homes e as exploracións e probas que lle fan cáusanlle un tremendo trauma do que lle custa moito saír. A partir deste momento todos os seus esforzos, diñeiro, forzas e a súa vida estarán centradas nunha soa cousa, estudar Medicina, sabendo que é algo prohibido para unha muller, e chegar a ser médico para que as mulleres xaponesas non teñan que pasar nunca máis polo mesmo que ela.

“Se houbera mulleres médico, eu e infinidade de mulleres coma min aforraríanse esta horrible vergoña… ¿Por que non me converto en doutora e axudo a todas estas mulleres? Aquel repentino pensamento retumbou no máis fondo so seu ser. Encheu o baleiro do seu corazón, o corazón dunha rapaza de dezanove anos que fracasara no seu matrimonio e perdeu a esperanza no futuro”, esta frase, extraida da novela, é a base de todo o que vai vir despois. Así, unha muller rexeitada e sen un destino claro céntrase en alcanzar un sono. A primeira loita contra a sociedade e contra a súa propia familia é conseguir estudar Medicina, pero se o consegue, moitas máis van ter que vir despois, e ningunha será fácil.

A ambientación histórica non é fundamental, xa que a historia céntrase nunha muller, Ginko Ogino e a consecución do seu soño. Isto fai que a lectura sexa áxil, sen demasiadas explicacións históricas nin sociais. Hai que ter en conta que está escrita por un xaponés para lectores orientais, co cal moitas das tradicións, costumes e usos, prohibicións e limitacións poden parecernos estrañas, aínda que no tanto se temos en conta que estamos a principios do século XX, e algunhas cousas por occidente non eran tampouco tan distintas. Vemos a evolución da protagonista, que tampouco está chea de virtudes, como outros personaxes literarios, e parece bastante unha muller completamente real. É a historia real da loita dunha muller que desafiou ao seu tempo.

Paréceme unha novela moi interesante que vai cambiando a medida que lemos. Ao principio parece moito máis lixeira, cousas de familia, matrimonio e os primeiros enfrontamentos. A cousa cambia tras o viaxe a Tokio e aí empeza a verdadeira historia. Coñeceremos a unha serie de personaxes que serán fundamentais para ela, tanto os que a axudan, que son algúns, como as que non fan máis que poñerlle trabas as súas intencións, que serán máis, claro. Estamos nunha sociedade machista e moi tradicional, así que as súas intencións non so chocan contra unha cousa, senón contra moitas, e son moi poucas as que están ao seu favor. Ademais, como dixen antes, o personaxe principal aparece cos seus defectos e virtudes, e ten tantos de uns como dos outros, non é perfecta, para nada. En certos momentos a historia é tremendamente triste e deprimente, pero en todos eles merece a pena.

É unha historia dunhas catrocentas páxinas, e o único pega pequena que lle podo poñer e que podería ser algo máis longa. Por un lado as cuestións históricas en moitos casos so están plasmadas cunhas liñas lixeiras, poderían ser máis exhaustivas e darnos máis información. Por outro lado hai momentos nos que o tempo pasa con demasiada rapidez, e gustaríanos que nos contara máis cousas do que está a pasar. Non é que esperara máis, so que quería máis. Merece a pena que leades esta novela porque é un personaxe admirable que non parou ata conseguir o que quería, e cando o consegue sempre quererá máis, pero tamén aparecerán máis atrancos, haberá que lela para saber se os supera.

Déixovos ademais un enlace a unha páxina na que podedes ver unha breve biografía da protagonista: http://mujeresquehacenlahistoria.blogspot.com/2010/01/siglo-xix-ginko-ogino.html

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

 
A %d blogueros les gusta esto: